31/5/11

Alemaña, apéase...

Poucos dubidan, neste momento, que despois do grave accidente nuclear de Fukushima o futuro da enerxía nuclear de fisión é, cando menos, incerto. A decisión que remata de tomar o goberno alemán no sentido de adiantar o chamado apagón nuclear é unha medida de extraordinaria importancia que a bon seguro terá repercusións nas decisións, sobre a continuidade ou non da enerxía nuclear, que deberán tomar outros gobernos.
Por moitos esforzos que realicen os defensores deste tipo de enerxía, minimizando o alcance e os efectos do accidente de Fukushima, diferenciando claramente as súas causas e as súas consecuencias do acontecido en Chernóbil, salientando as vantaxes da enerxía nuclear de fisión no referente á diminución das emisións de efecto invernadoiro, o certo é que a cualificación de sete (7) nas escala de eventos nucleares da Axencia  Internacional da Enerxía Atómica (IAEA), e, sobre todo, o recoñecemento por parte da empresa propietaria da central nuclear de Fukushima da evidencia da fusión de varias dos seus reactores, aventuran un futuro  nada optimista de cara á construción de novas centrais, alomenos nos países máis desenvolvidos científica, económica e socialmente, nos cales unha parte importante da súa opinión pública está ben informada sobre estes temas e é quen de avaliar os pros e os contras destas prácticas, e que se suma a outra parte da opinión pública, menos formada, pero moito máis alarmada, á cal a clase política non poderá ignorar.
En todo caso quedan países como Francia, EEUU e China que, por diferentes causas, previsiblemente sigan adiante cos seus plans de futuro. Por outra parte non é aventurado prever que a potente industria e lobby nuclear centren os seus esforzos e resursos, que non son desprezables, en investigar máis intensamente para tratar de solucionar o principal problema desta industria, causante de grande parte da alarma que xenera: o tratamento dos resíduos radiactivos de alta intensidade. Neste sentido as investigacións sobre a transmutación nuclear poden recibir un forte pulo. 
Con todo, eu son dos que penso que o futuro está no proxecto ITER, que está a ser deservolvido en Cadarache. A bon seguro, a medio prazo, teremos a solución a gran parte dos nosos problemas enerxéticos. Mentras tanto o aforro enerxético é unha práctica inexcusable porque... xa se sabe: a mellor enerxía é a que non se consome.


No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...