Canto máis se avanza no coñecemento da materia, máis consciente eres do que ignoras. A ignorancia docta (consciente) substitúe á ignorancia indocta (inconsciente) e, en consecuencia, a ignorancia total mantense constante. Co coñecemento aumenta a ignorancia docta. "Se fosse possível explicar-te tudo, não precisarias de perceber nada"
16/9/10
Clases maxistrais
Anda estes días o panorama de artigos de opinión nos xornais algo revolto por mor da vixencia, ou non, das chamadas clases maxistrais. Para uns seguen a ser perfectamente válidas, sempre e cando se dean con dignidade e suficiencia e para outros son unha rémora do pasado que a pesares de teren resistivo durante moitos séculos deben axiña ser superadas por outras prácticas máis acordes coa utilidade e aproveitamento do acto docente.
No fondo o que está en discusión é a pertinencia, ou non, da reforma que supuxo o chamado Espacio Europeo de Educación Superior (EEES), comunmente coñecido como proceso ou modelo Bolonia. A idoneidade, pertinencia e utilidade das clases maxistrais só constitúe unha mera excusa para seguer debantendo sobre este cambio de modelo da práctica da ensinanza universitaria. O asunto, polo que se ve, está lonxe de ficar tranquilo e aproveitase calquera circunstancia para reverdecelo, actualizalo e seguir dando caña ao mono.
Con todo a min o que realmente me interese é deixar constancia de que a pesar de que os partidarios e detractores de tal práctica na aula aportan argumentos serios e de fondo para defender os seus respectivos pareceres, o tema queda resolto, ao meu ver, coas posibilidades técnicas que a calquera docente, do nivel educativo que sexa, lle brindan as aulas virtuais. Aquí as virtudes que supostamente posúe a clase magistral quedan potenciadas e moitos dos seus inconvintes e disfuncionalidades minorizados. Por outra banda as aulas virtuais constitúen unha ferramenta moi potente para tratar a diversidade e a masificación das aulas.
Eu animo a que se faga uso das diferentes plataformas virtuais de aprendizaxe para descubrir as potencialidades das cales estou a falar. Só unha última cuestión: as aulas virtuais, lonxe de eliminar ou cando menos menoscabar a figura e a importancia do profesorado, o que fan é potenciala ata facela, agora si, insustituible.
14/9/10
2/9/10
O futuro será pior
![]() |
Iso é o que afirman os científicos e metereólogos en relación ao clima que acontecerá nas vindeiras décadas. E ás súas influenzas nas catástrofes con el relacionadas: vagas de calor, chúvias torrenciais, furacans, tsunamis, etc.
Arecente vaga de calor na Rusia e as inundacións en Pakistán e China son unha mostra evidente de que o cambio climático está aqui e, visto que, de momento, non hai medidas correctoras serias que tendan a minoralo, o futuro tórnase incerto con posibilidades de máis catastrofes.
Cada vez con maior forza a comunidade científica internacional relaciona, dentro das cautelas propias do método científico, o fenómeno do cambio climático cos desatres naturais aos que antes facíamos referencia. E o pior do asunto é que estes fenómenos, a súa vez, están na base de perturbacións graves na producción de determinados alimentos. Consecuencia? Que máis de mil millóns de persoas, un millardo, están a pasar fame no mundo. E só un 10% desta poboación é obxecto de atención polo Programa Mundial de Alimentos das Nacións Unidas. O panorama, como se ve, é cando menos... mellorable.
30/8/10
Pois é, cada vez vai ser máis custoso...

...soportar o sen número de mamonadas, parvadas, necidades e insensateces que esta sociedade escupe todos os días. Facíase eco delo Javier Marías no seu último artigo no "El País Semanal". Non sempre coincido coas opinións deste afamado e prestixioso escritor, pero neste caso fágoo plenamente. Refírese a que cada vez con maior frecuencia maniféstanse na nosa sociedade comportamentos e actitudes que por groseiras, chuscas, vulgares e vergoñentas resultan de difícil asimilación e dixestión, por pouco raciocinio que un practique ou por pouca sensibilidade que un posúa. O máis deprimente é que, moi frecuentemente, non é posible escapar deles, pois inmescúense por todas partes, invadíndoo todo, aínda os lugares e medios que un cría, inocentemente, que se mantiñan afastados desta mentecatez que nos invade, que nos asulaga e que ameaza con destruirnos. Ademáis dos casos xa referidos por Marías no artigo vou engadir eu algúns outros que considero que entran no mesmo saco.
Un podería ser o practicado por a clásica asociación de veciños, comisión organizadora de festas, grupos de asociacións de amigos do... (engádalle vostede o que estea a pensar) ou grupos ou peñas varios, que se empeñan en facer, confeccionar, cociñar ou construir o máis grande non sei qué do mundo. Un pode entender, e de feito entende, comprende e mesmo participa, que se busquen formas de practicar un sano e pracenteiro deleite gozoso, luxurioso ou festivo, pero desto a aquilo outro hai un treito que non se debería percorrer, por mor de manter unha certa dignidade, tamén nestes menesteres.
Outro comportamento desta natureza podería ser o de certos comunicadores, periodistas, escritores ou intelectuais, que nos medios de comunicación social, nomeadamente a radio e a televisión, non teñen reparo, á menor oportunidade e veña ou non a conto, en manifestar as súas teimas e querencias sobre o equipo dos seus amores. De nada vale que o programa en cuestión nada teña a ver co deporte de masas, o certo é que fan os seus previsibles e tópicos comentarios e ata se engoman no trance. Pasado un certo tempo xa viran para a función e temática que, en principio, os xustifica. Din que queda ben e que seica da audiencia. Será.
Un último caso, para non cansar. Dende a Dirección xeral de tráfico, e tamén desde outros organismos oficiais, teiman en lembrarnos que non debemos ir a maior velocidade da permitida, en que non debemos tiras cavichas, en que debemos respectar as normas de circulacións... e fanno pedíndolo por favor. Francamente esta forma tan educada de chamarnos á atención xúzgoa excesiva por paternalista. Ben está que nos actualicen a conveniencia de observar certas normas pero deberían facelo dunha forma aséptica e neutral, pensando que os destinatarios de tales mensaxes somos persoas adultas e con certa actividade cerebral.
Cadaquén seguro que podería poñer moitos máis exemplos. O que resulta máis desasosegante é o convencemento de que estas prácticas seguirán a invadir no futuro as nosas vidas.
28/8/10
Opinión sobre o "tiqui taca"

Non podía crelo. Non daba creto. Nun xornal como "El País" que se ten por serio, rigoroso, profesional e independente (agora tamén global, pero só en español) no seu apartado de "opinión" aparece un artigo no que o Sr. Bonifacio de la Cuadra (do cal por certo, xa lle teño lido artigos ben interesantes, instrutivos e de verdadeiro contido) deleitanos sobre as virtudes de que determinada selección de fútebol, á quen dan en chamar "la roja", practique certa forma de xogo, retendo e pasando o balón entre os seus xogadores, para poder meter máis goles. Estupendo¡
Unha reflexión sobre un tema tan transcendente é merecente de tan alta tribuna¡
Tan sobrado andaba o autor do artigo, (artigo?) que ten que citar ao grande Manuel Rivas para que lle dea algo de substancia e fartura. Impresionante¡
Este andacio, que tivo o seu punto culminante hai aproximadamente dous meses, ata é quen de penetrar nos artigos de opinión de "El País", sección que xa fai bastante tempo que mantén unha calidade mediocre, salvo excepcións magníficas, pero que nunca tiña chegado a este grao de "profundidade", fondura e orixinalidade. É isto o que nos espero no futuro? Necesito xa un artigo-antídoto do mestre D. Rafael Sánchez Ferlosio con urxencia. Incluso me vale un de Fernando Savater, ou mesmo Félix de Azúa, para que me liberen deste bochorno.
Remata o artigo o Sr. De la Cuadra dicindo: "Los campeones del mundo y los demás futbolistas sensatos saben que deben poseer el balón para finalmente marcar gol". E digo eu, os directores dos xornais de prestixio e o resto dos periodístas da prensa sensata saben que deben coidar os contidos para finalmente ofrecer un xornal de calidade. País¡
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
A praia
A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...

-
Era pola metade do serán. Nesa hora en que xa é tarde para tomar un café, un té ou unha copiña de licor pero aínda demasiado cedo para sabor...
-
A VIDA A vida escápaseme entre tardes de lectura e noites de insonnio. A vida comprímese entre lembranzas posibilistas e accións imposibles...
-
A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...