2/4/08

Sáltanseme as bágoas





Resulta que agora UNIÓN FENOSA, por medio do seu presidente, Sr. Pedro López Jiménez solicita que se teñan en conta "que nuestras raíces y nuestro compromiso con Galicia puntuarán algo en el concurso eólico" para intentar facerse co maior número posible (piden 900 Mw)de parques eólicos que sacará en breve a Xunta mediante concurso público. Tarde piache¡ As supostas raíces hai que ir a buscalas no manto terrestre posto que hoxe os accionistas de Galicia apenas representan un 10% do total. É que acaso Galicia non lles pagou xa de sobra a estes señores cando se lles permitíu asolagar un dos vals máis fértiles e fermosos da nosa terra? Un de tantos, por outra parte. Si, aló polo 1966 non houbo piedade, non se quixeron escoitar argumentos. Castrelo de Miño morría e centos de familias quedaron sen o seu a cambio dunhas moedas, de poucas moedas.
Ver para crer.

30/3/08

Arte. Arte?


Obxectividade, integridade, neutralidade, responsabilidade, credibilidade, imparcialidade, confidencialidade, servizo público, transparencia, exemplaridade, austeridade, accesibilidade, eficacia, honradez, promoción do contorno cultural e medioambiental, igualdade, arte conceptual?
Arte figurativo, arte abstracto, arte conceptual?
Efectivamente, esquecíame que o que importa non é o obxecto, é o proceso, é a idea que hai na mente do artista. Performances, espacio baleiro, pintura de dedos, Arte conceptual? Arte conceptual: algún merece a nosa atención.

29/3/08

Convivindo na natureza


Rematamos de chegar das terras suboccidentais da provincia de Ourense. Máis en concreto, os amigos de Xungalú leváronnos a que gozásemos, e vaia se o fixemos, dos encantos da serra do Xurés, das terras e xentes de Entrimo, de Bande, de Celanova. Empapámonos de corredoiras, de monte raso, de auga escorrentando polos camiños, de algunha lama, de encoros, de vistas gratificantes, de paisaxes fermosas, de aire fresco, limpo e revitalizante, dunha mámoa extraordinaria, dun campamento romano, de moitos cabalos salvaxes, "amigas" coma a da foto, da arte visigótica, mozárabe, barroca,(que descubrimento o retábulo da igrexa do mosteiro de San Rosendo, ou a capela de San Miguel, ou a igrexa de Santa Comba de Bande, ou mesmo do roteiro das Queguas, ou das hórreas do campamento romano de Aquis Querquennis). Ademais tivemos un día que acompañou. Xantamos estupendamente na casa de comidas "Bar Orellas" de Bande e rimos, parolamos e cantamos con mimo e agrado. Grazas amigas Tita, Marité,... amigos Manolo, Suso, Paco... Ata outra que esperemos que non tarde moito.

26/3/08

Límites


Aquí está. Por canto tempo?
Borges escribiu un poema fermoso (que a el tamén lle gustaba moito)titulado Límites. Escollo unha estrofa especialmente significativa para a idea que quero transmitir neste post.

Si para todo hay término y hay tasa
Y última vez y nunca más y olvido
¿Quién nos dirá de quién, en esta casa,
Sin saberlo, nos hemos despedido?

Pois iso.

17/3/08

Despedida


Mañá é o día. Despois de moito cavilar, por fin tomei a decisión. Non foi doado nin sinxelo. Pero era necesario, por dooroso que fose. Foron moitos anos (o vindeiro maio cumpriríamos 21, a maioría de idade decimonónica)de moi grata relación. Moi poucas veces interesada; as máis de connivencia e complicidade. Sempre nos entendimos á perfección, só co aceno dos ollos. Só me queda pensar que antes xa se foron outros, tamén moi queridos, para poder soportar o baleiro que a bon seguro deixará a súa ausencia. Virán novos tempos.

A praia

A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...