9/10/08

Co cú ao aire





Ata hoxe non caeu nas miñas mans o suplemento do domingo dedicado aos negocios e finanzas de "EL PAÍS" (xa teño comentado que a miúdo non "podo" coa imprensa diaria e teño que pospoñela para mellor ocasión; sei que non estou só nesta forma de proceder e que a outra moita xente lle acontece algo similar). Con certa premura paso as páxinas na busca de algo de interese e... cando chego á vinteunha detéñome e procedo a ler o artigo de Josep Piqué, coñecido ex político catalán, economista de profesión e liberal de convición e vocación.
É clarificador e, ao mesmo tempo, valente.
En primeiro lugar xa ten mérito por atreverse a escribilo nos termos en que o fai (moitos outros liberais e ultraliberais están agachados nas súas palleiras de inverno, e non miro para ninguén Sr. Rodríguez Braun).
En segundo lugar porque é moi instrutivo, moi exemplificante. Recoñece que nunca pensara que os seus castos ollos liberais puidesen ver o que están ollando e moito menos que tivese a necesidade de escribir cousas como "Pero las situaciones excepcionales-y ahora estamos en una de ellas- obligan al pragmatismo y, excepcionalmente, a la heterodoxía más o menos desconcertante y, desde luego, contradictoria con los principios válidos en condiciones de normalidad" ou ben " Dicho esto y haciendo acto de contrición en mi fe liberal,... ou ao fin "Profundamente acomplejado en mi perdida ortodoxia,..."
En terceiro lugar penso que é un artigo honesto. Trata de aportar algún tipo de medida que contribúa a atopar unha solución a un problema que non entende que se tivese producido desde a súa ortodoxia liberal (cómo o mercado non foi quen de autorregularse¡; cómo de non marxinar aos que non foron eficientes¡) E para iso non dubida en recurrir a medidas de control e nacionalización de bancos, compañías aseguradoras e sociedades de préstamo hipotecario para socializar as perdas (os famosos activos tóxicos) e salvar da queima ao sistema financeiro, sen o cal calquera economía, incluída, e sobre todo, a capitalista, vense a pique, que non a piqué.

27/9/08

Pírulas



1. Estou farto de escoitar boletíns de noticias na radio, de información xeral, nas que salienten que a tal ou cal xogador de fútebol (ou fúbol, como prefiran) lle doe un pé e vai estar de baixa dúas ou tres semanas. Pois moi ben. E que¡ Per favore, cóntenme algo de interese e se non hai nada, cálense e... a outra cousa.
2. Ás veces nótase máis a ausencia de persoas que foron queridas e xa non están. Un pode pasar tempadas sen que a lembrarza chame á porta e, pola contra, pode atoparse, de súpeto e sen aviso previo, co sentimento que agroma e que evidencia a grandura da pena, do pesar, do desacougo.
3. Cada día máis o contacto coas novas xeracións me convirte nun ser con pasado, con historia. Moi a miúdo aparece e evidenciase máis o acontecido, o vivido, que o proxecto, a canseira. Por que me sinto realmente maior cando se está a falar da evolución dos ordenadores, por exemplo? O que pasa é que un pode encherse a boca cando relata o proceso de investigación, procura e adquisición do primeiro ordenador persoal aló polo ano 1984. Nun primeiro momento surxe a satisfacción de poder contar algo en primeira persoa, pero... cando observas a cara do alumnado adolescente comprobas directamente que xa queda menos, bastante menos. Miguel Hernández soubo dicilo con beleza e precisión matemática: "Cada nuevo día es más raíz, menos criatura, que escucha bajo sus pies la voz de la sepultura". Máis nada.

16/9/08

Quen é o intransixente?



Resulta realmente curioso. Algúns teñen unha teima e aproveitan calquera ocasión para botala a correr.
Recollendo a referencia que o señor Steiner fai a respecto do idioma galego, e por extensión da cultura galega, na entrevista que o periodista e escritor Juan Cruz lle fixo no EPS (hai post específico)o director de Relacións Institucionais do Grupo Prisa fala nun artigo de non sei que furor intransixente dos clérigos.
Refírese a unha nota do PEN Clube de Galicia, que interpreta como o ditado dun anatema e a renovación do máis español dos impulsos:o furor intransixente dos clérigos.
Ben, máis parece que o señor Basilio Baltasar aproveita a acasión para ceibar un ataque máis ou menos disimulado aos escritores galegos agrupados arredor do PEN Clube. Non parece que a nota dese para afirmacións deste tipo: "Cuando nos veamos obligados a explicar a un colega europeo las actitudes aireadas con tanto orgullo como prepotencia por el PEN Club gallego le diremos: el dominio político de la mentalidad absolutista -vigorosamente reciclada por el catolicismo militante y por la izquierda autoritaria- genera estas espontáneas reacciones despóticas."; ou ben "Los herederos gallegos de los logócratas también han reconocido en su lengua patria el rango sacramental que hace sacrílega cualquier crítica que un humano de carne y hueso se atreva a insinuar."; para rematar con "De este modo, amedrentando a los demás con nuestras irascibles convicciones, los españoles conservamos intacto el legado religioso de nuestros fanáticos ancestros.". Son outros os que defenden o rango sacerdotal de asegún que idiomas e se atreven, contra toda evidencia empírica, a afirmar o seu suposto perigo de desaparición en certos territorios. Neste caso só houbo unha respota en defensa da lingua e literatura galegas que viñan de padecer un ataque desmedido, tanto máis lastimoso por estar baseado na ignorancia, por moi docta que sexa, que o é.
O dito unha desmedida.

9/9/08

Outro eufemismo máis



Efectivamente a lista segue crecendo. Vexamos os que xa tíñamos recollidos:
• Contabilidade creativa TERXIVERSACIÓNS

• Guerra humanitaria EUFEMISMOS

• Limpeza étnica DOBRES SENTIDOS

• Ataque preventivo MENTIRAS

• Guerra pola liberdade EXPRESIÓNS FALSARIAS

• Danos colaterais VIOLACIÓNS GRAMATICAIS

• Centros de estancia temporal para inmigrantes METÁFORAS MANIPULADORAS

• Burbulla inmobiliaria ESCESOS VERBAIS

Pois resulta que agora a unha simple e pura nacionalización bancaria chámanlle rescate.Véxase senón como titula hoxe El País para referirse ao ben que recibiron as bolsas certa actuación da administración Bush.
É claro, nacionalizar non poden facelo os puristas neoliberais que so pensan en adelgazar ao Estado. Eles, se acaso, vense obrigados a facer un rescate. Ben, espero que cando Chávez ou Hugo Morales, por poñer por caso, teñan a necesidade, ou a ocurrencia, depende de cómo se mire, de intervir no sector financeiro do seu país, estes liberais a ultranza no económico teñan a deferencia de chamarlle ás cousas polo seu nome, é dicir, que están a practicar un rescate ou ben a facer un salvamento, non precisamente marítimo.
Por certo, que non me esqueza: as columnas de arriba estan desordenadas a posta.

A praia

A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...