24/2/11

Ocurrencia?

Parece ser que hai que acabar coas escolas. Si, é unha das penúltimas modas. Hai aproximadamente un ano que Julian Gough nunha columna na revista "Prospet" lanzou a idea.
O seu razoamento, non entanto, merece a pena ser considerado. Fagámolo coa axuda dun artigo de Pedro Adão e Silva no Expresso.
Basicamente o autor afirma que o ensino obrigatorio baseado nun currículum ríxido, impartido e administrado en salas de aula pechadas para grupos de mozos que escoitan pasivamente, foi eficaz no pasado como preparación para unha sociedade en vías de industrialización, mais xa deixou de ser eficaz no presente e, sobre todo, de cara ao futuro, onde o que cómpre, seica, é formar a cidadáns emprendedores, a xente con iniciativa que practique a flexibilidade no cambio de posto de traballo e que estea, asimesmo, disposta a asumir riscos na súa peripecia persoal. A escola actual continúa a funcionar en base a unha organización social e en función duns intereses que xa non existen e polo tanto está condenada ao fracaso.
Claro a pregunta surxe de inmediato. Se esta escola non vale, non é útil, non cumpre a súa función, que outra escola ten de vir?
Segundo Gough, ningunha.
Efectivamente, hai que abolir a escola como institución por arcaica e ineficaz.
Mais logo, como acadar a aprendizaxe?  Pois coa axuda da puxante e moderna industria do entretemento, mediante xogos de computador, baseados na simulación e na estratexia nos que se insiran, nun ambiente motivador para o alumnado, os contidos programáticos e temáticos que se estimen necesarios (non entremos agora en cales estes deben ser). Esta idea forza argumentase, tamén, en base a que deste xeito o interese e a motivación dos discentes estaría asegurado, sendo como son factores claves para o exito de calquera proceso de ensinanza e aprendizaxe.
Proclámase pois o seguinte: a industria do entretimento é o novo sistema educativo. Vertamos os feitos, conceptos, principios, procedementos, técnicas e ata valores e normas nos diferentes xogos para os computadores e deixemos que as crianzas vaian asimilando estes contidos dunha forma divertida, amena e gratificante. Que máis se pode pedir? Semella que por unha vez van ter razón certo tipo de pedagogos na súa vella teima de procurar que os nenos xoguen e se divirtan como punto de partida para que poidan acadar unha aprendizaxe de valor. Como di o outro, con fundamento.



No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...