15/5/08

Por fin, algo de tino.



Resultoume moi gratificante atopar unha reportaxe no "País" dun cociñeiro moi recoñecido (tanto coma outros) que está farto de tanta tontería, de tanta carallada. Parece claro que a cultura gastronómica mámase desde pequeno e para algúns de nós faisenos, por veces, moi dificil dicir "si buana" a inmensos pratos de petit delicatessen, a aromas do baleiro, a esencias básicas flambeadas de retrogosto. Todo elo, convenientemente regado co correspondente caldo a xogo. Que non volvan os tempos da fame¡

9/5/08

Slovoj Zizek


Moi interesante o seu artigo no "País" do pasado día 1 de maio.
Lendo a este autor a reflexión e o pensamento agroman ata facer unha espurga creadora. Recoméndoo escarecidamente.

25/4/08

Balbordo



Pasou coma se non me vise. Eu estaba a gozar coa tarde, coa lectura, co silencio apenas interrumpido por un leve aceno das pólas que neste recuncho de paz e tranquilidade abanean de cando en vez os rumores rosalianos. De primeiras quixen ignoralo, pero a percepción insistía teimuda e non tiven máis saída que aceptalo.
Xa estaba aquí de novo, fiel coa súa cita anual.
Durante algún tempo o paraíso tornarase inferno, e a sensación será similar á que experimentaríamos se nos visitase un reptil tremendo que nos abafa e nos chupa.
Hai algúns decenios houbo un intento de cambio, por parte de certas almas sensibles a tamaña desfeita anual, para que o inevitable visitante deitase as súas pesadas alfonxas lonxe da carballeira, nun lugar moderno e aseptico, propio e merecente de tan molesto convidado. Pero non foi posible e, daquela, ano tras ano temos que apandar co ciclo de ruídos, barullos, rebumbios e lastimosos fastíos.

20/4/08

Xa estamos, de novo enfrontados pola migalla.



Dende hai xa unhas semanas, con maior intensidade nos últimos días, está saltando aos medios escritos e audiovisuais unha pretendida polémica por mor do novo Decreto de bacharelato e das horas semanais a impartir das diferentes materias que o conforman.
Resulta que se trata de impartir, a todo o alumnado, unha nova materia, Ciencias para o Mundo Contemporaneo, que ninguén minimamente informado e consciente debera cuestionar. Parece ser que terá unha carga lectiva de tres horas semanais. Que mínimo¡ Non será preciso insistir na importancia da ciencia e da tecnoloxía no mundo actual, da revolución que estamos a experimentar neste campo e da imperiosa necesidade e transcendencia de que calquera cidadán poida ter uns coñecementos e capacidades mínimos nestes campos para poder ter opinión e criterio (por certo xa se sabe que a ciencia e a tecnoloxía tamén son cultura).
Pero claro, a introdución desta materia implica a diminución da carga horaria de outras (desta vez tocoulle apandar, disque, a Educación Física, Filosofía e Historia; a Relixión resiste, coma sempre). E xa temos lexitimamente alporizados ao profesorado destas asignaturas. Argumentan, non sen razón, sobre a importancia dos seus campos para unha satisfactoria e efectiva educación integral dos cidadáns.
É tempo e momento de ler e escoitar moitos argumentos, de profesorado, sindicatos, sociólogos, tecnócratas da educación,… A maioría destes moi oportunos, acaídos e mesmo brillantes. Sempre reivindicando o seu a costa do dos demáis (síntoo pero é un xogo se suma cero) Mais… sigo sen percibir que alguén introduza no debate unha cuestión, para min, fundamental: ampliemos o bacharelato a tres anos. Moitos (bueno non tantos) defendímolo cando era o momento, cando se estaba a elaborar a enésima lei de educación (a LOE neste caso). Daquela non habería que loitar por migallas. Daquela habería tempo suficiente para todos, para reflexionar, razoar, debatir e asimilar de vagar os contidos, habilidades e capacidades para tratar de entender as complexidades do mundo actual que requiren de todos os ámbitos do saber, sen excluír a ningún. Iso si, a Relixión por pertencer ao máis íntimo e importante aspecto persoal debería estar fóra do horario escolar (que preguiza ter que insistir nisto¡).

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...