9/8/09

O sorriso que delata


Observando con atención iste pequeno vídeo algo non cadra. Algo falla. Algo desentona. Algo soa a falso, a impostura.
Efectivamente, cando poden máis o afán de notoriedade, o protagonismo e a exhibición, poden darse situacións como a que se revela no visionado.
O que podería ter sido unha despedida sinceira, comedida e sentida, transformase, ao meu ver, nunha tiranía do espectáculo, nun afán de notoriedade e nunha clara pantomima.
Seguro que os pais deste persoeiro foron unhas excelentes persoas, seguro. E de seguro tamén que o protagonista (nunca mellor dito) sinte que tivo uns compañeiros... tan, tan colegas coma el. Pero os sentimentos que transmite no día da despedida dun equipo no que estivera dez anos non parece que puideran substraerse do protagonismo e do tópico. Do lugar común de soltar algunhas bágoas secas, algúns saloucos, certos xemidos, suspiros e/ou balbuceos.
Pero non, amigo Michel. O sorriso final delátate. Todo simulacro. Todo convenientemente preparado para provocar os aplausos (tamén estes rotinarios e mecánicos; porque parece ser que é o correcto nestes casos, no canto de respectar cun sonoro silencio a sinceira amargura e tristura pola despedida e a lembranza dos seres queridos).
Ese sorriso manifesta o éxito do pretendido, a satisfacción de ter acadado o desexado. Ter uns segundos asegurados nos noticieiros.
Falso, todo falso. A mueca, a pose, ise sorriso, ese leve, breve e apenas debuxado xesto...
Mais, que podemos esperar? Pura representación.

8/8/09

Estamos preparados?


Para a pandemia que nos virá enriba?
E non precisamente a da gripe, nas súas diferentes variantes, senón a da pelota.
Si, a do esférico que ás veces tanto custa meter dentro dos tres paos.
Xa hoxe, de madrugada, a noticia máis destacable dos informativos horarios da radio era un resultado do equipo que, con cartos alleos, investíu máis de 250 millóns de euros para facer negócios varios e ver se é quen de, ao mesmo tempo, conquerir algúns trofeos deportivos para maior alegría dos seus siareiros, que seica son moitos e están repartidos por todo o globo.
Parece ser que gañou 5 a 0 a un equipo de Toronto en Canadá. Pois moi ben.
Eu, por se acaso, ando xa na procura dun "tamiflú" que me permita soportar a morea de improperios, estupideces e superficialidades que se emitirán con altofalantes polo amplo espectro radioeléctrico e que se escribirán pola galaxia gutenberg adiante. Alguén sabe?

3/8/09

"The Boss" en Compostela (e van dúas)


Bruce Springsteen tocou de novo en Compostela. Desta volta acompañado pola The E Street Band. Gustei do concerto, pero non tanto como o fixen no do ano 1993. Daquela tiña un plus de confirmación dun descubrimento que agora xa non acho. A saída el "sozinho" ao esceario para cantar "Thunder road" coa única axuda da súa guitarra acústica tivo un punto de emoción que xa non foi posible repetir desta vez.
Mais con todo: "tudo bem", do punto de vista musical, porque o aspecto relativo á organización do evento foi un auténtico desastre, un escándalo descomunal. Como xa os medios fixeron, e están a facer, un exhaustivo relatorio dos feitos, afórrome máis comentarios. Unicamente dicir que a entrada e a saída no e do auditorio foi caótica, lentísima e vergonzante. Quen teña competencias (Consorcio, Xacobeo, Consellería de Cultura,...) debe facer un remodelación profunda do auditorio para aumentar a súa capacidade, comodidade (cómpren uns servizos e asistencias máis amplos e mellores), dotalo das instalacións que son precisas neste tipo de recintos e, sobretodo, facerlle máis vías de acceso e saída. Claro que todos estas cuestións tráenlle sen coidado aos numerosísimos (que empalago e cansancio ver sempre aos mesmos nas pantallas, xentes que tiñan marcada na súa face que estaban... porque había que estar, porque compartir o espíritu e a filosofía do Bruce non parecían que o tivesen feito) VIPS (persoas importantes de qué? a conto de que?) que, en lugar privilixiado, se congregaron por multitudes (e despois outros, que pagaron a súa entrada, sen poder ver o espectáculo cunhas mínimas condicións de visibilidade: a xustiza resolverá no seu día)
Gustoume a entrega e xenerosidade do "boss", as tres horas de música, a honradez, decencia e bon facer que transmitía (el e a súa banda). Tamén gustei do ambiente nas bancadas da xente do común. A maioría víase que sabían onde estaban. E como xa ben sendo habitual, duns anos para acó, estabamos (por separado, iso si) pais e fillos ( e quen sabe se xa algún neto; eu de certo non vin nengún), pais que soubemos transmitirlle esta querencia, alomenos ista, xa que outras, parece que non fomos quen.
Quédome coa imaxe final: cando xa remataran todos os xenerosos "bises", cando xa os músicos tiñan saudado por última vez e xa fixeran "mutis polo foro", co esceario a escuras, o foco iluminaba feblemente a figura do "boss" con súa guitarra ergueita na man esqueda e saudando coa outra a todos nós. Abofé que nos dimos por aludidos e puiden sentir parte da emoción do concerto de 1993.
Ata o seguinte Bruce (e que non haxa que esperar outros 16 anos).

2/7/09

Catalonia is not Spain



Coa aprobación da nova lei de educación da un paso máis no camiño de selo.
Que se "birla" a terceira hora.
Que se recibirá un 6% do PIB
Que se adianta a escolarización obrigatoria.
Que se examina tamén aos docentes.
E moitas máis medidas, efectos e consecuencias.
Mentras tanto, nós, aquí no outro extremo da península, subastando coches oficiais na espera do novo Decreto.
Onde hai que apuntarse?

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...