15/8/12

Palpando o que non se debe

 Onte pola mañá observei a última actuación. Señora (a maioría das veces son señoras, anque non sempre) dun setenta anos, disposta e resolta. Percorre o primeiro andar do mercado municipal dunha coñecida vila turística e diríxese a un posto de verduras atendido por unha paisana rexa e alegre de mediana idade. Nun descoido desta e cando estaba atendendo a unha clienta, a nosa protagonista perpetra con decisión a súa acción: nun rápido movemento pon a súa man dereita sobre un tomate e cos dedos polgar e índice presiona sen piedade a súa superficie case esférica. Repite a faena sobre outro tomate viciño e rapidamente ausentase do posto con cara de satisfacción. Polo que puiden ver, e as actitudes que mostrou na actuación, estou case seguro que nunca tivo intención de mercar aqueles tomates vizosos. Só quería facer o que a bon seguro fixera e, desafortunadamente, fará tantas veces: comprobar se a hortaliza ou froita de turno posúe un grao de maduración acorde coas súas expectativas, que a maioría das veces serán demasiado esixentes, exquisitas ou variopintas como para que se decida a adquirir o produto manoseado, agredido e desvirgado na súa nobreza de orixe, calesquera que esta sexa.
Unha das cousas que máis me "emociona" é pelar un plátano e descubrir a pegada da acción destas "boas xentes" en forma de madureza excesiva ou cuase putrefacción dunha superficie da froita que sospeitosamente coincide á dunha dos dedos da nosa/o protagonista. 
Que manía de apalpar o que non se debe! Que teima por seleccionar sempre o que se considera o mellor, o fetén, incluso o excelso, con métodos impropios e invasivos! 
Cadaquén ten a súa forma de mercar e adquirir os produtos que están ao noso dispor e debería ser suficiente, para avaliar a pertinencia da súa adquisición, empregar con destreza e maña o sentido da vista . Ben sei que hai xente, moita, que non se limitan ao uso deste sentido, acrescentando o do tacto, o do olfato e mesmo o do gusto (co cal xa se acada o paroxismo da exquisitez) para realizar tal función. Ben, pero que a selección se realice con métodos civilizados e non deturpadores. A xente que practica a presión indiscriminada debe saber que ten un custe. Para min o do desprezo polos demáis consumidores. 
Para tratar de evitar esta práctica, que considero noxenta, prefiro que sexa o/a dependente/a da tenda ou froitería o que seleccione o produto sen que este estea accesible ás mans depredadoras de xente sen escrúpulos e que lle ten ao pairo o que se poida atopar o consumidor que virá detrás (que se amole!). Cuestión diferente e non obxecto de atención neste momento, é a da profesionalidade do/a traballador/a que nos sirve (aínda que se nos desen gato por lebre sempre poderemos aplicar a máxima universal de "quédalle entrado").

No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...