7/8/11

O osíxeno_4

Imos rematar hoxe esta serie sobre unha das moléculas máis importantes para a vida: o osíxeno.
Centrémonos agora na súa abundacia, na forma de obtelo e nos principais usos que se lle dá.
Hai, quilo máis quilo menos, uns mil billóns de toneladas de gas osíxeno arredor do globo terráqueo, e todas son produto secundario da fotosíntese das plantas (para que vexas, e ti aínda sen plantar ningunha árbore). Os humanos queimamos ao ano (xa se sabe que uns máis que outros) sete mil toneladas de combustibles fósiles que consumen arredor de vintecatro mil millóns de toneladas de osíxeno. Esto representa só un 0,000024 % do total, e ademais as plantas reemprazan na súa maior parte este osíxeno consumido (estímase que só as algas repoñen aproximadamente o 90% do osíxeno consumido, polo que nas augas está o principal xerador de osíxeno da biosfera). Incluso aínda que as plantas non repuxesen o osíxeno da atmosfera, faría falta, se seguísemos consumíndoo á mesma velocidade actual, máis de dous mil anos para reducir o nivel de osíxeno do 21 ao 20% (con todo que estes datos non te animen a combustionar máis, pensa no efecto invernadoiro, na diminución da capa, nalgúns sitios xa capiña, de ozono, na choiva ácida ... moito tino pois).
O osíxeno prodúcese industrialmente mediante a destilación de aire licuado, e adoita facerse no mesmo sitio onde se necesita, onde vaia a utilizarse (ás veces tamén se transporta por medio de condutos de gas ou ben de tanques especialmente illados). Máis da metade do que se fabrica (uns 25 millóns de toneladas ao ano nos Estados Unidos) vai parar á fabricación do aceiro (principalmente para remover e eliminar impurezas), arredor dun cuarto á fabricación de óxido de etileno (co que se fan anticonxelantes ou poliéster para botellas e tecidos), e o resto úsase en forma gasosa directamente (cunha finalidade médica ou para purificar as augas residuais e impedir que non acontezan desastres como o de París en 1992, cando unha forte treboada fixo que fluísen augas residuais sen tratar ao Sena e consumisen deseguida o osíxeno do río e matasen aos peixes; agora hai unhas bombas xigantes que inxectan cinco toneladas de osíxeno gasoso ao día; os franceses son intelixentes e saben que non poden perder o Sena por culpa duns cartiños; palabra que non miro para ninguén).
O osíxeno é con moito o axente oxidante de máis uso.Tamén se utiliza para branquear a polbeira e o papel, e xunto co acetileno, na soldadura con oxiacetileno. A reacción entre eles é moi exotérmica e produce temperaturas superiores a 3.000ºC.
E para rematar un pouco de Química descritiva.
As moléculas de osíxeno gasoso teñen dous átomos de osíxeno (pertencen ao grupo das moléculas diatómicas homonucleares), pero o enlace entre estes átomos ten unhas características peculiares. Parece dobre, e pola contra a molécula ten dous electróns ceibos, é dicir, é un "radical libre". Esto confírelle ao osíxeno, cando está en estado líquido, propiedades magnéticas (o grandísimo físico Michael Faraday, que apaixonada biografía a deste home!, foi quen primeiro o comprobou ao ciscar un pouco de osíxeno e ver que corría deica os polos dun imán). Agora ben, estes dous electróns ceibos que provocan este magnetismo do osíxeno, non deberían facer que reaccionase instantaneamente con calquera cousa que tocase? Pois non, sábese que o osíxeno é unha molécula moi pouco reactiva; do cal deberíamos alegrarnos todos, pois se hoxe estamos aquí é por esta marabillosa característica! Como senón se podería ir acumulando durante millóns de anos ata acadar un quinto da atmosfera terrestre? Incluso cando entra no noso corpo non reacciona de contado coas moléculas ás que se une, senón que precisa dun catalizador enzimático para que poida facelo. Por outra banda á temperatura ambiente, o diosíxeno (nomenclatura sistemática) existe como un gas incoloro, inodoro e insípido. É só lixeiramente soluble en auga e ademais esta baixa solubilidade diminúe segundo aumenta a temperatura. Con todo a súa presencia na auga é indispensable para a vida mariña (como xa dixemos).
      
Se reparas na configuración electrónica verás que o osíxeno pode completar o seu octeto de electróns, xa sexa tomando dous electróns para formar o ión óxido, O2- ou compartindo dous electróns. Nos seus compostos covalentes tende a formar dous enlaces, xa sexan dous enlaces sinxelos, como en H2O, ou un enlace dobre como no formaldehído, H2C=O. A molécula mesma de O2 contén un dobre enlace (coas peculiaridades que antes mencionamos). Unha preparación de laboratorio común do O2 é a descomposición térmica do clorato potásico, KClO3. O osíxeno non é combustible, se ben mantén unha combustión.

       A ruptura das moléculas de osíxeno é tremendamente difícil (ao menos nas capas baixas da atmosfera, pois nas grandes alturas, por riba dos 120 quilómetros,  a luz ultravioleta do Sol disocia algo de O2 en átomos e estos son capturados por outras moléculas para formar ozono, O3) debido a súa elevada enerxía de enlace, 118 kcal/mol. A electronegatividade do osíxeno é a máis elevada de tódolos elementos, despois do fluor, polo que como este se atopa principalmente como ión negativo.
       Ben, chega por hoxe, pois xa o dicía o filósofo, nesta vida todo ten un principio e un fin. Se tiveches a santa paciencia (bah! tampouco é para tanto) de chegar ata o final, espero e desexo (como diría un coñecido político) que a túa fidelidade se vira recompensada coa información sobre algúns aspectos rechamantes desta importante molécula que tivemos de protagonista. Ata máis ver!.
 

No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...