28/3/09

Solecismos



Solecismo, provén do latín "soloecismos", que á súa vez deriva do griego "soloikismós" ('falta ás regras do idioma'; a súa orixe é a palabra "soloikos" que era aplicada aos habitantes de Soloi, en Cilicia, que seica falaban unha variedade de grego altamente peculiar).
Outros prefiren usar o termo cuasi sinónimo de anacoluto (provinte do latín "anacoluthon", e iste do grego ανακόλουθον /anakólouthon (que significa ‘que non segue, inconsecuente’); palabra composta co prefixo privativo ἀν- (an-) e a radical tamén grega ἀκόλουθος/akóluthos acólito (consecuente, compañeiro de camiño).
Parece ser que iso é o que contén de forma reiterada e sorprendente o auto (que vai camiño de batir o record en acumular recursos e máis recursos) que a xuíza de Corcubión Carmen Veiras dictou a propósito do chamado caso "Prestige".
Incorreccións consistentes no mal uso dunha construción ou na falta de sintaxe. Se ademais unimos un uso caótico dos signos de puntuación, erratas e omisión de palabras imprescindibles para a comprensión dun texto, estamos ante un aparente intento de dificultar, ou mesmo impedir, a lectura deste auto por xente do común.
Menos mal que persoas competentes no tema, por interese profesional ou por gusto ou delite, tiveron a amabilidade de facelo por nós e comunicarnos aos neófitos no tema o seu contido. É o que fixo o brillante columnista do suplemento de "Galicia" de EL PAÍS, D. Carlos Martínez-Buján Pérez. O seu artigo da semana pasada, titulado "El auto sobre el Prestige" é clarificador (tamén o foi, por certo o que dedicou ao Citroën prestado a Feijóo).
Un tema de tanta transcendencia non debera ser obxecto de tan pouca dedicación, esforzo e capacidade. A xuíza e o perito, que redactou o informe no cal practicamente baseou a xuíza o seu auto, están sendo obxecto de xusta atención e, por veces, contestación e abraio. Iste último chega tamén á cantidade de euros que cobrou o redactor do informe pericial. Santiago Martín Criado, por outra parte, ocultou á xuíza un detalle que, en sano xuízo, anulará por vicio de forma tal informe pericial. A propósito das explicacións do Sr. Martín nun xornal coruñés que algúns dan en chamar "La Voz de ..." xa o di o "latinajo":Excusatio non petita, accusatio manifesta.
Seguiremos atentos.

27/3/09

O Gêres e a Quinta do Agrinho



O lugar, a paraxe, é efectivamente fermosa. Transmite calma, sosego, como se as horas durasen máis. A dilatación do tempo vívese sen necesidade de acadar altas velocidades.
A paisaxe que puidemos contemplar ao longo dos tres días por estas terras luminosas (tivemos un tempo soleado, claro, nítido) sempre foi espectacular. Nalgúns casos lembrábame á de terras máis próximas (as serras de Sabadelle, en pequeno, son certamente parecidas).
Descansamos, durmimos ben, comimos mellor (Pimpao: que descubrimento¡) e ata saímos coa pel enrrugada dun spa (fermosa a Vila do Gêres). A cervexa "Superbock" baixaba cun ritmo e unha intensidade proporcinal á súa amplitude.
Á volta visitamos tamén a cidade de Ponte de Lima. Interesante casco vello e magnífica ponte que adorna a un maxestuoso río.
Se estas vivencias se comparten con entrañables amigos, pois...o que xa teño dito noutras ocasións: paraisos cercanos.

8/3/09

Daranse novas batallas


Despois do breve paso polo goberno da esquerda transformadora, onde a penas tivo tempo para poñer en marcha unhas cantas medidas e tomar algunhas decisións, os poderes fácticos de sempre dispóñense a acadar novas metas unha vez conseguido o obxectivo de volver a ter o cabo e o timón ben suxeitos da súa man (por un momento percibiron que mans alleas trataban de endereitalos).
Como digo as medidas tomadas e os instrumentos creados foron moi limitados pero cun gran xérmolo transformador. Os de sempre percibiron o perigo e tomaron cartas no asunto. Non máis contemplacións. Non máis condescendencias. Recuperemos o que é "noso" e, fagámolo, canto antes. Empreguemos todos os medios ao noso dispor (que non son poucos). Ante situacións excepcionais cómpre usar todas as medidas e recursos que sexa mester (xa se fixo antes cuns resultados que a historia nos mostra con claridade, para quen os queira ver).
Agora xa anuncian que van ir polos concellos. Quérenno outra vez todo e, desta vez, non deixarán que se lles escape tan doadamente. Contan con moitos partidarios, con medios, con influenza e co poder difuso e solapado (que é sempre o máis efectivo).
Tanta é a borracheira, tanto o desenfreo, tanto o atrevemento, que mesmo rivalizan sen pudor nos seus medios acerca de quen tivo máis mérito, sobre quénes fixeron a mellor xogada, quen a colou máis grande, en definitiva sobre quen manipulou, terxiversou, ou, directamente, mentíu máis.
O brillante Manuel Rivas expresao con precisión na súa columna semanal.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...