28/1/11

Atrancos de credibilidade

  • Son os que eu teño a respeito de certas declaracións que están a facer estes días algúns deportistas de elite. Non acredito totalmente no que din. A súa verdade non me resulta por completo satisfactoria. Percibo algo estraño, artificial, inseguro. Algo non flúe como debería. Hai certamente un problema de falta de confianza, de credibilidade.
  • Son os que eu padezo despois de ler determinadas informacións periodísticas sobre un estudo do que non acredito, en base á información de que dispoño, se tivo en conta, para establecer a súa desexable e impactante conclusión, todas as variables que interveñen no fenómeno a estudar. Perceberon ben os autores a complexidade do obxecto de estudo? Tiveron suficientemente en conta a variabilidade e volubilidade do comportamento humano? Quizáis introduciron, tamén, no modelo matemático usado, o efecto posible e provable de poñer en práctica, ou non, determinadas políticas en relación ao idioma? Introduciron no modelo a consideración de variables demográficas, políticas, sociolingüísticas? Demasiados interrogantes para tan aquelada conclusión. Resultado? Pois que, aínda que o desexaría, non dou moito creto á mesma. Problemas de credibilidade á luz dos datos manexados e, sobre todo á fabulosa complexidade da cuestión a estudar, que sobarda con moito, para mostrar a súa evidencia, o uso de datos cuantitativos, por moitos e veraces que estes sexan.
  •  Son os que eu atopo cando escoito a algunhas persoas que me contan "luces de córes" ou "músicas celestiais" e nese mesmo instante estame a asaltar a sensación incómoda de que aquilo non dá e que teremos que cambiar de tema para tentar de novo unha conversa que destile confianza. Afortunadamente non todas as cuestións que xurden na relación comunicacional con estas persoas son do mesmo tipo e adoecen do mesmo subxectivo defecto.

15/1/11

Constatación

A camareira, unha moza amable e profesional, indícanos que a única mesa do patio que queda sen ocupar en realidade é para tres e que quizáis os catro íamos estar incómodos. Oferécenos a posibilidade de subir ao comedor do primeiro andar. Aceptamos. Instalámonos na mesa que está ao fondo. Somos atendidos con prestancia e celeridade. As expectativas estábanse a cumprir.
Cando estabamos a punto de probar o viño entra unha familia extensa de once ou doce membros a celebrar a festa de anos do patrón. Instálanse lonxe de nós, nunha das mesas da entrada que xa tiñan reservada.
Non pasan cinco minutos e aparecen correndo, de súpeto, tres raparigos, dous "mozos" e unha "moza". Por momentos parece que a tranquilidade inicial ía verse perturbada.
A seguir veñen os seus pais, que andando o tempo tiñan de resultar unha parella de profesionais do mundo do audiovisual e a publicidade que semellaban non ter máis de trinta e tantos. O miúdo maior, uns seis anos, resulta ser moi comunicativo e ata conta con gracia aos seus pais algúns sucedidos que lle aconteceran na escola e que aínda non tivera ocasión de transmitir. Os seus irmáns, ela duns tres ou catro anos, e o pequenino de apenas un e medio, son máis reservados sen que elo implique que fiquen mudos. Os tres falan cando vén ao caso, responden ás indicacións dos seus pais e, o que resulta máis chamativo, compórtanse de forma comedida e educada. Ímos ver, son nenos e exercen de tales mais non berran, nin choran, nin corren polo local. Están sentados pacientemente e "conversan", sobre todo Martín, cos seus pais. O temor inicial desfaise. Percíbese que hai traballo educativo detrás, que hai fomento e práctica de hábitos saudables. Vamos, boa crianza.
Pais e fillos conforman unha escea modélica. Pais e fillos transmiten ledicia e harmonía. Pais e fillos comunícanse sempre na lingua A.
Durante o tempo que compartillamos local a lingua B estivo ausente desta mesa familiar. Non era nada persoal, percebíase que simplesmente era totalmente allea, dunha forma natural e directa, á realidade vivencial deste núcleo. Eran dúas xeracións perfecta e felizmente instaladas na lingua A.
Ben mirado, a lingua B semellaba que ía estar ausente do universo vital desta modélica familia.
É o rumor social. É o mecanismo que conduce á desaparición. É a loita desigual.

13/1/11

O nacionalismo dos outros


Contundente resposta de Hilari Raguer a un anterior artigo de Gregorio Peces-Barba, que xa foi obxecto de comentario neste blog.
Seguir afirmando certos enunciados ten o seu coste, por moi asentados que estes estean en certa elite político-mediática, xa que non resisten o mínimo contraste á luz dos coñecementos ben establecidos da historia e da ciencia política.
Ben sei que a cantidade 500 ten o seu encanto, redondez e feitizo mais non deberan ser estas cualidades suficientes para que alguén con prestixio académico e profesional puidera soster determinadas interpretacións que máis que baseadas no saber emanado das ciencias sociais son deudoras dunha posición política concreta.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...