24/12/23

O conteo

 

 

A primeira vez contei 62. Cando ía agregando as últimas unidades da serie o corazón comezou a latexar un pouco máis apresa. En seguida me invadiu esa agradable sensación de tranquilidade, de benestar, como se estivese a deslizarme no interior dun fluído denso, nun éter salutífero que calma e sosega. Durou uns minutos de forma intensa. Despois prolongouse máis feble de forma indefinida.

Cando xa comezaba a acostumarme a ese estado pracenteiro e harmonioso, de súpeto, de forma inconsciente, sen saber moi ben como, saíndo dun lugar impreciso do meu cerebro, tomei a decisión de repetir a conta.

Así que, comecei de novo a observación dos cadros, dos números e dos símbolos, relaxado, descontraído, confiado en que o resultado se repetise. Mais, cando xa ía cerca do final asaltoume unha dúbida sobre a suma final. Deseguida se converteu en certeza. Comprobo, con abraio, que saen 64. Sesenta e catro? Non podía ser. Non é posible. Pero que carallo pasara?

Un chisco intranquilo repito a operación e confírmase a fatídica cantidade: 64. Seis decenas e catro unidades!

Unha suor morna aparece na miña pel e, o que é peor, no meu pensamento. Non daba creto. Como é que fun capaz de equivocarme a primeira vez. Si, a primeira vez foi cando contei mal porque as leis da estatística son claras en fenómenos de tan poucos sucesos.

Bon, habería que asumilo. Como en tantas outras ocasión sabía que o paso do tempo aliviaría a pesada carga, o sentimento, a decepción, o bule bule interior. Tranquilidade. Deixemos pasar as horas, os días, quizais as semanas e todo volverá ao seu rego. De novo habería que dotarse de estratexias para convivir por un tempo coa tristura leve, coa desesperanza acoutada, coa incomprensión, coa pesadume e mesmo con algo de amargura. Si porque non podía entender o que pasara. Que quedase fóra, cando en certos intres do proceso estaba confiado, tranquilo e ata albergara algunha fundada esperanza de conseguilo.

Certo que ben pensado, a pesar dos farturentos trinta anos anteriores, onde puiden acumular moito e bo, había que ter en conta que os últimos once anos fora un tempo ermo e baldío para a causa. Ata ese momento non me decatara, claro, cando os outros aspirantes emprendían os máis pintorescos proxectos que pasaron polo aro da idoneidade aproveitando as novas modas, os novos filtros, os tempos da modernidade, eu estaba enfrascado noutros temas, moi afastado da posibilidade de poder seguir enchendo a alforxa con froitos gorentosos como os que no pasado conseguira.

E logo estaba a distribución, a asignación a cada apartado dos elementos da colleita. Por que ese empeño en verter o máis prístino da miña bagaxe, o máis prezado da miña alforxa, nunha soa zarreca, nun cesto vulgar, popular, C'est-à-dire, inservible, nunha artesa que xa estaba “de tas en bas”. Que estraña sensación me impulsaba a encher o que xa estaba a rebordar? Pero, por que non me din conta de que ben podía distribuír e repartir noutras cestas cantidade de pezas, todas de ben demostrada valía e non seguir a envialas ao pozo do apartado que non podía crecer máis por imperativos dos límites establecidos por alguén que, sen moito fundamento, así o decidira, porque xa se sabe que estas restricións nunca son inocentes.

Como era posible que outros participantes ao contar acadaran un 51, un 47 ou mesmo un 36. Pero que estaba a acontecer! Como era posible! Perdera tanta comba! Como era isto así, se no seu día aqueles humanos estaban moi para atrás, movéndose con certa desorientación, con evidentes eivas nalgúns casos, con algunha característica mesmo lamentable, pouco motivadora en todo caso. E agora aí estaban, campando ás súas anchas, con guarismos espectaculares. Acaso cambiara tanto a forma de acadar e validar a necesaria formación, experimentación e posta ao día. E que a filosofía que algúns, os menos, todo hai que dicilo, practicabamos de non dar nada por establecido, de buscar o cambio permanente tratando de adaptarse a unha realidade sempre cambiante e en continua evolución, non era xa válida? Non, non encontraba moita explicación para todo o que estaba a acontecer. Vivir para ver!

Desconcerto, desorientación, inverosimilitude. Estaba abraiado e estupefacto.

Con todo, como un xa ten certa práctica, pasei unha período temporal aceptable, tranquilo, o cal era moi gratificante se temos en conta a envergadura do asunto.

Bon, reflexionamos un intre, tampouco era para tanto, ao fin e ao cabo non era máis que un adorno, unha bonita finta no ramo final. Se non se conseguía en nada ía afear, e moito menos diminuír, as boas colleitas conseguidas, as enriquecedoras experiencias vividas, a boa traxectoria do proceso xa, por outra banda, a punto de que se dese por concluído, vamos, de que se lle pechase a porta.

De tal forma que á mañá seguinte, co novo día, xa vía a situación con certa perspectiva, con certo distanciamento, coa altura de miras necesaria. Puido ser bonito, si, pero o feito de non conseguilo tamén tiña os seus aspectos positivos. Caramba, había que buscarllos! Había que atopalos. En fin, que non se contenta quen non quere.

O certo é que continuei coa redacción do escrito: lin de novo de forma moderada, reordenei parágrafos, suprimín frases, engadín novas referencias, maticei certas afirmacións e volta a reordenar, para deixalo rematado. Pendente dunha última lectura e que ficase listo para subilo á plataforma e agardar a que dera o seu froito, ou non, quizais non, o máis probable era que durmise o sono eterno no moderno arquivo electrónico, cama pracenteira onde as haxa. Cando isto fose unha realidade incontestable, daquela habería que tomar a gran decisión. Pero non nos adiantemos aos acontecementos. Deixemos que as augas escorrenten polas súas concas. Afrontemos os atrancos segundo vaian aparecendo. Tentemos vivir como seres racionais.

Mais, cando xa asumira que con toda probabilidade non ía poder ser, resulta que, por un impulso que aínda non sei moi ben por que e de onde saíra, é dicir da mesma natureza que aquel anterior que antes relatei, volvín a contar, desta vez de vagar, paseniñamente, folla por folla e con apuntamentos parciais.

E mira que, ao sumar estas cantidades parciais o resultado final, despois de telo repasado, foi de... 63. Si, sesenta e tres! No límite meu! Bon, un límite condicionado, pero límite ao fin e ao cabo.

A sensación virou de novo, abríase unha raiola de esperanza, así que, escarmentado, tendo ben aprendida a lección, decidín... non volver a contar! “Por se las moscas”.

Mais... a lectura dunha nova nun xornal dixital abriu un novo horizonte. Non estaba todo dito meu. Aínda había “flecos”. Continuará...

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...