12/10/10

Acertando no alvo

Ista é a sensación que un vai tendo ao ler o artigo de Gregorio Peces-Barba titulado "El nacionalismo de sociedad cerrada" publicado onte no xornal "El País".
Efectivamente un vese inexorablemente dirixido deica o alvo do tópico que non por moitas veces repetido resulta máis certo.
O autor principia o artigo no ton pedagóxico e doctrinal que lle é tan propio citando a Tönnies a propósito da súa clasificación entre sociedade e comunidade.
Despois de identificar os principais elementos definidores do concepto nacionalismo, de establecer unha clasificación dos seus tipos e de facer un breve percurso histórico polos movementos políticos e sociais máis sobranceiros que usaron a súa bandeira para conquerir a revolución e/ou emancipación dos Estados colonizadores, fai unha demorada descrición de aquel que ten por base ou se asenta no concepto de volkgeist.
Mais un, a estas alturas, xa ten claro por onde van as ideas do autor, por onde vai rematar o seu discurso, en función de qué tiña escrito todo o anterior. Efectivamente o penúltimo parágrafo vai directo e acerta no alvo.
Por último unha dúbida: a qué unidade política que leva 500 anos existindo se referirá o profesor Peces-Barba no último parágrafo do seu artigo? Ista ambigüidade final contrasta, certamente, coa firmeza e claridade anterior.

30/9/10

Mudar de métodos

Ao fío do artigo de Fernando Vallespín do pasado venres, 17 de setembro, do artigo de Enrique Gil Calvo do pasado luns, 20 de setembro, e do tamén artigo de José María Ridao do pasado luns, 27 de setembro, todos pertencentes ao xornal "El País", cos que, salvo matices, coincido, vou realizar un comentario sobre certa práctica que xuzgo desfasada e pouco operativa na altura dos tempos de corren.
É referente á toma de decisións nas grandes corporacións de carácter económico, político, social ou sindical. É costume xeneralizado que as cúpulas que as dirixen cheguen a acordos e tomen decisións sobre asuntos de vital importancia sen consultar aos suxeitos que se van ver directamente afectados por tales acordos e decisións. Esquécese que hoxe é tecnicamente posible contactar con todos e cada un deles para recabar a súa opinión diante da pertinencia desta ou desoutra medida a tomar, e, xa que logo, ter máis un elemento referenciador para enriquecer as perspectivas que condicionen, ou non, esta toma de decisións.
Non se cuestiona a existencia mesma de certas elites para dirixir as grandes corporacións mais si o feito de que non usen as modernas ferramentas de comunicación que as TIC poñen ao seu servizo para recoller a maior e mellor información posible sobre determinado asunto, cuestión ou evento. De facelo, a bon seguro que a decisión tomada estaría máis acorde co sentir maioritario dos afiliados, asociados ou militantes, sen necesidade de ter que interpretar este co conseguinte risco de erro.

16/9/10

Clases maxistrais


Anda estes días o panorama de artigos de opinión nos xornais algo revolto por mor da vixencia, ou non, das chamadas clases maxistrais. Para uns seguen a ser perfectamente válidas, sempre e cando se dean con dignidade e suficiencia e para outros son unha rémora do pasado que a pesares de teren resistivo durante moitos séculos deben axiña ser superadas por outras prácticas máis acordes coa utilidade e aproveitamento do acto docente.
No fondo o que está en discusión é a pertinencia, ou non, da reforma que supuxo o chamado Espacio Europeo de Educación Superior (EEES), comunmente coñecido como proceso ou modelo Bolonia. A idoneidade, pertinencia e utilidade das clases maxistrais só constitúe unha mera excusa para seguer debantendo sobre este cambio de modelo da práctica da ensinanza universitaria. O asunto, polo que se ve, está lonxe de ficar tranquilo e aproveitase calquera circunstancia para reverdecelo, actualizalo e seguir dando caña ao mono.
Con todo a min o que realmente me interese é deixar constancia de que a pesar de que os partidarios e detractores de tal práctica na aula aportan argumentos serios e de fondo para defender os seus respectivos pareceres, o tema queda resolto, ao meu ver, coas posibilidades técnicas que a calquera docente, do nivel educativo que sexa, lle brindan as aulas virtuais. Aquí as virtudes que supostamente posúe a clase magistral quedan potenciadas e moitos dos seus inconvintes e disfuncionalidades minorizados. Por outra banda as aulas virtuais constitúen unha ferramenta moi potente para tratar a diversidade e a masificación das aulas.
Eu animo a que se faga uso das diferentes plataformas virtuais de aprendizaxe para descubrir as potencialidades das cales estou a falar. Só unha última cuestión: as aulas virtuais, lonxe de eliminar ou cando menos menoscabar a figura e a importancia do profesorado, o que fan é potenciala ata facela, agora si, insustituible.

2/9/10

O futuro será pior

Iso é o que afirman os científicos e metereólogos en relación ao clima que acontecerá nas vindeiras décadas. E ás súas influenzas nas catástrofes con el relacionadas: vagas de calor, chúvias torrenciais, furacans, tsunamis, etc.
Arecente vaga de calor na Rusia e as inundacións en Pakistán e China son unha mostra evidente de que o cambio climático está aqui e, visto que, de momento, non hai medidas correctoras serias que tendan a minoralo, o futuro tórnase incerto con posibilidades de máis catastrofes.
Cada vez con maior forza a comunidade científica internacional relaciona, dentro das cautelas propias do método científico, o fenómeno do cambio climático cos desatres naturais aos que antes facíamos referencia. E o pior do asunto é que estes fenómenos, a súa vez, están na base de perturbacións graves na producción de determinados alimentos. Consecuencia? Que máis de mil millóns de persoas, un millardo, están a pasar fame no mundo. E só un 10% desta poboación é obxecto de atención polo Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas. O panorama, como se ve, é cando menos... mellorable.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...