25/8/10

Necesitamos coñecer



Como cidadáns temos dereito a saber en que se empregan os recursos públicos que entre todos fornecemos, cada cal na medida das súas posibilidades e particular situación ou ben en función de certos mecanismos, mesmo legais, que algúns empregan para minorar a cuantía das súas achegas. Como membros dun Estado social e democrático de Dereito debemos ter acceso a todo tipo de información producida ou derivada nas administracións públicas, con moi poucas excepcións regulamentadas xa ,ou pendentes de facelo, por lei,
Debemos poder acceder, consultar e contrastar os documentos precisos para extraer os datos que sexan necesarios co obxectivo de obter información fiable acerca de quen, en qué e cómo se usan os cartos e recursos públicos. Elo con carácter xeral.
Agora ben, se particularizamos no ámbito das remuneracións, dietas, gratificacións, premios, e outras prebendas dos representantes dos cidadáns, dos cargos públicos, aínda a regulamentación deste dereito debe ser más nítida, máis clara, máis directa e máis necesaria.
Necesitamos saber, como cidadáns críticos, conscientes e responsables, se algún representate público fixo un uso ilexítimo ou irregular das partidas presupostarias en calidade de administrador dos bens e intereses públicos, se vulnerou a lei neste ou naquel precepto, por acción ou por omisión, total ou parcialmente. Temos que ter acceso á información para poder, crítica e cabalmente, construir a opinión que substente a opción de revalidar, ou non, a nosa confianza en tal ou cal cargo institucional. Non podemos, nin queremos, restrinxir a nosa participación política ao mero feito de votar acríticamente cada certo tempo, ou ben de libremente non facelo.
Queremos saber se aquel/a a quen votamos como o/a noso/a representante é un/ha firme defensor/a das súas lexítimas ideas e concepcións políticas e o fai sempre respectanto escrupulosamente a legalidade vixente.
Queremos ter libre acceso á información relativa ás retribucións dos políticos, á súa declaración de bens e patrimonio, que debería ser inescusable cando se accede a un cargo público; queremos levar un control cidadán, á marxe do que deben levar os organismos e institucións aos que por lei lles compete tal misión.
Estamos fartos de promesas, de anúncios, de propaganda e publicidade, de plans de mellora e transparencia, de e-administracións, de fiestras electrónicas únicas, de axendas dixitais innovadoras, de regulamentacións sempre prometidas, en fin, de "gaitas" varias. Queremos realidades porque todos sabemos que, aínda que algo se avanzou neste campo, non é suficiente.
Necesitamos máis transparencia, máis control democrático sobre as finanzas públicas, máis accesibilidade, porque estamos ante un tema que é moi sensible, ante un asunto que interesa moito aos cidadáns, mais non por un exceso de celo ou curiosidade, senón porque xa estamos demasiado defraudados, a miúdo escarmentados, posto que son xa moitos os escándalos, moitas as corrupcións, moitos os chanchullos e os apaños que se teñen producido como para que, a estas alturas, non teñamos a necesidade e a obriga moral de controlar a quen, ollo libremente, nos administra desde as institucións públicas. Neste sentido precisamos modificar hábitos e actitudes para aparcar a docilidade e a pasividade, debemos fomentar a cooperación no control sobre os cargos públicos, integrar vontades e aliñar intereses comúns para facer máis eficiente esta tarefa.
Non todos os políticos son iguais, eu aínda parto desta premisa. Con todo tamén acredito que todos os políticos, humanos como son, son susceptibles de cometer irregularidades, de bordear a lei, de facer un uso puntual de prácticas fraudulentes; non obstante tamén de desempeñar o seu cargo con honestidade e rigor, respectanto escrupulosamente a legalidade vixente. E resulta que nós queremos saber se este ou aquela, se o amarelo, o azul, a laranxa ou o vermello, se o máis próximo e familiar ou o máis afastado e inacesible, pertencen a esta parroquia ou ben a aquela outra. Vamos se son de fiar. Se son quen de merecer a nosa confianza. Nada extraordinario por outra banda, algo que debería ser perfectamente normal nunha democracia que mereza tal nome.

No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...