27/7/26

Ribadavia, na rampa do despegue

Domingo, 26 de xullo de 2026

Ribadavia está a punto de dar un salto cualitativo para proseguir o cuantitativo que inicio hai xa uns cantos anos.
Non é só que haxa máis xente na vila, que estean máis animadas as rúas e prazas, que haxa novos equipamentos culturais, que cada vez aparezan máis casas restauradas e rehabilitadas, que se respire un aire que crea un ambiente de gran vila histórica, senón que abriron novos locais e negocios de alternativas varias (vén é certo que moitos deles centrados na cultura e degustación do viño) e se dotou de novos equipamentos comunitarios.
Tamén se observa, e Ross Mary confirma,  un fenómeno de turismo masivo e un proceso de xentrificación,  do cal hai xa moi evidentes signos.
A pesar disto se os dirixentes locais, ou os novos que poidan vir nas vindeiras eleccións municipais, son quen de atopar un equilibrio entre tradición e modernidade, entre crecemento económico e respecto polo medio natural e cultural  e, así  mesmo, sexan capaces de poñer en valor e dinamizar un gran activo como é o paso do río pola vila, o seu futuro iniciará unha senda de desenvolvemento polo camiño da sustentabilidade.
Envío unhas cantas fotografías que quizáis corroboren, de forma parcial, as afirmacións anteriores. Nelas pode observarse parte destas novas dotacións e ambientes.

8

27/9/25

Experimento botánico (ou case)

A nosa pequena historia comeza no ano 1979 cando o meu pai prantou na casa que estaba construíndo unha palmeira. Cos coidados recibidos e co paso dos anos foi medrando ata convertirse nun exemplar de gran porte e fermosa presencia.


Pero a cada vez máis evidente presenza do cambio climático, xunto con outros factores, trouxo por estas latitudes especies de outros lugares do planeta que se aclimataron rapidamente causando danos en animais e prantas.
Así na altura do ano 2019 ou 2020 a fachendosa palmeira viuse afectada seriamente por unha destas pragas, en concreto a do picudo vermello
Tal foi a afectación que despois duns meses de desconcerto e serio ataque por parte do bicho a palmeira, despois de resistir o que puido e na usencia de tratementos que non soubemos nin puidemos darlle, estaba xa ferida de morte. Houbo que tomar a decisión de cortala para evitar todavía máis o seu deterioro e para darlle un final noble.
Chamamos a unha empresa especializada neste tipo de traballos e tomamos a decisión de que quedase un toro a un metro do chan aproximadamente, para que servise de base para colocar unha posible maceta con pranta e para futuras intervencións que puidesen surxir. 
A casualidade fixo que tivesemos noutro lugar unha pequena palmeira en maceta idónea para colacar por riba do toro que deixaramos. Deseguida se nos ocorreu a idea de que ben a poderíamos considerar como as neta, ou quizáis a bisneta, da palmeira que no seu día prantara o meu pai.


E aquí vén o experimento (nunca mellor dito).
A idea foi a de practivar un burato na tapa do toro para poder albergar nel unha pranta tal como se adoita facer neste tipo de situacións. Pero non unha calquera senón precisamete a palmeira neta, ou bisneta  E non incrustada na maceta senón directamente no burato.
Dito e mans á obra. Había que realizar un burato no toro para poder albergar á "criatura".
Empregáronse ferramentas de todo tipo e despois dun labor paciente e dun traballo laborioso, pousado e cremos que meticuloso, cáseque de orfebre, por fin mostrouse o oco no toro da vella palmeira.





Tocaba agora sacar á palmeiriña da súa maceta para albergala no oco practicado.



Finalmente quedou así.



Veremos no que dá. Haberá actualizacións.








15/9/25

Un verán de camiñadas

O verán de 2025 foi de profundización e especialización de algo xa ensaiado no de 2024: o goce dunha serie de camiñadas máis ou menos diarias polas terras de Muros e Carnota como sana alternativa ás duras, e por veces perigosas, sesións de praia, sol e baño de outros anos.
Nesta nova andaina veraniega tiven a sorte de estar acompañado polos meus cuñados Fabio e Raúl, sobretodo por Fabio que se constituíu no fiel e certeiro acompañante na maioria das saídas. Se ben é certo que a forma física destes estaba, e está, moi por riba da miña, sobre todo a de Raul, que evidencia unha facilidade e preparación propias dun auténtico corredor de monte, elo non foi óbice para que puidésemos deselvolver as xornadas con eficacia e gozo, superando, ás veces, pequenos atrancos propios da faena. Desta forma, nomes como o Monte Pindo, Monte Louro, Monte Naraio, A Torre dos Mouros, O Bico do Santo o Faro de Lariño ou as praias de Ximprón, Ardeleiro, Portocubelo, Cons, Mar de Lira, Carnota, San Mamede, Quilmas ... foron habituais nas nosas saídas pola comarca.
A vantaxe desde tipo de actividade con referencia á súa alternativa de praia pura e dura resulta evidente para persoas ás que os areais só lle pracen de forma moderada e puntual para pasear e tomar baños, mais na que un dos elementos máis significativos que actúan nos mesmos, o sol, constituíuse nos últimos tempos, para min, nun auténtico inimigo a combater e evitar, na medida do posible.
En resumo, este tipo de camiñadas son un complemento adecuado, alternativo, instrutivo e facilitador a outras actividades máis festivas e lúdicas das que, se acaso, falarei noutro momento. Saude!

3/9/24

A praia




A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de outros moitos entusiastas, mentras él degusta, gorentoso e momentaneamente feliz, un aperitivo desde a terraza da cafetería do hotel, oteando concienzudamente o panorama, satisfeito coa situación e reafirmándose na súa estratexia.


A praia tamén pode ser ese concepto que suscita opinións encontradas, posturas diverxentes, disputas apasionadas: defensores convencidos, honestos e funcionais, os máis , á  par que detractores con causa e cargos acusatorios, partidarios entusiastas e contrarios obcecados. Críticos coa sua desnaturalización, degradación e masificación. Anunciantes da súa decadencia, depauperación e mesmo desaparición por mor da emerxencia climática xunto con usuarios decididos, firmes e con ilusión renovada.


A praia tamén pode ser ese espazo, cheo de area, no que estando pronto para bañarte es interpelado por unha señora sobre a túa orixe, tomándote pouco menos que por oriundo de latitudes boreais e comunicándoche, sen solicitude previa, a súa opinión sobre as súas bondades e beneficios. 
A educación e a cortesia, inclínante a refrendar sen estusiamo a súa opinión. Chamábase Ángeles e venareaba en Serres desde hai máis de 35 anos. Despediuse cortesmente non sen antes calificar como bendita a esta maravillosa terra. Non serei eu quen a contradiga.

14/8/24

Para concretarme


A VIDA

A vida escápaseme
entre tardes de lectura
e noites de insonnio.

A vida comprímese 
entre lembranzas posibilistas
e accións imposibles.
-----
BUSCA

Fun a outra cidade á busca do esquecido.
Atopei lembranzas cativas.
As grandes e intensas estaban dentro.

É sabido que as certezas non existen,
menos coñecido é que os sentimentos ennoblecen e orientan,
cubrindo con tolerancia os pensamentos 
e marcando o camiño da superación.
-----
RAPARIGA

Atende solícita, con donaire, con fachenda, plena de recursos.

Loce espléndidos roupaxes e sutiles encantos que perduran.

Desprázase harmoniosamente en fase e sorri solapando as formas e os modos.

Despídese cun saúdo de esencia que se espalla embriagando o ambiente.

A bela compañía ocasional, estacional, furtiva.

A musa encantadora que todo o fai, que cura e sana.

A beleza proporcionada que irradia fantasia e cor.

A ilusión de volver.

Ah!
------
BALANCÉATE

Baila, danza, xira, repite...balancéate.
Come, masca, purga, bebe...balancéate.
Mira, oe, observa, céntrate... balancéate.
Vai, vén, anda, pende... balancéate.

Balancéate nos aconteceres diarios.
Balancéate nos afectos próximos.
Balancéate nas vivencias auténticas.
Balancéate nos cariños que importan.

------
TRANSO

Cando lle atenaza a serpe
a seguridade ablanda.
Cando os aconteceres a espantan
a fortaleza retorna rexa.

Como é posible que o xesto nimio
impacte e tarde en devecer?
Como é factible a caída súpeta?
Como tan costosa a lenta recuperación?

Tan fuxidía a estabilidade: 
que necesidade se sente dela!
Tan denostada a rotina:
que compañeira sanadora!
Tan ansiada a normalidade:
que pronto se torna rizada e dura.

-----
REITERACIÓN

Que deprimente é saber que a indignación quedará calma, inerte, inoperante, muda.

Que frustrante experimentar a mesma reiterada sensación. Trunfante e, con tempo medido, inocua.

E sobre todo: que idiotez vivir algo que sabes que vai morrer, que vai esvaecerse sen remedio.

Que asco de situación. 

Que cansina vivencia! 

Que que de case todo.(1)

(1) Ata aqui a concreción. Para non exporse a este perigo, ler (bós) poemas en “Para non concretarme” de Tamara Andrés. Editorial: Positivas, 2024.


Ribadavia, na rampa do despegue

Domingo, 26 de xullo de 2026 Ribadavia está a punto de dar un salto cualitativo para proseguir o cuantitativo que inicio hai xa uns cantos ...