1/8/08

Pequenos praceres confesables_1


Inicio hoxe o que espero que sexa unha serie de post dedicados a esas pequenas cousas e momentos que fan que gocemos da vida.
Son granciños de felicidade efémeros que só os anos de experiencia facultan para poder aprecialos, valoralos e vivilos con intensidade. Non é posible retelos pois escápanse e flúen como o faría unha troita das mans dun neno inexperto que por casualidade a intentase apreixar.

1. Cea de verán no exterior escoitando a chúvia

Poñámonos en situación. Mediados do mes de agosto nos arrabaldos dunha cidade do interior da Galiza. Temperatura agradable e o líquido elemento caendo durante varias horas dunha forma mansa pero persistente. Con certa enerxía e presenza.
No exterior da entrada principal da vivenda, circundada por diferentes prantas e coroada por unha buganvílea colmada de flores, atópase unha silla de praia que a pesar disto é confortable e cómoda.
A escea está feblemente iluminada por unha farola da rúa que fai innecesaria calquer outro foco de luz. Sento na silla e ceo de vagar unhas humildes viandas (tortilla de pataca, atún en aceite de oliva, queixo, marmelo e pan ben cocido). De cando en vez acerco a copa de godello (mágoa que non sexa "Guitián"). Remato, paseniñamente, cun café só regado con sangue branca.
As formas das pingas ao trasluz da farola seguen, daquela, a ser impredecibles.
A fartura do momento, o encanto e maxia da situación vén dado, maioritariamente, pola chúvia persistente e abundante.
Xa mo dicía un vello veciño meu da aldea, o amigo Justo hoxe por desgracia xa desaparecido, cando me atopaba de volta: a chúvia en Santiago é arte.
E a mín que me parece arte figurativo en calquera lugar¡

31/7/08

Centrais


Os que cuestionan as medidas de aforro enerxético anunciadas polo ministro de Industria seguramente lles parecerá pobre e incompleto o seguinte mapa conceptual.









De ser así, que outros campos incluirían para xenerar a enerxía suficiente para seguir co ritmo actual de consumo?
Polo si ou polo non o aforro e a eficiencia impóñense dígao o Sr. Ministro ou dígao o seu porqueiro.

28/7/08

Polas terras de A Fonsagrada


Agradabilísima fin de semana en compañía de fraternais amigos.
Paisaxe excelente. Amabilidade das súas xentes (puiden mercar o xornal os dous días sen atrancos e cun sorriso nos beizos da señora do kiosque, e ollo¡ que sei o que me digo, que non é tan doado como parece conquerir isto). Amabilidade no ultramarinos, na panadería, nas tascas e bares,nas cafeterías,na cantina da praia fluvial (sabrosa e oportuna tortilla e churrasco)
Inauguramos (repetidamente) unha cervexaría con agrado. Os donos tratáronnos estupendamente. Ogallá lles vaia ben nesta nova xeira¡.
Hotel cómodo, agarimoso, con boas instalacións.
Tempo atmosférico idóneo para camiñar (ata choveu e todo, un pracer)
Mínima contaminación lumínica. Mar de estrelas desde o balcón do Hotel.
Restaurante "Cantábrico", excelente, con anécdota incluída:
- Boas noites, somos dez.
- E nós catro
- ¿ ¡
- Nós somos dez
- E nós catro
- ?? ¡¡
- Xa, pero nós somos dez
- E nós catro e ben os daremos atendido
Ceamos cómodamente. Ao saír:
- Somos dez e fomos atendidos por catro estupendamente.
As viaxes de ida e volta sen complicacións. Bon xantar en Melide (a destacar o polbo), bon xantar en Lugo, no mesón "A nosa Terra"(espero que as "tejas" resultaran sabrosas)Non podía ser doutro xeito.
En resúmo, un sitio para repetir.

21/7/08

Por unha vez "la niña" non fixo os deberes




Como sempre fora unha nena moi aplicada, estrañoume máis.
Facía os seus traballos antes de merendar, como era costume daquela, cando aínda os nenos e nenas merendaban pan con algo.
Nunca tiveran que dicirlle nada. Ao abandonar o colexio de monxas seguíu coa mesma canseira, xa na universidade.
Estudaba aplicadamente ignorando os avatares sociais e políticos (que pesadez¡, dixo en máis dunha ocasión). Ía ao seu, como tantos outros.
Tan "boeniña e aplicadiña" era que un profesor, antes de trasladarse a Madrid para un traballo temporal, fixouse nela. E cando tivo oportunidade chamouna para o seu equipo. Ben sabía el que ela sempre facía os deberes. E para o traballo que lle ía encomendar isto era moi importante.
Dicía que me resultou estrano comprobar que, por esta vez, non tiña feito os labores, e xa é tarde , moi tarde. Ela que sempre aprobara todo en xuño dicen que dixo que ao mellor para agosto ten rematado o que tiña que ter concluído a finais de maio.
Con todo, o seu mentor parece que non vai darlle moita transcendencia ao asunto xa que, afirman, parece que vai promocionala na xuntanza "familiar" que van ter o vindeiro fin de semana.
Si, pero... por que tiven eu que lembrarme de "la niña" este sábado a media mañá? Quen me resarce do cabreo? Quen da calor padecida?

A praia

A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...