25/10/13

A carballeira fica cun menos

Facer leña como o derradeiro desexo












Velando a morte do irmán
Pasado xa o último temporal é o momento, primeiro de prepararse para o próximo, que segundo as previsións non tardará moito, e despois de facer reconto dos danos causados. Reparemos nun deles, con seguridade non o máis importante, pero suficientemente significativo.
Como se observa, a carballeira fica cun menos, cun carballo menos e cunha ferida a máis. Cunha ausencia imposible de cubrir, cunha pena difícil de aturar. Asusta o feble que pode resultar o que, aparentemente, se percebe como rexo e firme. Moitas veces non valoramos a forza do vento e os estragos que pode causar. A natureza aínda é quen, por veces, de facer acto de presencia e reafirmarse no seu poderío.
Agardemos que as vindeiras treboadas que veñan non causen moitas desgrazas e respecten as árbores, sobre todo as máis sobranceiras, que aínda non quedan, para goce de todos. Aquí temos un exemplar magnífico que chora a morte do seu irmán. Eu tamén acompaño no sentimento. Na súa honra, transcribo o seguinte.
Alegría por ter nacido, por ter aparecido, por ter reaccionado, por ter chorado.
Ledicia por crecer, por evoluír, por aprender, por progresar, ás veces non adecuadamente.
Goce polo amor e a amizade, pola tenrura e a vontade, polo sorriso e a soidade.
Fartura dos excesos, dos inbéciles, dos hipócritas, dos canallas e dos obsesos.
Debilidade pola emoción, polo sentimento, tamén pola racionalidade e o pensamento
Aspiración ao ascetismo, á pureza, á lealdade e á solidariedade.
E, sempre, reflexión, introspección, fondura, núcleo e paz.

29/9/13

Costumes a erradicar

Pois resulta que o señorito, mellor dito o cabaleiro, afirma no seu artigo semanal que necesita encher unha bañeira de auga para, mergullándose nela apenas uns minutos, decatarse que está vivo. Este comportamento recoñece que o leva practicando desde a súa infancia. 
Certamente coñezo formas máis sinxelas, directas e sustentables para, despois dun reparador descanso nocturno, facer ver a unha persoa que está viva . Quizais o eminente e premiado escritor non de decate que tal hábito, non hai outra forma de cualificalo se leva tantos anos realizando tal actividade polas mañás, é pura e simplesmente insustentable e que, a bon seguro, vai ter que modificar este comportamento, non só porque comecen a escasear as bañeiras nos hoteis, senón por convencemento propio e responsable actitude ecolóxica. 
Son lector desde hai xa moitos anos destas columnas semanais de Javier Marías, e de algún que outro  libro, e creo recoñecer a súa calidade humana, a súa creatividade e o xuízo serio e responsable que posúe sobre os máis diferentes temas. A grande maioría das veces estou de acordo, mesmo as veces entusiásticamente, cos seus análises e opinións sobre as máis variadas temáticas. Mais...a estas alturas, no ano 2013, coa información que xa se atesoura sobre as diversas ameazas reaias sobre o medio ambiente, sobre a escaseza de determinados elementos básicos para a vida neste planeta (polo momento, non temos outro),  e sobre a necesidade de mudar comportamentos e hábitos de vida, non creo moi edificante que se propague a idea de que para poder espertar de seu sexa necesario gastar tal cantidade de auga doce. Só con que a décima parte da poboación mundial mostrase a mesma querencia por tal práctica, a realizar todos os días, non chegaría a auga para encher tanta bañeira. Sentidiño...

6/9/13

Nova aportación

En realidade non era tarde de máis, porén e posto que xa víñamos de intentar buscar un lugar para cear nun dos mesóns de moda e non quixemos agardar porque habia moitos comensais por diante de nós, cando vimos a aquela mesa libre, "sozinha" no medio de aqueloutras todas ocupadas e que se axustaba perfectamente ao que andavamos buscando, falamos coa encargada da esplanada e sentámonos de contado. Tomamos pose con agrado xa que a situación era moi boa para a noite que estaba e para o tipo de vila, "à la page", que habitábamos.
Unha das viandas que pedimos, todas estaban bastante saborosas pero esta especialmente, foron unhas ameixas.
Ao remate da súa desgustación a alguén de nós asaltouno a curiosidade por saber de que variedade eran. Chamamos ao mozo de esplanada e preguntámoslle. Non o sabia e díxonos que ía consultar á cociñeira. Cando voltou afirmou que eran da variade al-kap...uhm... "japónicas"! afirmamos algúns de nós co ánimo de axudalo. O mozo quedou pensativo uns intres e finalmente aventurou: iso!, son al-kapónicas, da variedade al-kapónicas.
Al-kapónicas? Si señor. Nese momento estaba a nacer unha nova variedade de ameixa, que sumar ás principais xa coñecidas: babosa, rubia, fina e japónica. Retirámonos felices, coa satisfacción de saber unha cousa máis.

10/7/13

Dieta

Un amigo cóntame telegraficamente que ten un curmán que está, desde hai xa algún tempo, a experimentar con moito éxito unha dieta caralluda, por ser simples, efectiva e doada de practicar. Seica, di, que con ela foi quen de perder por volta de 5 kg e, ademais, manter ao longo do tempo esta perda.
Trátase de obviar, de suprimir, de prescindir do xantar, da comida do medio día, e substituilo pola toma de tres, ás veces catro, pezas de froita. Son fixas sempre no fato, unha pera, unha mazá e un plátano. Por veces este paquete vese acrescentado por froita de tempada: unha dúcia de cereixas, un acio pequeno de uvas, ou mesmo un pexego.
Este réxime hai que seguilo cinco dos sete días da semana, preferiblemente os días laborables. Por suposto o resto das comidas poden facerse como se acostumar, sen límite, restrición ou corte. 
Só hai que ter en conta un pequeno, mais importante, pormenor: a degustación da froita debe facerse camiñando, en movemento. De nada vale se se toman en repouso. Parte do segredo, frisa, está aí. 
Outro detalle: a cea cómpre facela, a poder ser, non máis tarde das 21:30 h, por aquelo de que como será un bocado máis abundante do normal e será preciso tomar algo de proteínas, se deixe tempo para que o metabolismo opere coas súas funcións e tarefas sen maiores atrancos.
Como esta non é unha dieta milagre, nen moito menos, só se garanten resultados ao remate de catro ou cinco semanas e, como sempre, estes permanecerán se acaso continuamos a desenvolvela sen interrupcións nin descansos e mantemos unha actividade física normal (as camiñadas, a diario, non deben faltar).
O Panuncio, que así se chama o curmán do meu amigo, di que ao principio, durante as primeiras dúas ou tres semanas, pode sentirse algunha pequena "debilidade" sobre as seis ou sete da tarde. Nada importante. Afirma que pode ser superada con vontade, determinación, confianza na actuación e, claro, algo de coraxe.  Experimenten!


7/7/13

O busílis da questão

O enésimo artigo sobre a educación, menciona temas recurrentes que, infelizmente, non rematan de perder actualidade. 
Cando está a punto de iniciarse o debate nas Cortes da última reforma, a LOMCE, lei que se sumará a unha xa longa lista desde a restauración política que deu lugar á Constitución de 1978:
Lei Orgánica de Estatutos de Centros Escolares (LOECE)

1980
Lei Orgánica del Derecho a la Educación
(LODE)

1985
Lei de Organización General del Sistema Educativo (LOXSE)

1990
Lei Orgánica de Participación, Evaluación y Gobierno de los Centros Docentes (LOPAG)

1995
Lei Orgánica de Calidad de la Educación
(LOCE)

2002
Lei Orgánica de Educación
(LOE)

2006
é o momento de facer unhas brevísimas consideracións sobre certos aspectos aínda pendentes. Fagámolo a modo de preguntas non sei se inocentes, retóricas ou mesmo inxénuas:
  1. É certo que a xeneralidade dos estudantes universitarios confórmase só con estudar, para repetir canto máis fielmente mellor, uns apuntes pechados e acotados e, o que é peor, a gran maioría do profesorado é este o sistema que alienta, promociona e esixe?
  2. É certo que ler libros, artigos e traballos de diferentes orientacións e escolas, para poder criticalos e elaborar propostas argumentadas é unha práctica minoritaria entre os nosos estudantes do ensino medio e universitario?
  3. É certo que os sistemas para seleccionar aos funcionarios das Administracións públicas, en base a criterios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, segue copiando hábitos, procedementos e prácticas do século XIX, baseados na exercitación da memoria, notable función do cerebro mais non a única nen necesariamente a máis importante, e que implican que os aspirantes pasen varios anos da súa vida agochados do mundanal ruído, nestes tempos vertixinosos nos que nun ano hai máis cambios, en todos os aspectos, que en 20 ou 30 anos dos séculos anteriores?
  4. Segue tendo sentido que parte dos sistemas de selección se baseen en recitar fielmente un tema de entre 100, 200, 300,..., cual máquina programada, nun tempo determinado para poder optar a unha praza de funcionario público?
  5. Segue sendo admisible que, en moitos casos, se poida traspasar felizmente a barreira dos procesos de selección sen ter demostrado uns mínimos coñecementos e destrezas no manexo das tecnoloxías da información e da comunicación?
Non sigo, esto xa me soa a demasiado obvio.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...