20/11/10

A voltas coa educación

Juan Carlos Tedesco, nun interesante artigo que publica hoxe "El País", presenta, de novo, a transcendencia do elemento educativo como vector imprescindible na procura da xustiza social, digna e lexítima aspiración que deberían ter aqueles que dirixen temporalmente, por representación e delegación, o destino dos pobos.
O reto de lograr unha educación de calidade pode e debe habilitar a posibilidade de saír da incertidume actual e iluminar o camiño a seguir para conquerir sociedades máis formadas, máis ilustradas e, consecuentemente, máis xustas. Mais a empresa non é nada doada, nin simple, nin inmediata. No acto educativo concurren moitos factores para cuxa harmonización son necesarios esforzos, de todo tipo, moito talento e non pouca determinación.
Os estudos e a investigación neste campo (a idoneidade da educación como motor do avance social) parece que conclúen na importancia de implantar melloras e definir estratexias de actuación nos seguintes elementos e factores:
  • Escolarización temperá. Canto antes se comece mellor. Cómpre non demorar a colocación do alumnado baixo o amparo da institución escolar para frear e, na medida do posible, subsanar as posibles desigualdades sociais de partida.
  • O traballo docente deber ser potenciado, dignificado e estruturado conforme a parámetros de profesionalidade e rigor. Criterios decimonónicos como a antigüidade deben ser corrixidos, cando menos matizados, por outros que teñan a ver coa excelencia, a dedicación e o talento.
  • Elemento primordial na aspiración a unha sociedade máis xusta debe ser o empeño en alfabetizar do punto de vista científico a todo o alumnado. Na sociedade actual non é posible que o cidadán asuma o papel que lle corresponde, crítico e responsable, se non está dotado duns coñecementos mínimos sobre a natureza e funcionamento da ciencia e da tecnoloxía a ela asociada, así como dos seus máis principais logros, sen esclavizarnos en especializacións estériles e disuasorias, que en todo caso terán a súa razón de ser nos estudos superiores. Así de claro: ninguén debera gabarse en público de certas ignorancias coa tranquilidade de saber que a xeneralidade da súa audiencia saberá aceptar e desculpar tales carencias, por telas eles mesmos acumuladas en suficiente cuantía.
  • A alfabetización dixital non admite discusión nin vacilación, como tampouco o fixeron, na súa época, a posibilidade de introducir técnicas ou conceptos tales como a escritura, a imprenta, ou a inducción electromagnética. É dicir, sempre pode haber graduacións no tocante as fases e intensidades de implantación, pero non en canto á conveniencia de facelo.
  • A implicación de todos os integrantes da comunidade educativa nun proxecto común, compartido e asumido. E, loxicamente, posuir os medios para poder levalo á práctica.
 Todo isto tornarase en luces de córes se non vai acompañado da correspondente prioridade social e política, da definición da educación como un sector estratéxico merecente, lonxe de retóricas elegantes e, ao mesmo tempo, paralizantes, de todo tipo de apoio e, sobretodo, na asunción da perseverancia no empeño máis aló das diferentes citas electorais.

No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...