13/5/09

Evidenciemos os apoios



De sempre é coñecido que ás veces un falta a unha cita, festa, reunión, acontecemento ou evento, non por falta de gañas ou de interese, por desidia, abandono ou deixadez, senón por ter que atender asuntos máis urxentes e inaprazables, á vez que inexorables. Tarefas, asuntos ou compromisos que se presentan de súpeto ou que aparecen de forma inesperada ao fallar os mecanismos que supostamente se tiñan deseñado para xestionalos.
Ben isto a conto a que por diferentes circunstancias que agora non é o momento de relatar, relacionadas con lastimosos malentendidos e dinámicas varias que, sen pretendelo, xeraron certas obrigas con terceiras persoas, máis ou menos ineludibles, o certo é que, a día de hoxe, non vou poder estar físicamente na manifestación do vindeiro domingo. Mágoa.
Non obstante poderia poñerse de manifesto o meu apoio a prol do noso idioma sen ter que estar físicamente presente na manifestación. Hoxe é posible facelo dunha forma doada e simple, sen apenas custo económico, e sen darlle gañancias a quen non as merece (a clásica nota de prensa pagada como publicidade cos listados correspondentes).
Estoume a referir a facer uso das modernas tecnoloxías, en concreto das diferentes redes sociais que ateigan a rede. En moitas delas existen xa grupos creados só para deixar constancia do apoio á manifestación en defensa do noso idioma por mor de, por un ou por outro motivo, non poder asistir a ela.
Trataríase de ler no acto final da mesma a referencia de todos estes apoios lendo, un por un e a modo de monocorde acompañamento aos diferentes discursos que se pronuncien, o nome e procedencia dos remitentes.
O efecto propagandístico que se lograría non sería pequeno e non deixaría de ser recollido polos diferentes medios de comunicación social.
A lectura sería en segundo plano e con baixa intensidade sonora, para non entorpecer as diferentes mensaxes que estivesen a dar os oradores, mais a presenza teimuda do acto da lectura durante todo o tempo lograría, entendo eu, un efecto multiplicativo dos apoios á manifestación e poñelos de manifesto dunha forma sonora, e tamén visual.
Os asistentes virtuais quedarían desta forma contabilizados e manifestada a súa vontade inequívoca de apoio. O obxectivo podería ser que ao día seguinte os medios (algún medio ao menos) referenciase a contabilidade de asistentes distinguindo entre os reais e os virtuais. A idea sería que o titular e a entradiña tiveran máis ou menos parecido co seguinte texto:
"Masiva asistencia á manifestación de onte. Estímase que asitiron e percorreron as rúas de Compostela máis de 25.000 persoas e foron lidas, durante os máis de corenta minutos que durou o acto final cos discursos, alomenos 10.000 nomes de persoas que querían evidenciar expresamente o seu apoio á manifestación dunha forma virtual, como o certifican os diferentes grupos creados para tal fin nas principais redes sociais".

9/5/09

Non se decatarán que...

... se están a desempeñar un cargo político é porque existe iso que eles parecen menosprezar, cando non ignorar.
... de non existir o que nos da alento e forza como comunidade diferenciada, nin mellor nin peor pero si distinta, aqui non habería autonomía tal e como hoxe a coñecemos e, polo tanto, ista xente só podería aspirar a ser un mero burócrata de provincias con máis ou menos nivel.
... coa súa actitude están a negar a existencia da razón de ser da súa función no sistema político e administrativo.
... é tremendamente inxusto ollando o panorama actual de uns e outros que, mentras uns loitaban pola dignidade e liberdade colectivas eles só se preocupaban do seu interese persoal, de estudar e non meterse en líos, de arranxar o seu, horfos de preocupacións de tipo social ou político.
"Galicia, cuatro: La Coruña, Lugo, Orense y Puentevedra (o era Pontevedra?: que lío con esto del gallego)"

27/4/09

E nisto que chegou a gripe porcina




Cando estabamos todos/as entretidos coa recesión, a crise, o paro, e tamén coa liga, co goberno de Feijóo e os seus coches oficiais, co tempo atmosférico e demáis distractores e pasatempos, resulta que veu no noso resgate a gripe porcina. Hai xa uns meses (ou quizáis anos, que agora o tempo pasa moi rápido) estivemos unha tempada entretidos con outra gripe, daquela era a aviar, ata que un bon día os "creativos" de garda decidiron que xa era hora de pasar a outra cousa (como efecto colateral algúns Estados precavidos tomaron a decisión de mercar ás empresas farmaceuticas millóns de doses de medicamentos; ises mesmos que agora nos din que, en caso de apuro, poden ser útiles e que teríamos que "tragar"). Está ben ter de cando en vez carnaza nova na que trincar o dente. Veremos canto dura ista. Todo sea por animar e por enredar¡

13/4/09

Máis paraisos cercanos



Para os que somos de Ourense non é nada novo constatar, máis unha vez, a fermosura e beleza das súas terras e paisaxes.
Puidémolo comprobar istes últimos días andando polos camiños e corredoiras das terras de Chandrexa de Queixa e de Manzaneda. Respiramos o aire das súas serras, empapándonos dos seus aromas, dos seus sons, da súa grandura. Visitamos lugares e aldeas con olfato de hai trinta ou corenta anos e ata (demasidos) pobos abandonados. Enchímonos de xestas, de carpazos, de carballos e de faias, de vento, de auga, de sol e ata de neve. Cruzamos regatos, e mesmo ríos, subimos a cumes levadeiras e baixamos a fermosos vales. Parolamos coa boa xente da zona e gozamos das súas apetecibles viandas, todas abundantes e sabrosas. Todo moi variado e gratificante.
Por suposto na compaña de xente agarimosa e acolledora, amable e xenerosa.
Ao longo destes días tamén puidemos albiscar as carencias, as eivas, a deixadez e ata o abandono. Seica o "patrón maior" da Deputación gasta a maior parte do orzamento en nóminas (hai un concepto na ciencia política que se chama clientelismo que non sei por qué agora me lembro del) e poucos recursos lle deben quedar para adecentar camiños, limpar e sinalizar rotas e concas de ríos e regatos, mellorar as vías de comunicación, poñer en valor o enorme patrimonio cultural e natural da comarca,...dignificar a vida da xente da montaña. Claro que para iso cómpren ideas, amor e compromiso. E...me parece que vendo e escoitando isto xa un mesmo se pode facer unha idea moi, moi aproximada.

3/4/09

O previsible aumento das maniobras de despiste.


Vivimos tempos duros. E, seguramente aínda se endurecerán máis.
A parte da tan mentada crise do sistema económico actual, que dexenera en diferentes clases e tipoloxías: crise social, de confianza, de credibilidade, de valores; o que realmente me desacouga é a desorientación, o desconcerto e o ensimismamento que percibo na clase política.
Semella que non saben ben o que facer, temerosos de non ser quen de endereitar a situación actual para recuperar o camiño do crecemento económico.
Crecemento económico? Pero,...ata cando?
E, por suposto, incapaces de imaxinar unha alternativa ao actual modelo. Un cambio que tivese en conta a realidade dos límites que impón a natureza.
Nestas circunstancias, considero que van aumentar as "maniobras orquestrais na escuridade". É dicir as políticas do encubrimento, do solapamento e da camuflaxe dos problemas reais. Xogar ao despite e ao "toureo" fino.
Toca actualizar e poñer en funcionamento todos os distractores, todas as vías de escapismo e todos os mecanismos de alienación. O obxectivo é aguantar e... agardar a que amaine. Pero,... e se desta vez non o fai?

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...