2/8/11

1800 segundos


Ese foi o tempo de espera que tiveron que agardar o pasado venres, 29 de xullo, os espectadores  situados na praza do Obradoiro e contorna para observar o espectáculo de luz e son sobre a fachada da catedral, que programado para as 11:30 h. foi adiado ata as 00:00 h. Era o penúltimo día dunha xeira de catro ou cinco nos que se repetia o evento en cuestión, sempre, parece ser, con asistencia numerosa e entusiástica. Mais cal foi o motivo aducido para tan imprevista e súbita espera?
Pois que se estaba a celebrar un concerto na veciña praza da Quintana e os fogos de artificio do final poderían interferir negativamente no mesmo. Con todo era a primeira vez que se tiña en consideración tal cuestión, xa que nos días anteriores tamén se celebraran concertos na Quintana e o pase, segundo constaba por outra parte na programación oficial, foi sempre ás 11:30 h e, obviamente, os fogos de artificio finais afectaron ás actuacións de tal forma que os músicos tiveron que interrumpilas, ata que a intensidade das ondas sonoras dos foguetes que se propagaban polo espazo fose de tal magnitude que non interferise coas que emanaban dos instrumentos ou cordas vocais.
Entón, que característica tiña o concerto programado para o venres que non tivesen os programados nos días anteriores? Que tipo de diferenciación se estaba a practicar no referente aos efectos da traca final do espectáculo? Como é que o que valía para uns non era acaido para outros? Non estaríamos ante unha repugnante discriminación? Misterio. A explicación oficial, dada por megafonia en perfecto trilingüe, non aclaraba nada limitándose só a anunciar que por mor do concerto da Quintana se retrasaba o pase para as 00:00 h. (1.800 segundos). Como era de esperar a medida non foi ben acollida polo público presente e inmediatamente se escoitaron protestas, balbordos e asubíos, que se non foron máis numerosos e intensos foi pola manifesta impericia para practicalos de grande parte dos asistentes.
Vaiamos por partes:
1º É xa moi opinable (e recoñezo que a miña percibo que é minoritaria) o feito de que se celebren concertos, de variado tipo e condición, na monumental e fermosísima praza da Quintana. Como pode ser que lugar tan fermoso, impresionante, maxestuoso e recollido se vexa periodicamente perturbado, desfigurado e agredido por palcos e lonas desmesurados, por casetas horrendas, andamios, cables abundantes, cartaces inapropiados e pintorescos que anuncian o obvio, cabinas de WC ambulantes, cantinas improvisadas, tenderetes varios e vallas por doquier, todo elo presidido  polo mal gusto e a fealdade máis vulgar? Pero que clase de persoas permiten este atentado programado e reiterado ao patrimonio artístico e monumental de Compostela?
Ao meu ver a praza foi concibida para a reflexión, o recollimento, a contemplación creativa e para o goce estético, non para acoller eventos de dudoso encaixe, baseados por exemplo na programación das radio-fórmulas, con músicas tan repetitivas e insustanciais como prescindibles. Para iso hai outros espazos máis apropiados. Ouviron falar vostedes das salas de concertos?, dos auditorios?, das salas de festas?, dos cabarés?, das explanadas das alamedas?, dos rockódromos de diferente clase e condición? Aló é onde estes espectáculos vibran no seu contexto e permiten o goce libre e desenfreado para quen goste, participando activamente sen ofender á beleza, á sensibilidade e ao patrimonio.
Prazas como a da Quintana, a do Obradoiro e calquera outra similar non deberían ser degradadas sistemáticamente por actividades claramente incompatibles co fin para o que foron concebidas. En todo caso si serían admisibles concertos minimalistas e actividades cidadáns que respectasen a lugar, armados coa mínima infraestrutura posible, con intervencións puntuais e reversibles que non desfigurasen o espazo.
2º Tendo que aceptar democraticamente unha realidade que non me gusta, os programadores de todos estes eventos ben puideron prever a interferencia entre estes espectáculos e marcar o seu inicio en franxas horarias que permitisen a súa compatibilidade sen ter que correxir sobre a marcha, insospeitada e apresuradamente os seus horarios.
3º Todo elo resulta aínda máis lastimoso se reparamos no feito comprobado de que a puntualidade foi unha cualidade escrupulosamente practicada, o cal constitúe unha máis-valía e consideración salientable neste país, onde o máis común é desprezar, unha e outra vez, o tempo dos demáis, mostrando unha falta de respeito e seriedade que define negativamente a quen principia con demora o que se comprometera a facer en tempo e hora.
4º  Por último resulta de todo punto improcedente, con independencia da pertinencia da celebración en tan noble lugar, establecer unha diferenciación entre as diferentes manifestacións artísticas que se foron sucedendo na Quintana. Non se acerta a comprender cales foron as criterios usados para ter cun espectáculo a delicadeza, a consideración e o respecto que se lle negaron aos outros. Foi unha cuestión non prevista con anterioridade que surxiu de súpeto a última hora? En calqueira caso, o/a responsable, posto nese trance, non debeu ceder pois o igualitarismo nestas cuestións é algo necesario e conveniente, a menos que se pretenda establecer unha xerarquía, de todo punto inadmisible, entre a dignidade das persoas.

No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...