Na vida dunha persoa hai momentos de especial transcendencia, de íntima sensibilidade. Momentos nos que se fai un alto e se mira para atrás para asumir que todo ten cambiado dunha forma irreversible. Con certeza xa nada volverá ser igual. Aparece o desasosego por non ter feito, no seu momento, o que parecía o máis indicado, o que quizáis algúns, dos que realmente nos importan, confiadamente esperaban de nós. Simultaneamente surxe un estado de previsión de acontecementos e sucesos que un aspira poder gobernar sen causar xiros bruscos, sen defraudar espectativas, procurando intervir, anque sexa en exceso (un tende sempre a pecar por defecto) e facilitando a harmonia e a confluencia. Nestes campos non debería seguirse o dito de que a mellor palabra é a que está por dicir. Ben é certo que hai que dicila con sentido, con fondura e, sobre todo, con verdade.
Moitos din que o mellor nesta vida é procurar a felicidade, outros inclínanse por intentar buscar e atopar a beleza e aínda outros por dar e obter amor. Loables pretensións, mais para poder intentar realizalas debemos dotarnos dos mecanismos que nos fornezan da necesaria tranquilidade e do mínimo conforto con un mesmo. En cómo cadaquén constrúa estes artefactos e en función do resultado que dean para o fin pretendido, reside parte da sabiduría que moi poucos mortais son quen de acadar.
Mentras tanto confortémonos e aspiremos con non deixar escapar vivos eses momentos que realmente son importantes e polos cales vale a pena vivir. Procuremos identificalos a tempo e actuar en consecuencia para evitar lembralos con tristura e coa sensación de poder ter feito ou dito algo máis. Realmente penso que saber apreciar e exprimir estas vivencias, aproveitando ata a derradeira gota, forma parte dese grupo de destrezas e habilidades que un debería ter atesourado co paso dos anos. Asumindo que non é doado, neso andamos.