10/7/13

Dieta

Un amigo cóntame telegraficamente que ten un curmán que está, desde hai xa algún tempo, a experimentar con moito éxito unha dieta caralluda, por ser simples, efectiva e doada de practicar. Seica, di, que con ela foi quen de perder por volta de 5 kg e, ademais, manter ao longo do tempo esta perda.
Trátase de obviar, de suprimir, de prescindir do xantar, da comida do medio día, e substituilo pola toma de tres, ás veces catro, pezas de froita. Son fixas sempre no fato, unha pera, unha mazá e un plátano. Por veces este paquete vese acrescentado por froita de tempada: unha dúcia de cereixas, un acio pequeno de uvas, ou mesmo un pexego.
Este réxime hai que seguilo cinco dos sete días da semana, preferiblemente os días laborables. Por suposto o resto das comidas poden facerse como se acostumar, sen límite, restrición ou corte. 
Só hai que ter en conta un pequeno, mais importante, pormenor: a degustación da froita debe facerse camiñando, en movemento. De nada vale se se toman en repouso. Parte do segredo, frisa, está aí. 
Outro detalle: a cea cómpre facela, a poder ser, non máis tarde das 21:30 h, por aquelo de que como será un bocado máis abundante do normal e será preciso tomar algo de proteínas, se deixe tempo para que o metabolismo opere coas súas funcións e tarefas sen maiores atrancos.
Como esta non é unha dieta milagre, nen moito menos, só se garanten resultados ao remate de catro ou cinco semanas e, como sempre, estes permanecerán se acaso continuamos a desenvolvela sen interrupcións nin descansos e mantemos unha actividade física normal (as camiñadas, a diario, non deben faltar).
O Panuncio, que así se chama o curmán do meu amigo, di que ao principio, durante as primeiras dúas ou tres semanas, pode sentirse algunha pequena "debilidade" sobre as seis ou sete da tarde. Nada importante. Afirma que pode ser superada con vontade, determinación, confianza na actuación e, claro, algo de coraxe.  Experimenten!


No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...