23/8/10

Auga, terra, espazo: as riquezas do futuro.



Sabido é, para algúns polo menos, que os recursos máis prezados no futuro inmediato para garantir unha vida saudable e san van ser a auga, o espazo físico e a terra (nun segundo plano estarán, por importantes que estes sexan, os metais, os combustibles, as técnicas e os procedementos). Un solo fértil que poida ser prudente e eficientemente regado polo líquido elemento en áreas suficientemete extensas como para asegurar a xeración de alimentos convencionais, sen agregados nen melloras xenéticas, produtos da terra que cadaquén pode ter na lembranza dos seus anos máis gorentosos, digamos os que prevalecían de forma tradicional durante boa parte da segunda metade do século XX.
Isto téñenno moi presente as grandes corporacións e compañías transnacionais, os grandes intereses económicos que actualmente dominan, e de que forma, o mundo. Desde hai un tempo están xa traballando para asegurarse unha boa cantidade destes, cada vez máis, escasos recursos.
Así entérome pola prensa que a compañía Coca-Cola adquiríu en Chiapas duas grandes reservas de auga potable. Que a elite dos Emiratos Árabes adquiriu en Sudán grandes extensións de terras fértiles para asegurar o cultivo de cereais. Empresas de Arabia Saudí fixeron outro tanto en Pakistan para garantir a produción de alimentos a grande escala. Coñecido é que os Chineses (mais non só eles, senón tamén Brasil,compañías americanas e europeas) están entrando no continente africano para asegurarse recursos de todo tipo (dos convencionais e destes outros de futuro).
Pois ben, cando estes poderes están a acaparar e a asegurar o que realmente interesa para poder levar unha vida digna de tal nome no futuro, os nosos gobernantes, a imensa maioría deles, están nas berzas, entretidos cos seus xogos de poder, enredando e desenredando cuestións triviais, intentando xestionar o presente dunha forma torpe e miope, na busca do voto pasivo, alegre e confiado, de xentes que actúan como se nada estivese a pasar, inconcientes e perseverantes na súa banalidade, na súa despreocupación, na súa inconsciencia. A estes feligreses pouco lles importa preservar o medio e os recursos, que os que teñen o poder delegado inicien os procesos de mentalización para ir valorando e potenciando o realmente importante e transcendente, para emprender severas e intensas campañas educativas, dirixidas a toda a poboación, de mentalización no fomento dos hábitos de aforro e eficiencia enerxética, de valorización dos recursos naturais, nomeadamente a auga e a terra. Moi polo contrario non dubidan en permitir que se corte, se arrase, se deseque ou se destrúa o que sexa mester se por un acaso o recurso tivo a fatalidade (e algún deles sempre se atopa nesta triste situación) de estar, por exemplo, no itinerario dunha vía de comunicación, por superflua e innecesaria que esta sexa. Pénsase e, consecuentemente, actúase a moi curto prazo, para tratar de arranxar problemiñas que han causar, andando o tempo e por falta de previsión, serios atrancos no medio ambiente natural e social. Repítense modelos e formas de facer mecánicamante sen máis fundamento que a mera tradición (o malfadado sempre se fixo así) sen cuestinar istas realidades e actuacións á luz dos novos coñecementos e das novas circunstancias, como se todo seguise igual, como se todo voltase, finalmente, ao rego. Pois non, ás veces non volta.
Quen teña algo de interese, algo de concienciación e un mínimo de intelixencia e sensibilidade, sabe ben que ou actuamos todos, en función das nosas posibilidades e responsabilidades, como estas grandes corporacións e multinacionais das que falaba antes, ou o futuro tórnase incerto, escuro e cunhas espectativas de calidade de vida claramente inferiores ás da xeración actual.
E que acaso ese inconsciente mortal, esa pizpireta cantante, pensan que o seu fillo vai poder seguir pedindo, dentro duns cantos decenios, un chuletón no mesón sen que ao camareiro, contrariado e sorprendido, se lle esperte unha sensación de desacougo que lle lembre aquel tempo en que se puido ter actuado, e non se fixo?
Em tudo caso não há problema: a semana que vem, começa a liga.

9/8/10

Punto de inflexión



Na vida dunha persoa hai momentos de especial transcendencia, de íntima sensibilidade. Momentos nos que se fai un alto e se mira para atrás para asumir que todo ten cambiado dunha forma irreversible. Con certeza xa nada volverá ser igual. Aparece o desasosego por non ter feito, no seu momento, o que parecía o máis indicado, o que quizáis algúns, dos que realmente nos importan, confiadamente esperaban de nós. Simultaneamente surxe un estado de previsión de acontecementos e sucesos que un aspira poder gobernar sen causar xiros bruscos, sen defraudar espectativas, procurando intervir, anque sexa en exceso (un tende sempre a pecar por defecto) e facilitando a harmonia e a confluencia. Nestes campos non debería seguirse o dito de que a mellor palabra é a que está por dicir. Ben é certo que hai que dicila con sentido, con fondura e, sobre todo, con verdade.
Moitos din que o mellor nesta vida é procurar a felicidade, outros inclínanse por intentar buscar e atopar a beleza e aínda outros por dar e obter amor. Loables pretensións, mais para poder intentar realizalas debemos dotarnos dos mecanismos que nos fornezan da necesaria tranquilidade e do mínimo conforto con un mesmo. En cómo cadaquén constrúa estes artefactos e en función do resultado que dean para o fin pretendido, reside parte da sabiduría que moi poucos mortais son quen de acadar.
Mentras tanto confortémonos e aspiremos con non deixar escapar vivos eses momentos que realmente son importantes e polos cales vale a pena vivir. Procuremos identificalos a tempo e actuar en consecuencia para evitar lembralos con tristura e coa sensación de poder ter feito ou dito algo máis. Realmente penso que saber apreciar e exprimir estas vivencias, aproveitando ata a derradeira gota, forma parte dese grupo de destrezas e habilidades que un debería ter atesourado co paso dos anos. Asumindo que non é doado, neso andamos.

19/7/10

Madeira de campión

Instante no que Andy Schleck ten un problema co cambio e Contador consigue superarlo.
Afp / Joel Saget
.
Non semella que o ciclista español Alberto Contador estea feito con madeira deste tipo. Constatámolo, máis unha vez, na estapa de hoxe do Tour. O que podería ter sido unha circunstancia de carreira máis converteuse, por mor das declaracións que fixo ao remate da tirada, nunha demostración de que para ser un grande campión cómpre tamén ser unha grande persoa no desenvolvemento da competición. O demáis non deixa de ser unha simples medianía, un elemento do común, do montón no tocante á súa personalidade en carreira con independencia de que sexa un grande ciclista.
Ben isto a conto porque non é crible o que afirmou. Que non sabía nada da avería que sufrira o seu principal rival. Que non se enterara. Ditas afirmacións non resisten o máis mínimo contrastre se un observa as fotos ou visiona o video. Pero é que ninguén lle explicou a este home que hoxe non é posible enganar neste temas? Que están, no Tour pero non só, baixo os atentos focos e obxectivos de mil e unha cámaras e máquinas? Que ocasión para recoñecer que se tiña aproveitado do "lance" pero que estes nas carreiras e nas competións son así: uns días favorecen a uns e outros días prexudícanos. Indurain, campión, volve ¡


Plano Rodoviário Nacional 2000

5/7/10

Circunloquio



Que sensación de estar fóra de xogo ¡
Recurro á filosofía para facer máis soportable a espera. Mais... a cal modelo me apunto? Ao modelo narcisista da salvación persoal? Quizáis ao da revelación clarividente e inspirada do máis oculto? Ou ben o que descifra a totalidade e o destino? Ao que prohibe as transgresións intelectualis e vixila os límites do saber? Ou, por fin, o que pon á filosofía ao servizo da relixión ou a ciencia? É claro: preciso do primeiro, necesito asegurar a salvación para, pasado este período nefasto, ter azos para seguir aspirando a unha paz e tranquilidade de espíritu maior.
Porque cando as tecnoloxías da información e a comunicación, cando a industria aeronáutica e aeroespacial, cando o sector da biotecnoloxía e das enerxía renovables prometen grandes oportunidades de negocio, nós, enlamados nesta miseria envisgada, apenas podemos ver morrer os días sen que o desánimo poida máis que a desesperación. Aínda sabendo que a materia non só consiste en partículas, senón tamén en ondas nada impide que sexan precisamente estas últimas as que dominen as propiedades da materia a temperaturas ultrabaixas. En canto ás partículas... agora é o tempo dos bosóns, polo do agrupamento, mais xa chegará a oportunidade aos fermións para que cada unha recupere a súa individualidade.
Da mesma forma que cando comprobamos a cotío o inaxeitado da idea de progreso (que é só duns poucos e a costa de esquilmar a natureza), no tocante da máis acaída de desenvolvemento sustentable, do inaxeitado da propiedade privada para soster a chamada "propiedade intelectual", de cando a catástrofe ecológica avanza inexorable sen que as empresan asuman a súa responsabilidade corporativa, de cando surxen como cogumelos novos opios de relixións postmodernas, de cando as implicacións socio-éticas dos novos avances tecno-científicos ameazan con complicalo todo, aínda máis do que está, nós, asqueados de tanto papanatismo e invecilidade apenas podemos erguer a cabeza e ollar libremente, de tan grande desacougo que sentimos ao repensar o que puido ter sido e o que finalmente foi.
Aínda máis, cando a masa informe ameaza con invadilo todo, cando a alienación é algo máis que unha verba caduca, cando o futuro non deixa nengunha escapatoria digna e aceptable, é o momento de profundar democraticamente nas diferenzas e manterse firmes no mundo interior para acumular coa reflexión forzas e razóns esperando a ocasión, que virá, de reconquistar o espazo social e comunitario vertebrado, daquela, por vieiros de racionalidade, participación, intelixencia e solidariedade. "As aldeias do xisto ficam à espera"

A praia

A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...