25/10/10

Práctica molesta, ofensiva e irrespetuosa.

Non son de agora, mais ultimamente proliferan os programas de radio que teñen seccións onde o locutor ou locutora de turno se dedica a facer unha chamada telefónica, supostamente a chou, pero dirixida sempre a algún sector de actividade ou perfil social concreto, para contarlle unha historia inverosimil e, por suposto inventada, co único obxectivo de chancearse, de practicar a broma a costa da paciencia dos demáis, que moitas veces están no seu traballo e vense, súbitamente, invadidos no seu espazo laboral por estes individuos sen escrúpulos, que realizan preguntas ou plantexan situacións que desconcertan, e que ás veces mesmo enfadan,con razón, ao interlocutor.
No estudio adoitan ter colegas e aguadores, compañeiros que celebran e animan e que directamente se rien do interlocutor ao respostar este de forma desconexa, desorientada, airada e, por veces, alporizada ante a reiteración de afirmacións, pareceres ou preguntas absurdas, inverosímiles ou denigratorias. E quen non ¡
Estes "fenómenos" pretenden, coa súa actividade, que os oíntes pasen un momento relaxado, alegre e pretendidamente divertido, a costa de poñer a un cidadán anónimo nunha situación delicada por mor das insensateces, estupideces e situacións embarazosas que lle están a comentar só con ánimo de engano e farsa. Cando este estoupa e comeza a dicir palabras maiores, a miúdo insultos, ou a responder nun ton amenazante, o "fenómeno" intenta manter a tensión dialéctica o maior tempo posible, ata que finalmente el mesmo se asusta e da por concluído o "xogo" descubrindo a súa identidade e dando a coñecer o seu cometido ante o paciente cidadán que a estas alturas está xa nun estado de shock próximo á obcecación e á desesperación. E con razón.
Pois nada, esta panda de "atracadores verbais radiofónicos" aínda ten máis que dicir se o seu interlocutor non reacciona docilmente, como pretenden, cunhas risotadas forzadas e culpables, case que agradecendo a deferencia de telo posto nunha situación tan estresante e ridícula. Si porque, cando o cidadán concernido non se deixa asoballar e reacciona dunha forma enérxica, declarando o seu enfado e mostrándose contrario a tales prácticas, e moitas veces cortando a conversación en seco, estes locutores estrelas aínda teñen máis que dicir comentando que hai que ser máis tolerantes, que hai que aguantar unha broma, que só era un xogo,... mequetrefes ¡. Pero non se decatarán que non todos estamos dispostos a saír nos "medios" de calquera forma? Pero quen son eles para invadir o ámbito privado dunha persoa, de molestalo e perturbalo no seu traballo, no seu descanso. E que a loita polas audencias xustifica todo tipo de actuacións. Pero a esta xente non lle ensinaron deontoloxía no seu proceso de formación? Xa está ben¡.
Se nalgún momento fosen os cazadores cazados, se recibisen algunha destas chamadas cando estean a traballar, preparando o programa por exemplo, e esta comunicación lograse poñelos nunha situación similar á que eles provocan, a bon seguro que xa o pensarían mellor a seguinte vez que se lles ocorrese semellante práctica, semellante idea luminosa.
Con todo, o máis efectivo para acabar con esta práctica penso que é a denúncia, presentando no xuzgado a correspondente demanda e/ou querela por intromisión na vida privada das persoas, con posible afectación da súa imaxe e proxección pública. Cando a empresa para a que traballen teña que facer fronte a unha sentenza firme de condena, daquela xa estaría, por motivos obvios, o problema resolto.
Por certo este mesmo proceder, que foi usado tamén como argumento en cuñas radiofónicas de publicidade, vale tamén para eses programas de cámara oculta que ás veces emiten en certos canais de televisión, aquí por riba co agravante da imaxe. É a mesma estupidez, a mesma invecilidade, rirse dos demáis, descoñecendo que a verdaeira risa, o xenuino chance comeza por un mesmo, conscientemente, por decisión propia, e non cando tres ou catro "iluminados", créndose os reis do alpendre e os descobridores do Sol, intentan aumentar a súa audiencia a costa da dignidade e imaxe pública dos demáis.
Acredito que sempre haberá quen lles rían, e incluso celebren e comenten, estas súas "bromas". Mais, conmigo desde logo que non conten. Tropa de soberbios presuntuosos¡

No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...