15/11/21

Unha tarde de decembro

Cando aquela tarde de inverno de 1978, fría e co lusco e fusco a punto de señorear, guiei o meu macanudo, acabado de estrear, automóbil marca Seat 131-1600 de cor amarela, deica a rúa Avenida das Burgas do campus sur da USC e, condicionado pola euforia do bendito suceso anterior, decidín colocar a vella casete dos The Allman Brother Band no radiocasete e xirar o botón do volume non pensaba que aquelas pracenteiras sensacións visuais e sonoras ían permanecer no tempo tan nidias, tan frescas. Pero así foi. 

Aínda hoxe lembro aqueles intres como uns dos momentos máis agarimosos daqueles convulsos e complicados anos.


















A música dos "irmáns Allman" era acaida para a situación e o estado anímico. Vaia que si o era!



Andando os anos o grupo de algúns dos seus fillos é digno continuador da súa lenda: Allman Betts Band.

Hoxe paseando pola mencionada localización xeográfica, profundamente transformada en todos os sentidos, apenas poido recoñecer unha vía vulgar e prosaica, ateigada de coches, que suscita un aroma convencional, propio de calquera rúa dunha cidade media, a anos luz daquelas lembradas e celebradas experiencias, cargadas de vida.



16/8/21

A radiación de fondo


A radiación de fondo existe, foi.

A radiación de fondo agromou, é.

A radiación de fondo identifica, somos.

A radiación de fondo acolle, existimos.

A radiación de fondo acompáñanos.


Alguén viu, percebeu, sentiu á radiación de fondo?

Ela está para dar constancia da orixe,

para lembrar o futuro do pasado,

para denotar a procedencia,

para facermonos, sempre, humanos.





20/2/21

Emenda


Na vida dunha persoa hai momentos de especial transcendencia, de íntima sensibilidade, de profunda reflexión. Momentos nos que se fai un alto, recapacítase e mírase para atrás para descubrir e asumir que xa hai un pasado agrandado e que todo ten cambiado dunha forma irreversible. Con certeza xa nada volverá ser igual.

Aparece o desasosego por non ter feito, no seu momento, o que parecía o máis indicado, o máis conveniente, o que quizais algúns, aqueles que realmente nos importan, confiadamente esperaban de nós. Asemade, preséntase un estado de previsión de acontecementos e sucesos que un aspira poder gobernar con cautela, xestionar con tino, encamiñar harmonicamente sen causar estragos para non defraudar expectativas. Co propósito decidido de intervir, de dicir, de mostrar, de evidenciar presenza. Aínda a risco de facelo en demasía, sabendo que non acontecerá pois un asume que ten tendencia mais ben a pecar por defecto, practicando en exceso a prudencia e a discreción. Nestas ocasións non debería seguirse o dito de que a mellor palabra é a que está por dicir. Moi polo contrario, hai que presentala con confianza, con firmeza, se ben hai que agasallala con sentido, con fondura e, sobre todo, con verdade.

Moitos afirman que o mellor nesta vida é procurar a felicidade, outros inclínanse por buscar a beleza e, aínda os hai que se conforman con dar e recibir amor. Loables e ben intencionadas pretensións! Mais para tentar realizalas debemos dotarnos dos coñecementos, dos afectos e dos mecanismos que nos fornezan da necesaria tranquilidade e do mínimo conforto cun mesmo. En como cadaquén constrúa estes artefactos, aplique os coñecementos necesarios e modifique o comportamento en función do resultado que produzan para o fin pretendido, reside parte da sabedoría que moi poucos mortais son quen de acadar plenamente.

Mentres tanto conformémonos e dispoñámonos a aspirar con non deixar escapar vivos, mais unha vez, eses momentos, eses intres, que realmente son importantes e transcendentes, polos cales paga a pena vivir. Procuremos identificalos a tempo e actuar con presteza para evitar, despois, telos que lembrar con pesar, tristura e desasosego, coa coñecida e molesta impresión de poder ter feito, poder ter dado ou poder ter dito algo máis.

Realmente, penso que saber identificar e apreciar estas vivencias, exprimíndoas ata a derradeira gota, forma parte dese grupo de destrezas e habilidades que un debería ter atesourado co paso dos anos.

Asumindo que non é doado, niso andamos.


6/2/21

Alegría

 

 

Alegría por ter nacido, por ter aparecido, por ter vivido,

por terme emocionado e por ter chorado.


Ledicia por crecer, por evoluír, por aprender,

por progresar, ás veces non axeitadamente.

 

Goce polo amor e a amizade, pola tenrura e a vontade,

polo sorriso e a soidade.

 

Fartura dos excesos, dos poderosos e dos necios,

así como dos hipócritas e dos obsesos.

 

Debilidade pola emoción, polo sentimento e pola paixón,

tamén pola racionalidade e o pensamento.

 

 Aspiración ao ascetismo, á pureza e á lealdade,

como non, á beleza e á solidariedade.


E sempre: reflexión, introspeccción, fondura, núcleo e paz.



 

 

 

 



Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...