29/2/08

Inútil




Actualmente os valos que se colocan nas principais cidades para pegar cartaces electorais son algo que, ao meu ver, ten unha eficacia cuestionable. Alguén os observa? Ollo, digo observar, non ver, fixarse, divisar algo, albiscar,...
Só contribúen a entoldar, aínda máis, a xa de seu gris e fea (na maioría dos casos) perspectiva do mobiliario urbano.

26/2/08

Verquénse argumentos nos debates electorais?



Na maioría dos casos, evidentemente non. Moita palabrería, labia, promesa electoral, ocurrencia, obviedade, lugares comúns,... pero argumentos? Ulos?
Son malos tempos para a ideoloxía.
Pero digo eu, ter hai que tela, non si?
Pois iso.

19/2/08

"Isto para ti non vale"

De seguro que esta expresión témola escoitado máis dunha vez cando estamos a mercar froita, carne ou peixe, por exemplo, nun establecemento do ramo. Refírese á mensaxe que lle transmite a tendeira, ou tendeiro, á clienta, ou cliente, á hora de ter mostrado iste o seu interese por un determinado producto. Debemos de supoñer que o cliente/a en cuestión é tal que é merecente de toda a atención, coidado e estima por parte do vendedor (por querer seguir tendoo fidelizado, por que lle cae simpático/a, porque o coñece, é amigo/a...) e avísao, en confianza, de que tal producto, ou lote de productos, non valen para el, por non acadar a suficiente calidade.
Pero entón, quen será o "agraciado/a" que levará tales productos que non son merecentes de entrar na casa de tan distinguidos/as e esixentes clientes/as? Pois o primeiro "pardillo" que pase pola tenda con pouca atención, menos afección pola tarefa que está a realizar e algo de présa. Porque, ...mercar nestas condicións, é un delito de tal gravidade como para que esta persoa teña que apandar con mercadorías que non están, segundo o criterio de quen ten obriga de sabelo, ao cen por cen? E que acaso os seus euros non valen o mesmo cos do cliente/a habitual?
Difícil tarefa e grande problema para quen só desexa mercar sen complicacións, de forma rápida e rotinaria porque prefire empregar o seu tempo noutros mesteres, confiando en que non o enganen. En todo caso, de facelo,... saberemos ben as medidas a tomar.

15/2/08

Reflexión

Hai uns días, unha coñecida política do PP do País Vasco, Sra. San Gil, co motivo da impartición dunha conferencia, foi obxecto, por parte dun grupo de estudantes, de insultos e ameazas graves, ademáis dun intento de agresión, na Facultade de Económicas e CC Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Este tipo de conductas son sempre rechazables e condenables por canto son contrarias ás máis elementais normas democráticas. Toda persoa debe ter dereito a expoñer a súas ideas sen máis límites que os contemplados na lexislación vixente.
Ao fío deste asunto quero facer a seguinte reflexión. Parto da premisa de distinguir claramente entre a dignidade da persoa e as ideas que esta posúa manifestadas libremente. Así, se a persoa é sempre e en todo caso obxecto de respecto, a súas ideas poden, e deben, ser peneiradas en función das que posúa, á súa vez, o seu interlocutor. É dicir, as ideas poden ser compartidas e respectadas, poden ser só respectadas e non compartidas e poden tamén ser simplesmente aceptadas (nin compartidas nin respectadas). Polo tanto fronte á coñecida "cantinela" de non comparto as túas ideas pero respéctoas, tamén é posible obxectar o seguinte: non comparto as túas ideas, nin as respecto (como facelo se son defensoras do racismo ou do xenocidio?, poñamos por caso) agora ben, como demócrata, teño que aceptalas. Eu son dos que opino de que en democracia todas as ideas son admisibles, mesmo aquelas que defenden a súa destrucción.
Aceptemos pois as ideas dos demáis (e o seu dereito a manifestalas pública e pacíficamente) pero teñamos tamén, paralelamente, liberdade para xulgalas en función da nosa cosmovisión do mundo.

12/2/08

Aforro enerxético



Efectivamente trátase de aforrar enerxía. Cada día que pasa percíbese máis a necesidade de facelo. Xa sei que hai a penas tres anos este tema era practicamente descoñecido. Non obstante algúns xa albiscábamos que tería por forza que tomar presencia e importancia. Somos moitos, e cada día máis, nun planeta fermoso pero limitado. Cómpre apoiar a lexítima procura da mínima ración enerxética para todos os habitantes dos países que aínda non acadaron cotas de benestar compatíbles coa mínima dignidade humana. Para isto é necesario que as persoas que vivimos en comunidades cun grao de desenvolvemento aceptable, non só non malgastemos a enerxía, senón que practiquemos con decisión medidas de aforro enerxético. Pequenos xestos abondarán ao principio. O importante é comezar a adquirir hábitos de aforro e darlle tempo ao tempo.

10/2/08

Expresións falsarias


Non é infrecuente ler nos xornais e revistas expresións que tratan de camuflar realidades non sempre gratas baixo unha retórica engañosa. Algunhas incluso teñen certo uso na linguaxe cotián durante algún tempo. Estou a falar de contabilidade creativa, guerra humanitaria, limpeza étnica, ataque preventivo, guerra pola liberdade, danos colaterais, centros de estancia temporal para inmigrantes, burbulla inmobiliaria,...De seguro que se permanecemos atentos á vindeira campaña electoral poderemos atopar algún exemplo máis que engadir ao listado. Prometo estar atento.

7/2/08

Poemas e ecuacións científicas

No limiar do interesante libro Fórmulas elegantes de G. Farmelo (Metatemas), coméntase a relación entre un poema e unha ecuación científica. Evidencianse as analoxías que xurden entre estes dous conceptos, en principio tan dispares. Reparando no tema podemos decatarnos que non o son tanto. Vexamos:
  1. Un poema é un traballo de imaxinación creativa para acomodar realidades en conflicto co obxectivo de acadar unha orde nova. Unha ecuación tamén é un traballo de imaxinación para acomodar as aparentemente distintas magnitudes físicas nunha nova orde.
  2. Que lle pasa a un poema se cambiamos unha palabra ou un signo de puntuación? Que lle pasa a unha ecuación científica se lle realizamos un cambio, por mínimo que este sexa? Non é difícil decatarse de que en ámbolos dous casos causaremos unha verdadeira desfeita cambiando o sentido por completo.
  3. Semella que hai unanimidade en considerar que a poesía é a forma de linguaxe máis precisa, máis concisa e máis cargada de significado que poidamos concibir. Pois ben, tamén as ecuacións científicas constitúen a forma máis sucinta, máis condensada, elegante e resumida de expresar o aspecto da realidade física que describen.
  4. Que produce a nova lectura dun poema? Pois novas sensacións e asociacións. A que leva o estudo detallado dunha ecuación? Pois a descubrir aspectos que non se percibiron ao principio.
  5. Por último, para unha mente disposta e preparada, que produce un poema?, que produce unha ecuación? produce... estímulos ricos, variados, profundos e enriquecedores.
Deixemos para outro día o máis evidente, é dicir, as diferencias entre un poema e unha ecuación. E para rematar quizáis non sexa mala idea facelo cun poema e cunha ecuación. O poema é de Miguel Hernández (espero que non me traicione a memoria):
Cada día que pasa es más raíz, menos criatura
que escucha bajo sus pies la voz de la sepultura.
A ecuación pode ser a que condensa a Lei de gravitación universal de Newton. Transcrita poderíamos enunciala do seguinte xeito: a forza de atracción que existe entre dous entes materiais dotados de masa é directamente proporcional á cuantía das súas masas e inversamente proporcional ao cadrado da distancia á que se atopen. A constante de proporcionalidade, G, é efectivamente unha constante de validez universal.
Máis nada.


6/2/08

Cousas veredes...


"El material más oscuro jamás fabricado" decía o titular dunha noticia aparecida no xornal. Trátase dunha estructura, unha especie de alfombra, formada por nanotubos de carbono, que reflicte tan só un 0,045% da luz que recibe. Ata aquí todo ben.
Maís,... parece ser que o equipo norteamericano que fixo tal descubrimento, pertencente ao Polytechnic Institute de Troy (Nova York), tivo a ocurrencia de enviar a referencia do seu achádego aos editores diso que se da en chamar Libro Guinness dos Récords. Xa temos logo un logro de carácter científico, con seguras aplicacións prácticas no futuro que poden facilitar a vida, á par que a tortilla máis grande ou a estupidez dita pola persoa máis falangueira. Ver para crer.


Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...