16/6/09

Lingüística e ideoloxía

Non por sabido está de máis que o teñamos presente. Desde hai xa uns anos comezou a batalla final para ferir definitivamente aos idiomas da península ibérica que non son nin comúns nin globais. Repasemos e actualicemos:

13/6/09

Neno, non se toca.



Houbo persoas que non fixeron caso e tocaron. Tocaron á porta e tocaron ao gato. A porta veuse abaixo e o gato rabuñou. Que esperaban? Acaso non estaban avisadas. Xa sei, a porta era vella, estaba en moi mal estado pero aguantaba, cumpría a súa función, minimamente, a trancas e barrancas pero estaba. E o gato? O gato meditaba tranquilo, nun dorme e non dorme case continuo. Din que desde que tocaron rabuña con forza e dedícase á caza sen desmaio. Non deberon tocar. Se o asunto vai, non o escaralles.

5/6/09

Aceptaría vostede a invitación para tomar o sol en Villa Certosa?

Lembre que tería transporte pago, protección continua e diversión asegurada.
Pode ter unha idea das posibilidades que se lle ofertan na seguinte (inocente) foto.
"Madre mía, como está la vida¡"

3/6/09

Afinar, apuntar, discriminar, seleccionar,...

Nas actuais circunstancias, no momento presente do debate, cómpre ter tino e argumentar con precisión e concreción. Non debéramos dar pé a que os adversarios teñan unha doada réplica cando pretendemos identificar ou equiparar lingua vehicular con currículo dunha materia concreta, ou ben cando falamos de apartheid lingüístico cando é seguro que eles van a entender por apartheid outra cousa e van sacar o dato da liberdade para elixir o idioma no que se desenvolve o ensino que existe nalgúns países con casuística e historia moi distinta ao noso. Isto foi o que aconteceu recentemente nalgunhas intervención na prensa, no apartado de cartas ao director, nas que se rebatía con facilidade os aspectos antes comentados. Considero que debemos evitalo.
Ao meu ver hai que centrarse no que eles entenden por liberdade de elección e nos límites da aplicación do dereito dos pais a elixir o idioma no que se imparten certas materias. O concepto de apartheid implica falta de liberdade e eles precisamente defenden que haxa liberdade de elección, non falta dela. Tampouco cuestionan que deban impartirse as matemáticas, a música ou as ciencias para o mundo contemporáneo, senón o idioma vehicular que se usa para as actividades de ensinanza e aprendizaxe. Aí é onde debemos centrar os nosos esforzos, os nosos argumentos. Do contrario teñen unha réplica brillante, directa que pode dar a impresión de que pola outra parte carécese de razóns ao ter (supostamente) que recurrir a algo que eles non afirman e que con facilidade poden desmontar e desarmar.
Con todo o que é máis urxente combater é a idea de que o galego é o idioma agresor, o idioma que se está a impoñer, e que certa parte da sociedade está indefensa e mesmo se sinte ameazada ante tal feito.
Por outra banda é necesario, tamén, resaltar aínda máis o dereito que temos os galegos, todos os galegos (outra cousa é que certa parte deles rexeiten tal dereito ou mesmo o cuestione), a poder usar a nosa lingua sempre e en calqueira ocasión e salientar a asimetría legal que hai entre as dúas linguas oficias na Galiza.

13/5/09

Evidenciemos os apoios



De sempre é coñecido que ás veces un falta a unha cita, festa, reunión, acontecemento ou evento, non por falta de gañas ou de interese, por desidia, abandono ou deixadez, senón por ter que atender asuntos máis urxentes e inaprazables, á vez que inexorables. Tarefas, asuntos ou compromisos que se presentan de súpeto ou que aparecen de forma inesperada ao fallar os mecanismos que supostamente se tiñan deseñado para xestionalos.
Ben isto a conto a que por diferentes circunstancias que agora non é o momento de relatar, relacionadas con lastimosos malentendidos e dinámicas varias que, sen pretendelo, xeraron certas obrigas con terceiras persoas, máis ou menos ineludibles, o certo é que, a día de hoxe, non vou poder estar físicamente na manifestación do vindeiro domingo. Mágoa.
Non obstante poderia poñerse de manifesto o meu apoio a prol do noso idioma sen ter que estar físicamente presente na manifestación. Hoxe é posible facelo dunha forma doada e simple, sen apenas custo económico, e sen darlle gañancias a quen non as merece (a clásica nota de prensa pagada como publicidade cos listados correspondentes).
Estoume a referir a facer uso das modernas tecnoloxías, en concreto das diferentes redes sociais que ateigan a rede. En moitas delas existen xa grupos creados só para deixar constancia do apoio á manifestación en defensa do noso idioma por mor de, por un ou por outro motivo, non poder asistir a ela.
Trataríase de ler no acto final da mesma a referencia de todos estes apoios lendo, un por un e a modo de monocorde acompañamento aos diferentes discursos que se pronuncien, o nome e procedencia dos remitentes.
O efecto propagandístico que se lograría non sería pequeno e non deixaría de ser recollido polos diferentes medios de comunicación social.
A lectura sería en segundo plano e con baixa intensidade sonora, para non entorpecer as diferentes mensaxes que estivesen a dar os oradores, mais a presenza teimuda do acto da lectura durante todo o tempo lograría, entendo eu, un efecto multiplicativo dos apoios á manifestación e poñelos de manifesto dunha forma sonora, e tamén visual.
Os asistentes virtuais quedarían desta forma contabilizados e manifestada a súa vontade inequívoca de apoio. O obxectivo podería ser que ao día seguinte os medios (algún medio ao menos) referenciase a contabilidade de asistentes distinguindo entre os reais e os virtuais. A idea sería que o titular e a entradiña tiveran máis ou menos parecido co seguinte texto:
"Masiva asistencia á manifestación de onte. Estímase que asitiron e percorreron as rúas de Compostela máis de 25.000 persoas e foron lidas, durante os máis de corenta minutos que durou o acto final cos discursos, alomenos 10.000 nomes de persoas que querían evidenciar expresamente o seu apoio á manifestación dunha forma virtual, como o certifican os diferentes grupos creados para tal fin nas principais redes sociais".

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...