23/8/10

Auga, terra, espazo: as riquezas do futuro.



Sabido é, para algúns polo menos, que os recursos máis prezados no futuro inmediato para garantir unha vida saudable e san van ser a auga, o espazo físico e a terra (nun segundo plano estarán, por importantes que estes sexan, os metais, os combustibles, as técnicas e os procedementos). Un solo fértil que poida ser prudente e eficientemente regado polo líquido elemento en áreas suficientemete extensas como para asegurar a xeración de alimentos convencionais, sen agregados nen melloras xenéticas, produtos da terra que cadaquén pode ter na lembranza dos seus anos máis gorentosos, digamos os que prevalecían de forma tradicional durante boa parte da segunda metade do século XX.
Isto téñenno moi presente as grandes corporacións e compañías transnacionais, os grandes intereses económicos que actualmente dominan, e de que forma, o mundo. Desde hai un tempo están xa traballando para asegurarse unha boa cantidade destes, cada vez máis, escasos recursos.
Así entérome pola prensa que a compañía Coca-Cola adquiríu en Chiapas duas grandes reservas de auga potable. Que a elite dos Emiratos Árabes adquiriu en Sudán grandes extensións de terras fértiles para asegurar o cultivo de cereais. Empresas de Arabia Saudí fixeron outro tanto en Pakistan para garantir a produción de alimentos a grande escala. Coñecido é que os Chineses (mais non só eles, senón tamén Brasil,compañías americanas e europeas) están entrando no continente africano para asegurarse recursos de todo tipo (dos convencionais e destes outros de futuro).
Pois ben, cando estes poderes están a acaparar e a asegurar o que realmente interesa para poder levar unha vida digna de tal nome no futuro, os nosos gobernantes, a imensa maioría deles, están nas berzas, entretidos cos seus xogos de poder, enredando e desenredando cuestións triviais, intentando xestionar o presente dunha forma torpe e miope, na busca do voto pasivo, alegre e confiado, de xentes que actúan como se nada estivese a pasar, inconcientes e perseverantes na súa banalidade, na súa despreocupación, na súa inconsciencia. A estes feligreses pouco lles importa preservar o medio e os recursos, que os que teñen o poder delegado inicien os procesos de mentalización para ir valorando e potenciando o realmente importante e transcendente, para emprender severas e intensas campañas educativas, dirixidas a toda a poboación, de mentalización no fomento dos hábitos de aforro e eficiencia enerxética, de valorización dos recursos naturais, nomeadamente a auga e a terra. Moi polo contrario non dubidan en permitir que se corte, se arrase, se deseque ou se destrúa o que sexa mester se por un acaso o recurso tivo a fatalidade (e algún deles sempre se atopa nesta triste situación) de estar, por exemplo, no itinerario dunha vía de comunicación, por superflua e innecesaria que esta sexa. Pénsase e, consecuentemente, actúase a moi curto prazo, para tratar de arranxar problemiñas que han causar, andando o tempo e por falta de previsión, serios atrancos no medio ambiente natural e social. Repítense modelos e formas de facer mecánicamante sen máis fundamento que a mera tradición (o malfadado sempre se fixo así) sen cuestinar istas realidades e actuacións á luz dos novos coñecementos e das novas circunstancias, como se todo seguise igual, como se todo voltase, finalmente, ao rego. Pois non, ás veces non volta.
Quen teña algo de interese, algo de concienciación e un mínimo de intelixencia e sensibilidade, sabe ben que ou actuamos todos, en función das nosas posibilidades e responsabilidades, como estas grandes corporacións e multinacionais das que falaba antes, ou o futuro tórnase incerto, escuro e cunhas espectativas de calidade de vida claramente inferiores ás da xeración actual.
E que acaso ese inconsciente mortal, esa pizpireta cantante, pensan que o seu fillo vai poder seguir pedindo, dentro duns cantos decenios, un chuletón no mesón sen que ao camareiro, contrariado e sorprendido, se lle esperte unha sensación de desacougo que lle lembre aquel tempo en que se puido ter actuado, e non se fixo?
Em tudo caso não há problema: a semana que vem, começa a liga.

No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...