13/2/24

Decisión


Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Podemos Galicia, que se presenta lexitimamente ás elecciones ao Parlamento da Galiza por todas as circunscricións, se empeñe en correr o risco de acadar uns resultados malos ou incluso moi malos, por baixo mesmo da opción de ultradereita, e que consecuentemente quede fóra do Parlamento, so para tratar de manter o pulso con Sumar Galicia, á cal tampouco se lle auguran uns resultados aceptables, se ben non tan malos comos os desta, pero en todo caso insuficientes para ter unhas expectativas claras de entrar no Parlamento galego.
Semella que o obxectivo principal sexa só o feito de presentarse para tratar de perxudicar á outra opción e non o de contribuír, cos sus votos, a cambiar drásticamente a xestión política, social, económica e cultural da Xunta de Galicia.
O votante de Podemos Galicia  sabe, ou debera saber, que co seu voto só testemuña a súa opción con respecto á competecia con Sumar Galicia, o cal é moi lexítimo, pero que non vai ter repercusión algunha no obxectivo de contribuír a cambiar a cor política do goberno galego.
Mais se por acaso ese fose o seu obxectivo podería presionar para que a súa organización política renunciase ás súas candidaturas para así concentrar o voto en outras opcións que sí poden acadar este obxectivo e con elo, ademais de mostrar xenerosidade e altura de miras, protexeríase de ter que mostrar o apoio real que ten entre o electorado galego neste momento, coas consecuencias negativas que pode ter para o que parece o seu obxectivo diana próximo que son as eleccións ao Parlamento europeo.
Razón tiña o seu antigo líder desa formación política cando inmediatamente antes do inicio da campaña electoral recomendou que se votase por la opción do BNG por máis que, e dado o empecinamento en presentarse, tivese que rematar dando o seu apoio á candidata de Podemos, se ben cun entusiasmo digamos que comedido.
Eu aínda non descarto que se recapacite e que se retiren as súas candidaturas por ser esta a opción menos mala de cara o xerar un clima de confianza de cara ás súas expectativas nas eleccións ao Parlamento europeo. Lembremos que nas do ano 2014, que supuxeron a presentación desta forza política, acadou un resultado moi meritorio con 5 actas. Agora, nas de 2024, poden acadar un resultados que permitan unha ou dúas actas pero todo esto pasa, entre outros moitos factores, por non ter que evidenciar a súa debilidade nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro na Galiza.
 

11/2/24

Clube Nacionalista "Alén Nós"

Se mal non lembro e os meus apuntamentos non me enganan, a primeira conferencia do extinto Clube nacionalista "Alén Nós" tivo lugar o 5 de novembro de 1987 no salón nobre do Hotel Haraguaney de Santiago de Compostela. Foi impartida por D. Xosé Luis Franco Grande e levaba por título: "É posible aínda Galicia?" Pasaron xa máis de 36 anos e, infelizmente, a pregunta segue a ser pertinente.

Repasando os meus apuntamentos vexo que naquela altura o conferenciante salientaba tres problemas graves que ensombrecían o futuro de Galicia. A saber:

  • A supervivencia da língua
  • A grave destrución e agresión ao medio ambiente e a desfeita do medio físico
  • E, por fin, a falta de suficiente representación política no ámbito estatal
Pois ben, calquera destes tres aspectos seguen cabalgando pola política galega, xunto a outros que daquela aínda estaban digamos que "controlados" ou aminorados: deterioro da sanidade pública, medios de comunicación públicos "orientados" cando non claramente manipulados por intereses que nada teñen que ver coa súa función primixénia, descenso demográfico, destrución do tecido produtivo, explotación abusiva dos recursos naturais, dependencia... 
Quizáis as transcendentais eleccións autonómicas do vindeiro domingo, 18 de febreiro, poidan supoñer un punto de inflexión no tratamento e solución de todos estes aspectos que, de non ser afrontados cunha clara e decidida política que crea no país, ameazan con aniquilar a súa personalidade política. 
Para elo cumpriría que, entre outros, e como dixo o conferencia naquela altura, o carácter fortemente reaccionario que tiñan os emigrantes galegos retornados que posuían algunha propiedade (licencia de taxi, un bar, un piso, un pequeno negocio,...) fose atemperado co paso destas décadas cara a unha visión máis aberta e solidaria co seu vencello e os seus ancestros. 
Quero crer que o traballo social, cultural e político das forzas soberanistas durante todos estes anos non caera totalmente, para este e outros colectivos, en saco roto. Sobre as 22:30 horas do vindeiro domingo habémolo saber.

24/12/23

O conteo

 

 

A primeira vez contei 62. Cando ía agregando as últimas unidades da serie o corazón comezou a latexar un pouco máis apresa. En seguida me invadiu esa agradable sensación de tranquilidade, de benestar, como se estivese a deslizarme no interior dun fluído denso, nun éter salutífero que calma e sosega. Durou uns minutos de forma intensa. Despois prolongouse máis feble de forma indefinida.

Cando xa comezaba a acostumarme a ese estado pracenteiro e harmonioso, de súpeto, de forma inconsciente, sen saber moi ben como, saíndo dun lugar impreciso do meu cerebro, tomei a decisión de repetir a conta.

Así que, comecei de novo a observación dos cadros, dos números e dos símbolos, relaxado, descontraído, confiado en que o resultado se repetise. Mais, cando xa ía cerca do final asaltoume unha dúbida sobre a suma final. Deseguida se converteu en certeza. Comprobo, con abraio, que saen 64. Sesenta e catro? Non podía ser. Non é posible. Pero que carallo pasara?

Un chisco intranquilo repito a operación e confírmase a fatídica cantidade: 64. Seis decenas e catro unidades!

Unha suor morna aparece na miña pel e, o que é peor, no meu pensamento. Non daba creto. Como é que fun capaz de equivocarme a primeira vez. Si, a primeira vez foi cando contei mal porque as leis da estatística son claras en fenómenos de tan poucos sucesos.

Bon, habería que asumilo. Como en tantas outras ocasión sabía que o paso do tempo aliviaría a pesada carga, o sentimento, a decepción, o bule bule interior. Tranquilidade. Deixemos pasar as horas, os días, quizais as semanas e todo volverá ao seu rego. De novo habería que dotarse de estratexias para convivir por un tempo coa tristura leve, coa desesperanza acoutada, coa incomprensión, coa pesadume e mesmo con algo de amargura. Si porque non podía entender o que pasara. Que quedase fóra, cando en certos intres do proceso estaba confiado, tranquilo e ata albergara algunha fundada esperanza de conseguilo.

Certo que ben pensado, a pesar dos farturentos trinta anos anteriores, onde puiden acumular moito e bo, había que ter en conta que os últimos once anos fora un tempo ermo e baldío para a causa. Ata ese momento non me decatara, claro, cando os outros aspirantes emprendían os máis pintorescos proxectos que pasaron polo aro da idoneidade aproveitando as novas modas, os novos filtros, os tempos da modernidade, eu estaba enfrascado noutros temas, moi afastado da posibilidade de poder seguir enchendo a alforxa con froitos gorentosos como os que no pasado conseguira.

E logo estaba a distribución, a asignación a cada apartado dos elementos da colleita. Por que ese empeño en verter o máis prístino da miña bagaxe, o máis prezado da miña alforxa, nunha soa zarreca, nun cesto vulgar, popular, C'est-à-dire, inservible, nunha artesa que xa estaba “de tas en bas”. Que estraña sensación me impulsaba a encher o que xa estaba a rebordar? Pero, por que non me din conta de que ben podía distribuír e repartir noutras cestas cantidade de pezas, todas de ben demostrada valía e non seguir a envialas ao pozo do apartado que non podía crecer máis por imperativos dos límites establecidos por alguén que, sen moito fundamento, así o decidira, porque xa se sabe que estas restricións nunca son inocentes.

Como era posible que outros participantes ao contar acadaran un 51, un 47 ou mesmo un 36. Pero que estaba a acontecer! Como era posible! Perdera tanta comba! Como era isto así, se no seu día aqueles humanos estaban moi para atrás, movéndose con certa desorientación, con evidentes eivas nalgúns casos, con algunha característica mesmo lamentable, pouco motivadora en todo caso. E agora aí estaban, campando ás súas anchas, con guarismos espectaculares. Acaso cambiara tanto a forma de acadar e validar a necesaria formación, experimentación e posta ao día. E que a filosofía que algúns, os menos, todo hai que dicilo, practicabamos de non dar nada por establecido, de buscar o cambio permanente tratando de adaptarse a unha realidade sempre cambiante e en continua evolución, non era xa válida? Non, non encontraba moita explicación para todo o que estaba a acontecer. Vivir para ver!

Desconcerto, desorientación, inverosimilitude. Estaba abraiado e estupefacto.

Con todo, como un xa ten certa práctica, pasei unha período temporal aceptable, tranquilo, o cal era moi gratificante se temos en conta a envergadura do asunto.

Bon, reflexionamos un intre, tampouco era para tanto, ao fin e ao cabo non era máis que un adorno, unha bonita finta no ramo final. Se non se conseguía en nada ía afear, e moito menos diminuír, as boas colleitas conseguidas, as enriquecedoras experiencias vividas, a boa traxectoria do proceso xa, por outra banda, a punto de que se dese por concluído, vamos, de que se lle pechase a porta.

De tal forma que á mañá seguinte, co novo día, xa vía a situación con certa perspectiva, con certo distanciamento, coa altura de miras necesaria. Puido ser bonito, si, pero o feito de non conseguilo tamén tiña os seus aspectos positivos. Caramba, había que buscarllos! Había que atopalos. En fin, que non se contenta quen non quere.

O certo é que continuei coa redacción do escrito: lin de novo de forma moderada, reordenei parágrafos, suprimín frases, engadín novas referencias, maticei certas afirmacións e volta a reordenar, para deixalo rematado. Pendente dunha última lectura e que ficase listo para subilo á plataforma e agardar a que dera o seu froito, ou non, quizais non, o máis probable era que durmise o sono eterno no moderno arquivo electrónico, cama pracenteira onde as haxa. Cando isto fose unha realidade incontestable, daquela habería que tomar a gran decisión. Pero non nos adiantemos aos acontecementos. Deixemos que as augas escorrenten polas súas concas. Afrontemos os atrancos segundo vaian aparecendo. Tentemos vivir como seres racionais.

Mais, cando xa asumira que con toda probabilidade non ía poder ser, resulta que, por un impulso que aínda non sei moi ben por que e de onde saíra, é dicir da mesma natureza que aquel anterior que antes relatei, volvín a contar, desta vez de vagar, paseniñamente, folla por folla e con apuntamentos parciais.

E mira que, ao sumar estas cantidades parciais o resultado final, despois de telo repasado, foi de... 63. Si, sesenta e tres! No límite meu! Bon, un límite condicionado, pero límite ao fin e ao cabo.

A sensación virou de novo, abríase unha raiola de esperanza, así que, escarmentado, tendo ben aprendida a lección, decidín... non volver a contar! “Por se las moscas”.

Mais... a lectura dunha nova nun xornal dixital abriu un novo horizonte. Non estaba todo dito meu. Aínda había “flecos”. Continuará...

17/11/23

Alerta informativa

Comparto este vídeo co ánimo de difundir a mensaxe que nel se contén. Non hai nada máis urxente no plano informativo xeral que asumir a gravidade da situación á que nos enfrontamos na actualidade por mor da intervención humana nos delicados mecanismos e equilibros que gobernan o noso planeta. Non temos outro habitable (polo menos polo momento) e estamos a estragalo. 




6/11/23

Anotación e contexto

Pixabay

Pois este era o contido dunha anotación que figuraba nunha proba escrita de Física e química de 1º de bacharelato. Estamos no ano 2006...

"Ben sabes que non está permitido copiar, nen usar nengún medio, trebello, artefacto e/ou utensilio tecnolóxico que permita a transmisión de información. Tés que ser honrado contigo mesmo, honesto. A integridade persoal, a honestidade, a honorabilidade, son cualidades que como persoas debemos practicar. Que nos queda se non somos quen de respectarnos a nós mesmos? E que non podemos confiar na nosa conciencia? Se a pesar de todo insistes en realizar prácticas e comportamentos non permitidos, debes saber que te mergullas nun campo abonado de riscos e temeridades. E as consecuencias de tales accións poden ser dramáticas."

Non era tanto que o alumnado non copiase como tratar de suscitar nel unha pequena reflexión.

Menos mal que naquela altura aínda non estaba na moda o concepto de "friki"


Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...