27/9/25

Experimento botánico (ou case)

A nosa pequena historia comeza no ano 1979 cando o meu pai prantou na casa que estaba construíndo unha palmeira. Cos coidados recibidos e co paso dos anos foi medrando ata convertirse nun exemplar de gran porte e fermosa presencia.


Pero a cada vez máis evidente presenza do cambio climático, xunto con outros factores, trouxo por estas latitudes especies de outros lugares do planeta que se aclimataron rapidamente causando danos en animais e prantas.
Así na altura do ano 2019 ou 2020 a fachendosa palmeira viuse afectada seriamente por unha destas pragas, en concreto a do picudo vermello
Tal foi a afectación que despois duns meses de desconcerto e serio ataque por parte do bicho a palmeira, despois de resistir o que puido e na usencia de tratementos que non soubemos nin puidemos darlle, estaba xa ferida de morte. Houbo que tomar a decisión de cortala para evitar todavía máis o seu deterioro e para darlle un final noble.
Chamamos a unha empresa especializada neste tipo de traballos e tomamos a decisión de que quedase un toro a un metro do chan aproximadamente, para que servise de base para colocar unha posible maceta con pranta e para futuras intervencións que puidesen surxir. 
A casualidade fixo que tivesemos noutro lugar unha pequena palmeira en maceta idónea para colacar por riba do toro que deixaramos. Deseguida se nos ocorreu a idea de que ben a poderíamos considerar como as neta, ou quizáis a bisneta, da palmeira que no seu día prantara o meu pai.


E aquí vén o experimento (nunca mellor dito).
A idea foi a de practivar un burato na tapa do toro para poder albergar nel unha pranta tal como se adoita facer neste tipo de situacións. Pero non unha calquera senón precisamete a palmeira neta, ou bisneta  E non incrustada na maceta senón directamente no burato.
Dito e mans á obra. Había que realizar un burato no toro para poder albergar á "criatura".
Empregáronse ferramentas de todo tipo e despois dun labor paciente e dun traballo laborioso, pousado e cremos que meticuloso, cáseque de orfebre, por fin mostrouse o oco no toro da vella palmeira.





Tocaba agora sacar á palmeiriña da súa maceta para albergala no oco practicado.



Finalmente quedou así.



Veremos no que dá. Haberá actualizacións.








15/9/25

Un verán de camiñadas

O verán de 2025 foi de profundización e especialización de algo xa ensaiado no de 2024: o goce dunha serie de camiñadas máis ou menos diarias polas terras de Muros e Carnota como sana alternativa ás duras, e por veces perigosas, sesións de praia, sol e baño de outros anos.
Nesta nova andaina veraniega tiven a sorte de estar acompañado polos meus cuñados Fabio e Raúl, sobretodo por Fabio que se constituíu no fiel e certeiro acompañante na maioria das saídas. Se ben é certo que a forma física destes estaba, e está, moi por riba da miña, sobre todo a de Raul, que evidencia unha facilidade e preparación propias dun auténtico corredor de monte, elo non foi óbice para que puidésemos deselvolver as xornadas con eficacia e gozo, superando, ás veces, pequenos atrancos propios da faena. Desta forma, nomes como o Monte Pindo, Monte Louro, Monte Naraio, A Torre dos Mouros, O Bico do Santo o Faro de Lariño ou as praias de Ximprón, Ardeleiro, Portocubelo, Cons, Mar de Lira, Carnota, San Mamede, Quilmas ... foron habituais nas nosas saídas pola comarca.
A vantaxe desde tipo de actividade con referencia á súa alternativa de praia pura e dura resulta evidente para persoas ás que os areais só lle pracen de forma moderada e puntual para pasear e tomar baños, mais na que un dos elementos máis significativos que actúan nos mesmos, o sol, constituíuse nos últimos tempos, para min, nun auténtico inimigo a combater e evitar, na medida do posible.
En resumo, este tipo de camiñadas son un complemento adecuado, alternativo, instrutivo e facilitador a outras actividades máis festivas e lúdicas das que, se acaso, falarei noutro momento. Saude!

3/9/24

A praia




A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de outros moitos entusiastas, mentras él degusta, gorentoso e momentaneamente feliz, un aperitivo desde a terraza da cafetería do hotel, oteando concienzudamente o panorama, satisfeito coa situación e reafirmándose na súa estratexia.


A praia tamén pode ser ese concepto que suscita opinións encontradas, posturas diverxentes, disputas apasionadas: defensores convencidos, honestos e funcionais, os máis , á  par que detractores con causa e cargos acusatorios, partidarios entusiastas e contrarios obcecados. Críticos coa sua desnaturalización, degradación e masificación. Anunciantes da súa decadencia, depauperación e mesmo desaparición por mor da emerxencia climática xunto con usuarios decididos, firmes e con ilusión renovada.


A praia tamén pode ser ese espazo, cheo de area, no que estando pronto para bañarte es interpelado por unha señora sobre a túa orixe, tomándote pouco menos que por oriundo de latitudes boreais e comunicándoche, sen solicitude previa, a súa opinión sobre as súas bondades e beneficios. 
A educación e a cortesia, inclínante a refrendar sen estusiamo a súa opinión. Chamábase Ángeles e venareaba en Serres desde hai máis de 35 anos. Despediuse cortesmente non sen antes calificar como bendita a esta maravillosa terra. Non serei eu quen a contradiga.

14/8/24

Para concretarme


A VIDA

A vida escápaseme
entre tardes de lectura
e noites de insonnio.

A vida comprímese 
entre lembranzas posibilistas
e accións imposibles.
-----
BUSCA

Fun a outra cidade á busca do esquecido.
Atopei lembranzas cativas.
As grandes e intensas estaban dentro.

É sabido que as certezas non existen,
menos coñecido é que os sentimentos ennoblecen e orientan,
cubrindo con tolerancia os pensamentos 
e marcando o camiño da superación.
-----
RAPARIGA

Atende solícita, con donaire, con fachenda, plena de recursos.

Loce espléndidos roupaxes e sutiles encantos que perduran.

Desprázase harmoniosamente en fase e sorri solapando as formas e os modos.

Despídese cun saúdo de esencia que se espalla embriagando o ambiente.

A bela compañía ocasional, estacional, furtiva.

A musa encantadora que todo o fai, que cura e sana.

A beleza proporcionada que irradia fantasia e cor.

A ilusión de volver.

Ah!
------
BALANCÉATE

Baila, danza, xira, repite...balancéate.
Come, masca, purga, bebe...balancéate.
Mira, oe, observa, céntrate... balancéate.
Vai, vén, anda, pende... balancéate.

Balancéate nos aconteceres diarios.
Balancéate nos afectos próximos.
Balancéate nas vivencias auténticas.
Balancéate nos cariños que importan.

------
TRANSO

Cando lle atenaza a serpe
a seguridade ablanda.
Cando os aconteceres a espantan
a fortaleza retorna rexa.

Como é posible que o xesto nimio
impacte e tarde en devecer?
Como é factible a caída súpeta?
Como tan costosa a lenta recuperación?

Tan fuxidía a estabilidade: 
que necesidade se sente dela!
Tan denostada a rotina:
que compañeira sanadora!
Tan ansiada a normalidade:
que pronto se torna rizada e dura.

-----
REITERACIÓN

Que deprimente é saber que a indignación quedará calma, inerte, inoperante, muda.

Que frustrante experimentar a mesma reiterada sensación. Trunfante e, con tempo medido, inocua.

E sobre todo: que idiotez vivir algo que sabes que vai morrer, que vai esvaecerse sen remedio.

Que asco de situación. 

Que cansina vivencia! 

Que que de case todo.(1)

(1) Ata aqui a concreción. Para non exporse a este perigo, ler (bós) poemas en “Para non concretarme” de Tamara Andrés. Editorial: Positivas, 2024.


13/2/24

Decisión


Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Podemos Galicia, que se presenta lexitimamente ás elecciones ao Parlamento da Galiza por todas as circunscricións, se empeñe en correr o risco de acadar uns resultados malos ou incluso moi malos, por baixo mesmo da opción de ultradereita, e que consecuentemente quede fóra do Parlamento, so para tratar de manter o pulso con Sumar Galicia, á cal tampouco se lle auguran uns resultados aceptables, se ben non tan malos comos os desta, pero en todo caso insuficientes para ter unhas expectativas claras de entrar no Parlamento galego.
Semella que o obxectivo principal sexa só o feito de presentarse para tratar de perxudicar á outra opción e non o de contribuír, cos sus votos, a cambiar drásticamente a xestión política, social, económica e cultural da Xunta de Galicia.
O votante de Podemos Galicia  sabe, ou debera saber, que co seu voto só testemuña a súa opción con respecto á competecia con Sumar Galicia, o cal é moi lexítimo, pero que non vai ter repercusión algunha no obxectivo de contribuír a cambiar a cor política do goberno galego.
Mais se por acaso ese fose o seu obxectivo podería presionar para que a súa organización política renunciase ás súas candidaturas para así concentrar o voto en outras opcións que sí poden acadar este obxectivo e con elo, ademais de mostrar xenerosidade e altura de miras, protexeríase de ter que mostrar o apoio real que ten entre o electorado galego neste momento, coas consecuencias negativas que pode ter para o que parece o seu obxectivo diana próximo que son as eleccións ao Parlamento europeo.
Razón tiña o seu antigo líder desa formación política cando inmediatamente antes do inicio da campaña electoral recomendou que se votase por la opción do BNG por máis que, e dado o empecinamento en presentarse, tivese que rematar dando o seu apoio á candidata de Podemos, se ben cun entusiasmo digamos que comedido.
Eu aínda non descarto que se recapacite e que se retiren as súas candidaturas por ser esta a opción menos mala de cara o xerar un clima de confianza de cara ás súas expectativas nas eleccións ao Parlamento europeo. Lembremos que nas do ano 2014, que supuxeron a presentación desta forza política, acadou un resultado moi meritorio con 5 actas. Agora, nas de 2024, poden acadar un resultados que permitan unha ou dúas actas pero todo esto pasa, entre outros moitos factores, por non ter que evidenciar a súa debilidade nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro na Galiza.
 

Experimento botánico (ou case)

A nosa pequena historia comeza no ano 1979 cando o meu pai prantou na casa que estaba construíndo unha palmeira. Cos coidados recibidos e co...