24/5/11

O descubrimento dunha molécula esencial


 Iniciamos hoxe unha serie de post dedicados a moléculas importantes que, ou ben permiten a vida, ou ben nola facilitan. Van dirixidos especialmente ás persoas que estean minimamente interesadas na Química e están redactados dunha forma descontraída no intento de achegar mellor e máis doadamente a información. Agardo que ao remate da xeira este interese pola Química teña aumentado.
O osíxeno (O2) é unha das moléculas máis importantes para a existencia da vida. Ten de número atómico Z=8, de masa atómica o valor de 15,9994 u; de punto de fusión -218,9ºC e de punto de ebulición -182,96ºC. A súa configuración electrónica é 1s2 2s2 2p
Outros datos de interese son: 
Enerxía de enlace
118 kcal/mol
Radio molecular
1,21 Å
Porcentaxe en volume de aire seco
20,9%
Porcentaxe en masa dos gases atmosféricos
23,2%
Porcentaxe en peso na codela terrestre e na atmósfera1
49,4%
Porcentaxe en peso no corpo humano2

65%
1 Nas súas formas atómica e molecular.
2 Baixo a forma de átomos ou de moléculas.
Descubrimento
Quen descubriu o osíxeno? Pois non está nada claro. Relatemos como sucederon os acontecementos e que cadaquén tire as súas propias conclusións.
Por unha banda, poñamos que pola de Laíño, temos a Joseph Priestley, nado en Birstal Fieldhead, preto de Leeds (Inglaterra), en 1733. Químico, teólogo e predicador inconformista, estudiou na Academia de Daventry. Adicouse á carreira relixiosa. Calvinista nun principio, abandonou esta doctrina para pasarse aos unitaristas, que negaban a Trinidade de Deus. Intelectual de esquerdas foi un fervente defensor da revolución francesa, o que lle carrexou que en 1791 un levantamento popular destruíse a súa casa e o seu laboratorio. A raíz deste suceso pensou en emigrar (non sorprenderá a ninguén), cousa que fixo en 1794 aos Estados Unidos. Morreu en Pensilvania, en 1804.
Pola outra, pola de Lestrove, temos a Carl Wilhelm Scheele, nado en Stralsund, Pomerania, en 1742. Químico sueco, foi axudante de farmacia en Malmö e, posteriormente, farmacéutico en Köping. En 1775, foi elixido membro da Real Academia de Ciencias de Estocolmo. Morreu a consecuencia dunha intoxicación sufrida no seu laboratorio mentres preparaba ácido cianhídrico. Na súa honra déuselle o seu nome ó mineral scheelita (volframato de calcio).
Presentados os protagonistas vaiamos ao fondo do asunto. Resulta que o amigo Priestley, en 1774 (e reparade nesta data porque é importante) trasladouse á finca de Lord Shelburne, en Calne, Wiltshire e despois dos honores de rigor, baixou ó laboratorio do Lord (que era unha especie de mecenas do contorno) quentou óxido de mercurio e con coidado recolleu o gas que se desprendía. Respirouno e comunicou con entusiasmo que o fixo sentir coa cabeza moi despexada.
Observou, ademais, que un rato sobrevivía moito máis tempo con aquel gas que con aire corrente. Nervoso e sorprendido, trasladouse de inmediato a Birmingham, onde vivía daquela, para reproducir o experimento pero a súa casa e o seu laboratorio foran saqueados e destruídos por unha turba dereitista (o levantamento popular que xa mencionamos). De tódolos xeitos, mal sospeitaba Priestley que o seu colega Carl Wilhelm Scheele xa tiña descuberto o osíxeno uns meses antes en Upsala (hai que lembrar que naquel tempo non existía Internet, por difícil que nos resulte aceptalo hoxe). Scheele mandou a boa nova do seu descubrimento a un editor, en forma de artigo para publicar, pero o editor non foi dilixente, mais ben foi descoidado, e non o publicou (xa sabes, hai xente para todo). Deste xeito o pobre de Carl Wilhelm quedouse composto e sen descubrimento. Aínda que eu penso que é de xustiza recoñecerlle a súa primoxenitura. Con todo non foi o único descubrimento que fixo o químico sueco. Tamén descubriu a barita (óxido de bario), o ácido sulfhídrico (ou sulfuro de hidróxeno se non está en disolución acuosa), o ácido arsenhídrico (ou arseniuro de hidróxeno se non está ídem), o arseniuro de cobre (coñecido como o pigmento de Scheele), a glicerina, e os ácidos cítrico, tartárico, oxálico, láctico, málico e prúsico. Illou o fósforo a partires dos osos, recoñeceu como elementos novos ao manganeso, molibdeno e fluor (no ácido fluorhídrico) e, por se fose pouco, obtivo o cloro (aínda que creu que se trataba dun composto). Xa ves que tampouco lle fai moita falta a Scheele recoñecerlle o descubrimento do osíxeno (que ao meu ver si debería facerse) para que o teñamos como un dos grandes químicos da historia.
Claro que D. Joseph tampouco se queda atrás xa que, aínda que non estimemos que fose o descubridor do osíxeno, si descubriu, e agora sen polémicas, o amoníaco, o monóxido de carbono (afortunadamente non correu a mesma "sorte" que Scheele, e non morreu envenenado por respirar este mortífero gas), o ácido sulfhídrico (ou sulfuro de hidróxeno se non está en disolución acuosa); como! o mesmo que descubriu Scheele! Si, paradoxos do destino (aquí non sei se houbo polémica sobre se eu primeiro ou ti despois, pero penso que non), o anhídrido sulfuroso, o nitróxeno e o tetrafluoruro de silicio. Ah! E non esquezas que tamén foi unha autoridade en temas de relixión e teoloxía, escribindo numerosas obras (antes os estudiosos, hoxe diríamos intelectuais; xa sabes que sabios, o que se di sabios, houbo moi poucos ao longo da historia, eran así; polifacéticos, con curiosidade en todas as ramas do saber; e non como agora que todo o mundo aspira a ser especialista dun campo do saber moi concreto, e a miúdo moi cativo, descoñecendo aspectos elementais dos demais e, o que é peor, presumindo delo).
Con todo, nin Priestley nin Scheele, lle deron nome a este novo gas. Quen foi logo?
Proximamente... neste mesmo site.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Cómpre máis osíxeno no ar.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...