29/12/10

Un signo dos tempos

O peche da cadea de televisión CNN+ evidencia ben as claras o empobrecemento da oferta de medios de comunicación social que estamos a soportar nestes tempos confusos e revoltos. A operación de absorción da cadea Cuatro por Tele5 xa antecipaba os malos ventos que ían correr, e corren, para a liberdade de expresión, para a diversidade informativa e para a calidade do oficio, moi digno, de informar á sociedade con rigor, profesionalidade e liberdade (esta última cualidade sempre dentro do viable e do posible, naturalmente).
A outrora todopoderosa Prisa viuse na obriga de vender parte dos seus activos e de pedir axuda a fondos de inversión agobiada polas deudas e os resultados de tales medidas están ás vistas: profesionais do periodismo de recoñecido prestixio e técnicos cualificados no paro e a oferta informativa diminuida de forma alarmante.
Paradoxos do destino, agora só queda aturar, hai xente para todo, ao "experimento sociolóxico", como alguén temerariamente lle chamou ao que non é máis que lixo, degradación e espectáculo noxento. E digo aturar porque na busca do canle 24 horas da rtve que aínda está ao noso dispor e ao cal teremos que recurrir para manternos minimamente informados, podemos atoparnos, por descuido, co espectáculo e co panorama da actuación e da visión de seres humanos expondo as súas cuitas e miserias sen o auxilio da máis mínima racionalidade, sensatez e bon gusto.

28/12/10

Campañas

Cando xa faltan menos de seis meses para que se inicie a das eleccións municipais non sei eu se algúns terán aprendido a lección. Refírome ás ensinanzas que deberían tirar e asumir da forma de facer campaña que certo partido político realizou nas últimas eleccións ao parlamento galego e as que se derivan das que fixeron, sobre todo un deles, outros dous partidos que daquela partillaban o poder político na Xunta.
A algúns candidatos "in pectore" ou xa elixidos ou mesmo nomeados por "aclamación", que de todo hai, xa se lles comezan a notar as gañas que teñen de principiar a demagoxia, a falsidade, o insulto ou mesmo o ataque persoal e irracional. É de esperar que, daquela, os contrincantes realicen unha campaña racional, sosegada, explicativa do seu programa e proxectos e a desenvolvan de forma positiva, mais... que non se esquezan do feito de que deben responder, en tempo e forma, aos ataques, inxurias e maledicencias de que sexan obxecto, que deben aclarar á cidadanía calquera cuestión, por pequena e insignificante que pareza. Non vaia a pasar como aconteceu hai dous anos que por mor de estar na torre de marfil atendendo a non sei que altas instancias e dignidades, situándose por riba do ben e do mal, se deixe sen resposta o que merecese tela e, como consecuencia, alguén que non debera, usando tramposos e indignos métodos, se cole pola porta grande dos concellos.
Por que será que cando me refiro a estes temas sempre se me ben a mente aquel dito que di que na terra dos lobos hai que oubear coma eles?

12/12/10

Non se dá feito


Efectivamente. Ante tal cantidade de novas rupturistas e rechamantes.
Que se dopping no deporte espectáculo (ese grande deus ex machina destes tempos incertos), que se profesionais rebeldes e lacazáns (segundo a oficialidade e autoridade de quenda), que se mercados (é dicir, bancos e fondos de inversión; fóra eufemismos) díscolos e desconsiderados, que si... pero qué diantres está a pasar...
Alguén sabe dalgún faro ben situado, dalgunha guía recoñecida e afeita a este tipo de desvarios, de algún chamán en activo?

25/11/10

Proposta "Rubalcaba"

O vicepresidente do Goberno e ministro do Interior Sr. Pérez Rubalcaba remata de lanzar para o debate unha nova proposta sobre a posibilidade de establecer un "Mir educativo". Quérese dicir, establecer un sistema, sellemante ao que xa existe para seleccionar aos médicos, para escoller ao profesorado que opte para exercer de traballador no ensino público.
A proposta semella razoable, se partimos da base de que no ámbito público deben estar sempre os mellores e máis formados profesionais e de que o actual sistema de selección é manifestamente mellorable. Mais, por que lanza esta idea agora? Por que non se considerou cando se foron redactando as sucesivas leis orgánicas de educación? ( LOGSE, LOCE, LOE). Non será que os actuais e manoseados sitemas de distracción, manipulación, adocenamento e alienación xa non son dabondo para manter o actual sistema? E que xa se esgotaron e non dan máis de si os derbis, o telelixo, o deporte espectáculo, as revistas de alto voltaxe, os record abraiantes, os premios esperables ou os  innúmeros fenómenos de festas de gardar e rachar, que temos que recurrir a outro tipo de pírulas?
Ben, consideremos e estudemos polo miúdo a proposta do Sr. Rubalcaba mais non deixemos de atender tamén ás outras moitas preocupacións que un cidadán crítico e responsable debera ter nestes momentos. Citemos, como botón de mostra, só unha: que farán as entidades financeiras cos fondos que depositamos nelas? Uhm¡ Qui lo sa! Ou en realidade si o sabemos?

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...