6/6/13

Pechando a porta


Sempre considerei atinada a metáfora de pechar a porta para referirmonos a situacións de tránsito e cambio substancial. Refírome ás transicións vitais que afectan ás persoas. De todos é coñecido que nos agarda unha moi especial, esencial e única: o tránsito definitivo e irreparable, o paso irreversible deica a obscuridade máis absoluta ou a claridade máis cegadora.
Algunhas persoas, en determinada altura da súa vida, teñen a necesidade, evidencian o desexo, perciben a conveniencia de comunicar aos seus seres máis queridos que a inevitabilidade dese momento está próxima e que a certidume do cambio esencial de estatus entra na conciencia para quedarse xa para sempre. A partir dese momento terán que aprender a vivir, o que quede, con esta seguridade, con esta certeza.
A sensación que embarga a quen é receptor desta mensaxe é moi especial, de tal forma que é preciso experimentala para percibila en toda a súa desesperanza, crudeza e tristura. Trátase de asumir a caducidade da vida humana, de confrontarse coas ensinanzas do filósofo acerca de que todo ten un principio e, inevitablemente, un fin. E este está aí, ao pechar a porta.
Todos nós, en calquera momento da vida no que nos encontremos, estamos, cada certo tempo, pechando portas. Unhas máis importantes, outras menos, algunha definitiva. É bo vivir coa sensación de que temos que pechar a porta, despois de ter librado mil e unha batallas, algunhas veces sen percartarnos da súa inutilidade  ou ben da súa prescindibilidade, mais mentres a algunhas persoas resúltalle relativamente doado pechar a porta, de tal forma que o fan rápido e sixilosamente, a outras, pola contra, cústalles moito esforzo, moito sacrificio e moitas dóres. 
É verdadeiramente triste e penoso que existan situacións, circuntancias, ou mesmo persoas, que estean a impedir que alguén poida pechar a definitiva porta coa necesaria tranquilidade, dignidade, sosego e paz.

No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...