28/4/11

O futuro está aqui

Aínda que xa saíu hai algún tempo, este video mostra algúns dos cambios que teremos nas nosas vidas. Guste ou non, isto verémolo dentro de poucos anos. Que clase de mundo é o que estamos a vivir que non permite que asentemos e maduremos os cambios que acontecen, de tan rápido que van? A percepción cambia, satúrase, non permite que apreciemos o que temos e, sobre todo, o que se vai, o que desaparece para sempre, inexorablemente...

19/4/11

Pareceres

Non creades con demasiada facilidade se alguén afirma que unha cousa é totalmente boa ou mala.
Non creades en libros, en escritos, en teorías, en doctrinas de escola ou ben en comentarios simplesmente porque foron recopilados por anciáns mestres.
Non existe motivo algún para conceder credibilidade a alguén unicamente porque se trate dun mestre, dun superior xerárquico, dun home poderoso ou dunha autoridade.
Debedes pensar as cousas por vós mesmos e asentir se a vosa propia conciencia asi o decide porque sexa beneficioso e traia boas consecuencias para vós e para o demáis. Só entón comportádevos con toda tranquilidade de acordo con elo.


10/4/11

Ás veces, mesmo é difícil...

... soportar a pesada carga da melancolía, a acumulación de contrariedades e desafíos, de desencontros, de situacións e aconteceres de resultado incerto. A necesaria resolución que normalmente aparece, por moito que chegue polo método do ensaio e erro, desta vez está a tardar de máis. Un non remata de afacerse a estes abalos que suxen de súpeto arruinando o estado de sosego e tranquilidade; demasiada chispa, por veces...
Só lle atopo a esta situación unha virtude: é perfecta para aprender a distinguir o principal do secundario, o accesorio do fundamental, o substancial do anecdótico. É nesta asunción onde reside parte da cura, do alento no sosego e na superación.
A vida tamén consiste nesto. Cando acreditas que consegues ter a superficie calma chega a perturbación e, instintivamente, comezan as ansias para tratar de confinala nos límites espacio-temporais precisos que aseguren, ao menos, o seu manexo, evitando que resoe máis aló do que se xuzga como soportable.

20/3/11

Efectos da actividade dunha fonte radiactiva


Cando estamos fronte a unha fonte radiactiva, unha das primeiras magnitudes físicas que nos interesa medir é a chamada actividade, é dicir, o número de desintegracións que se producen na mostra radiactiva por unidade de tempo. O coñecemento desta magnitude dános unha medida da velocidade de desintegración. 
As unidades nas que se mide a actividade son o becquerel (Bq) e o curio (Ci). O bequerelio, que é a actividade dunha mostra na que se  produce unha dessintegración por segundo, é a unidade utilizada no sistema internacional de unidades (SI), non obstante ser o curio  a máis empregada.
Con todo o que importa a efectos prácticos é distinguir entre a dose absorbida, a dose equivalente e a dose efectiva. Non será inocente o referirnos a unha ou a outra. 
Para poder saber os efectos de cada tipo de dose podemos, lonxe de recurrir á definición técnica que acaso introduciría máis confusión en persoas non expertas no campo, axudarnos cun exemplo que os profesionais que se dedican a estes temas utilizan con certa frecuencia. 
Supoñamos que a actividade dunha mostra radiactiva a comparamos co fenómeno atmosférico da saraiva. Pois ben, aceptada esta imaxe podemos dicir que a dose absorbida sería a parte da saraiva que impacta no corpo do individuo que sofre a radiación. 
A dose equivalente serían os grans de saraiva e, polo tanto, en función do tamaño destes grans a dose equivalente recibida será maior ou menor. Canto maiores fosen estes grans maior sería a dose equivalente de radiación que recibiría a persoa.
Por último, a dose efectiva sería avaliada en función de en qué partes do corpo do individuo caerían estes grans de saraiva de distinto tamaño. Haberá,  xa que logo, partes do corpo máis sensíbles ás radiacións que outras, a igualdade de dose efectiva recibida.
Cumpriría, pois, que cando os medios de comunicación se refiran á dose de radiación que impacta sobre determinado organismo vivo, e reseñen determiñadas cantidades, especifiquen se a dose é absorbida, equivalente ou efectiva, para poder ponderar mellor a gravidade do efecto.


17/3/11

Gómez Franco pode dar a campanada

Tomás Gómez Franco pode converterse na auténtica sorpresa das vindeiras eleccións municipais e autonómicas. Está a deseñar unha campaña eleitoral á marxe da estratexia concibida en Ferraz e ten creado un  "comité de notables", no cal figuran eminentes persoeiros do socialismo español, que terá como misión asesorar ao candidato en todo o referente ao programa eleitoral.
É evidente que, en principio, e á vista das enquisas preeleitorais non o vai ter doado. Mais non debemos minusvalorar as súas posibilidades dado que se trata dunha personaxe que, até o momento, resultou sempre vencedor en todas as contendas ás que se presentou, mesmo enfrontándose á cúpula do seu partido nunhas circunstancias nada favorables, e saíndo gañador.
Parece ser que é unha persoa con baraka e, polo tanto, non se sente derrotado por moi dificultosa que sexa a empresa que teña que enfrontar.
Desde logo se é quen de gañar as eleccións autonómicas na comunidade de Madrid, aínda que sexa por escaso marxe, eu xa sei quen vai ser o candidato do PSOE nas próximas eleccións lexislativas. 
Daquela pouco importará a decisión que tome, se é que non o fixo xa con antelación, o actual Presidente do goberno, pois a impronta de vencedor nato de Tomás Gómez fará que o partido o elixa cuasi por aclamación; e os cidadáns da comunidade de Madrid que o votaran saberán desculpar, dadas as escepcionais circunstancias que confluirían no caso, o feito de que abandonase a comunidade para aspirar a máis altas cotas de poder. 
Sendo isto asi, o actual xefe da oposición debería poñer as barbas a remollo.
O efecto Gómez Franco podería levalo por diante, electoralmente falando claro.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...