30/1/09

Ensinanzas do Nuno



Quixo a casualidade que a entrevista que incluía, o pasado 18 de xaneiro, o Notícias Magazine, o dominical do xornal lisboeta "Jornal de Notícias" fose dedicada a Nuno Crato, matemático, profesor e presidente da Sociedade Portuguesa de Matemática.
O Nuno seica é autor de innumerables liblos de divulgación científica e, máis en concreto, autor do que leva por título O Eduquês em Discurso Directo: Uma Crítica da Pedagogia Romântica e Construtivista. A ninguén se lle escapa o, a priori, interese que se desprende de un tal título, no que queda meridianamente claro que seica se critica o, para case todos nós, paradigma ben establecido da pedagoxía ou metodoloxía construtivista. A boa fe que a entrevista non ten perda.
Intentemos desmiuzar a primeira parte desta interesante e sorprendente charla.
Comeza o Nuno recoñecendo o notorio déficit de cultura científica que apaña a nosa sociedade e de cómo desde Europa mirabamos fachendosos cara os EE.UU. cando comentabamos os pobrísimos resultados dos inquéridos que se facían nesta país para "medir" a súa cultura científica, e de como agora Europa tamén tiña que recoñecerse no mesmo espello, de acordo cos resultados das enquisas que se fixeron en toda a Unión. Salienta especialmente o caso francés, de cómo Francia pasa normalmente por ser un país culto e, non obstante, sae moi mal clasificado neste ránking. Aqui é pertinente facer mención ao clásico texto de C. P. Snow, autor de As dúas culturas e a Revolución Científica, onde por primeira vez pon sobre a mesa a falsa contraposición entre a cultura literaria (os así chamados intelectuais) e a cultura científica, dando lugar a un debate que dura ata o nosos días (tan abraiante pode ser descoñecer a obra literaria de Cervantes ou Shakespeare como descoñer o terceiro principio de Newton, ou o obxecto de estudo da Socioloxía, por exemplo. Por certo que esta dicotomía tórnase por momentos menos forte e as pasarelas son cada vez máis numerosas e nos diferentes campos, véxase senón a última montaxe de J. Mª Flotats en Madrid coa obra El encuentro entre Pascal y Descartes" ).
Comenta máis adiante o Nuno que el non ten nada en contra do Romantismo como movemento literario ou musical e que mesmo le a Camilo Castelo Branco (non se trata de contrapoñer o Camilo ao Eça de Queiróz), o que está é contra unha determinada visión romántica de facer ou practicar a educación, e que non ten que ver coa educación científica ou coa literaria, dado que esta cosmovisión aplícase a ámbalas dúas. Consiste en enfatizar en exceso a motivación, a forza de vontade, de que toda disciplina debe ser interior, de que a avaliación non é necesaria porque a fin de contas o que interesa é o goce do saber,...Todo isto é o que rechaza o Nuno, e pon un exemplo relacionado coa lectura: na lectura, di, hai a idea romántica de que os meniños deben ser primeiro motivados para ler. Como se iso non acontecese mediante o propio exercicio da lectura¡. Non todo ten un camiño directo, único, como os románticos pensan.
Chegados a este punto, en educación o Nuno apúntase a usar e practicar todos os métodos e paradigmas que teñan demostrado a súa valía. O que funciona, afirma, é unha mestura de métodos. E dado que o paradigma romántico e construtivista defende, en relación coa educación, e segundo o Nuno, o método único, él está radicalmente en contra. Afirma, ademais, que este é un debate que está a darse a nivel internacional (efectivamente tamén aquí na nosa terra, se ben con matices, xa que entre nós, e esquematizando en exceso, deslízase ata terreos de cuestionar a utilidade da pedagoxía, e da pertinencia, por contraposición, dun ensino máis tradicional e mesmo, pero non só, memorístico).
As correntes pedagóxicas nas que máis acredita o Nuno son unha mestura de prácticamente as existentes: construtivismo, ensino non directivo e ensino directivo. Como se comproba é partidario de practicar un equilibrio pedagóxico partindo de todas as ideas que día a día demostran ser acertadas, independentemente do corpus teórico do que procedan.
A entrevista é longa, e con moito contido. Queda para outro post comentar o que resta porque tamén, ao meu ver, é de moito interese.

No hay comentarios:

A praia

A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...