Canto máis se avanza no coñecemento da materia, máis consciente eres do que ignoras. A ignorancia docta (consciente) substitúe á ignorancia indocta (inconsciente) e, en consecuencia, a ignorancia total mantense constante. Co coñecemento aumenta a ignorancia docta. "Se fosse possível explicar-te tudo, não precisarias de perceber nada"
5/1/09
Domingo, 1 de marzo de 2009.
O lehendakari Ibarretxe remata de convocar as eleccións autonómicas vascas para o vindeiro día 1 de marzo. Pero... non tiña xa convocado o Presidente da Xunta as eleccións autonómicas galegas para isa mesma data? Efectivamente.
Pois ben, en contra de certas interpretacións (...ha convocado las elecciones -Ibarretxe- lo más pronto que ha podido, irritando a sus ‘amigos’ del Bloque Nacionalista Galego con la coincidencia de fecha entre las dos elecciones autonómicas) considero que esta coincidencia, globalmente, pode beneficiar ás aspiracións eleitorais do nacionalismo galego. Explícome.
1. A mensaxe política do nacionalismo galego pode chegar moito máis nídia e directa, sen tantos solapamentos e distorsións, se coinciden ámbalas dúas eleccións en tanto en canto os lideres dos principais partidos españois (PSOE, PP pero tamén IU e UPD) terán que repartir as súas intervencións e presenza nos medios coa conseguinte menor repercusión na Galiza.
2. Por outra banda, a Brunete mediatica de Madrid vai descargar a maior parte da súa artillería contra o nacionalismo vasco, de todas as cores e condicións posto que estes elementos, tan democráticos eles, non distinguen matices, orientacións ou tomas de posición á hora de artellar unha campaña. Con elo o nacionalismo galego estará máis protexido destos ataques furibundos e desmesurados, a maior parte das veces baseados en falsidades ou medias verdades e, non en poucas ocasións, na máis completa das ignorancias (doctas, iso si).
3. Polo si ou polo non, o sistema político galego, como tal, queda en boa posición por ter convocado as eleccións con anterioridade e quedar patente e manifesto que foi o Lehendakari quen convocou despois e na mesma data por evidentes razóns de conveniencia política.
A singularidade das eleccións galegas, aínda que na práctica van verse afectadas ao non dispoñer de toda a atención prevista inicialmente (o cal insisto pode ser unha vantaxe), quedan no plano teórico intactas.
4. Os partidos maioritarios españois (PSOE e PP) quedarán en evidencia por ter que artellar simultaneamente unha mensaxe política para dúas nacionalidades distintas, mensaxe que o PP tratará de que non teña grandes diferenzas (eles din que o seu discurso político é o mesmo, pero xa veremos) mentras que o PSOE terá que facer manobras orquestrais especialmente complicadas para diferenciar a súa oferta política en cadansúa nación, co risco de que sexa acusado de non ter unha visión única e ter que dar máis explicacións das que lle gustaría para ponderar a súa posición.
5. Os partidos minoritatios españois (IU e UPD) terán tamén que repartir a súa oferta. Deixando a parte a IU, que se centrará basicamente no País Vasco por ser onde maiores posibilidades ten, a irrupción na Galiza de UPD podería ter sido máis potente de non coincidir as eleccións. A señora Rosa Díaz, sen ser candidata en ningunha das dúas comunidades (supoño) terá un gran apoio dos mass media españois, que ela empregará basicamente para a campaña das eleccións vascas. A súa presenza na Galiza será menor e secundaria sen que elo evite que lles poida restar bastantes votos ao PP, pero coa vantaxe de que terá moito máis complicado acceder ao Parlamento galego que se só centrase os seus esforzos na campaña galega, daquela podería ter certas posibilidades de entrar no Pazo do Hórreo.
En definitiva, superado o primeiro momento de desconcerto, esta coincidencia, lonxe de perxudicar ao nacionalismo galego, pode beneficialo, se é quen na campaña de transmitir una mensaxe política clara, posibilista (se algúns consideran que este aspecto é excesivo pois lexitimamente xa saben que é o que poden facer) e ilusionante, porque atopará o campo máis despexado de falsidades, manipulacións, terxiversacións e ignorancias. Adiante pois, expliquemos o feito até o de agora no Goberno, porque algo fíxose, e fagámolo de vagar, comentemos as nosas propostas de futuro para seguir avanzando na procura do autogoberno (para o cal un novo Estatuto tórnase indispensable) porque por primeira vez poderemos librarnos, anque só sexa parcialmente, da marea uniformizadora e abafante.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
A praia
A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...
-
Era pola metade do serán. Nesa hora en que xa é tarde para tomar un café, un té ou unha copiña de licor pero aínda demasiado cedo para sabor...
-
Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...
-
Se mal non lembro e os meus apuntamentos non me enganan, a primeira conferencia do extinto Clube nacionalista "Alén Nós" tivo luga...
1 comentario:
Como complemento a este post e, en certa medida como reafirmación da tese que se expón, pode consultarse o artigo seguinte:
http://www.xornal.com/article.php?sid=20090106004907
Publicar un comentario