30/8/10

Pois é, cada vez vai ser máis custoso...



...soportar o sen número de mamonadas, parvadas, necidades e insensateces que esta sociedade escupe todos os días. Facíase eco delo Javier Marías no seu último artigo no "El País Semanal". Non sempre coincido coas opinións deste afamado e prestixioso escritor, pero neste caso fágoo plenamente. Refírese a que cada vez con maior frecuencia maniféstanse na nosa sociedade comportamentos e actitudes que por groseiras, chuscas, vulgares e vergoñentas resultan de difícil asimilación e dixestión, por pouco raciocinio que un practique ou por pouca sensibilidade que un posúa. O máis deprimente é que, moi frecuentemente, non é posible escapar deles, pois inmescúense por todas partes, invadíndoo todo, aínda os lugares e medios que un cría, inocentemente, que se mantiñan afastados desta mentecatez que nos invade, que nos asulaga e que ameaza con destruirnos. Ademáis dos casos xa referidos por Marías no artigo vou engadir eu algúns outros que considero que entran no mesmo saco.
Un podería ser o practicado por a clásica asociación de veciños, comisión organizadora de festas, grupos de asociacións de amigos do... (engádalle vostede o que estea a pensar) ou grupos ou peñas varios, que se empeñan en facer, confeccionar, cociñar ou construir o máis grande non sei qué do mundo. Un pode entender, e de feito entende, comprende e mesmo participa, que se busquen formas de practicar un sano e pracenteiro deleite gozoso, luxurioso ou festivo, pero desto a aquilo outro hai un treito que non se debería percorrer, por mor de manter unha certa dignidade, tamén nestes menesteres.
Outro comportamento desta natureza podería ser o de certos comunicadores, periodistas, escritores ou intelectuais, que nos medios de comunicación social, nomeadamente a radio e a televisión, non teñen reparo, á menor oportunidade e veña ou non a conto, en manifestar as súas teimas e querencias sobre o equipo dos seus amores. De nada vale que o programa en cuestión nada teña a ver co deporte de masas, o certo é que fan os seus previsibles e tópicos comentarios e ata se engoman no trance. Pasado un certo tempo xa viran para a función e temática que, en principio, os xustifica. Din que queda ben e que seica da audiencia. Será.
Un último caso, para non cansar. Dende a Dirección xeral de tráfico, e tamén desde outros organismos oficiais, teiman en lembrarnos que non debemos ir a maior velocidade da permitida, en que non debemos tiras cavichas, en que debemos respectar as normas de circulacións... e fanno pedíndolo por favor. Francamente esta forma tan educada de chamarnos á atención xúzgoa excesiva por paternalista. Ben está que nos actualicen a conveniencia de observar certas normas pero deberían facelo dunha forma aséptica e neutral, pensando que os destinatarios de tales mensaxes somos persoas adultas e con certa actividade cerebral.
Cadaquén seguro que podería poñer moitos máis exemplos. O que resulta máis desasosegante é o convencemento de que estas prácticas seguirán a invadir no futuro as nosas vidas.

No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...