29/2/08

Inútil




Actualmente os valos que se colocan nas principais cidades para pegar cartaces electorais son algo que, ao meu ver, ten unha eficacia cuestionable. Alguén os observa? Ollo, digo observar, non ver, fixarse, divisar algo, albiscar,...
Só contribúen a entoldar, aínda máis, a xa de seu gris e fea (na maioría dos casos) perspectiva do mobiliario urbano.

26/2/08

Verquénse argumentos nos debates electorais?



Na maioría dos casos, evidentemente non. Moita palabrería, labia, promesa electoral, ocurrencia, obviedade, lugares comúns,... pero argumentos? Ulos?
Son malos tempos para a ideoloxía.
Pero digo eu, ter hai que tela, non si?
Pois iso.

19/2/08

"Isto para ti non vale"

De seguro que esta expresión témola escoitado máis dunha vez cando estamos a mercar froita, carne ou peixe, por exemplo, nun establecemento do ramo. Refírese á mensaxe que lle transmite a tendeira, ou tendeiro, á clienta, ou cliente, á hora de ter mostrado iste o seu interese por un determinado producto. Debemos de supoñer que o cliente/a en cuestión é tal que é merecente de toda a atención, coidado e estima por parte do vendedor (por querer seguir tendoo fidelizado, por que lle cae simpático/a, porque o coñece, é amigo/a...) e avísao, en confianza, de que tal producto, ou lote de productos, non valen para el, por non acadar a suficiente calidade.
Pero entón, quen será o "agraciado/a" que levará tales productos que non son merecentes de entrar na casa de tan distinguidos/as e esixentes clientes/as? Pois o primeiro "pardillo" que pase pola tenda con pouca atención, menos afección pola tarefa que está a realizar e algo de présa. Porque, ...mercar nestas condicións, é un delito de tal gravidade como para que esta persoa teña que apandar con mercadorías que non están, segundo o criterio de quen ten obriga de sabelo, ao cen por cen? E que acaso os seus euros non valen o mesmo cos do cliente/a habitual?
Difícil tarefa e grande problema para quen só desexa mercar sen complicacións, de forma rápida e rotinaria porque prefire empregar o seu tempo noutros mesteres, confiando en que non o enganen. En todo caso, de facelo,... saberemos ben as medidas a tomar.

15/2/08

Reflexión

Hai uns días, unha coñecida política do PP do País Vasco, Sra. San Gil, co motivo da impartición dunha conferencia, foi obxecto, por parte dun grupo de estudantes, de insultos e ameazas graves, ademáis dun intento de agresión, na Facultade de Económicas e CC Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Este tipo de conductas son sempre rechazables e condenables por canto son contrarias ás máis elementais normas democráticas. Toda persoa debe ter dereito a expoñer a súas ideas sen máis límites que os contemplados na lexislación vixente.
Ao fío deste asunto quero facer a seguinte reflexión. Parto da premisa de distinguir claramente entre a dignidade da persoa e as ideas que esta posúa manifestadas libremente. Así, se a persoa é sempre e en todo caso obxecto de respecto, a súas ideas poden, e deben, ser peneiradas en función das que posúa, á súa vez, o seu interlocutor. É dicir, as ideas poden ser compartidas e respectadas, poden ser só respectadas e non compartidas e poden tamén ser simplesmente aceptadas (nin compartidas nin respectadas). Polo tanto fronte á coñecida "cantinela" de non comparto as túas ideas pero respéctoas, tamén é posible obxectar o seguinte: non comparto as túas ideas, nin as respecto (como facelo se son defensoras do racismo ou do xenocidio?, poñamos por caso) agora ben, como demócrata, teño que aceptalas. Eu son dos que opino de que en democracia todas as ideas son admisibles, mesmo aquelas que defenden a súa destrucción.
Aceptemos pois as ideas dos demáis (e o seu dereito a manifestalas pública e pacíficamente) pero teñamos tamén, paralelamente, liberdade para xulgalas en función da nosa cosmovisión do mundo.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...