9/9/08

Outro eufemismo máis



Efectivamente a lista segue crecendo. Vexamos os que xa tíñamos recollidos:
• Contabilidade creativa TERXIVERSACIÓNS

• Guerra humanitaria EUFEMISMOS

• Limpeza étnica DOBRES SENTIDOS

• Ataque preventivo MENTIRAS

• Guerra pola liberdade EXPRESIÓNS FALSARIAS

• Danos colaterais VIOLACIÓNS GRAMATICAIS

• Centros de estancia temporal para inmigrantes METÁFORAS MANIPULADORAS

• Burbulla inmobiliaria ESCESOS VERBAIS

Pois resulta que agora a unha simple e pura nacionalización bancaria chámanlle rescate.Véxase senón como titula hoxe El País para referirse ao ben que recibiron as bolsas certa actuación da administración Bush.
É claro, nacionalizar non poden facelo os puristas neoliberais que so pensan en adelgazar ao Estado. Eles, se acaso, vense obrigados a facer un rescate. Ben, espero que cando Chávez ou Hugo Morales, por poñer por caso, teñan a necesidade, ou a ocurrencia, depende de cómo se mire, de intervir no sector financeiro do seu país, estes liberais a ultranza no económico teñan a deferencia de chamarlle ás cousas polo seu nome, é dicir, que están a practicar un rescate ou ben a facer un salvamento, non precisamente marítimo.
Por certo, que non me esqueza: as columnas de arriba estan desordenadas a posta.

2/9/08

A voltas coa lectura



Interesante artigo de Luisgé Martín en El País.
Ao fío del, podemos preguntarnos: Ten algunha utilidade a lectura? Que vantaxes posúe a respecto da cultura audiovisual?
Parece que a lectura proporciona información, ás veces pracer e de cando en vez ata coñecemento, pero...é capaz de espertar a imaxinación igual que o facía hai vinte ou trinta anos? E... é mellor persoa aquela que ten o hábito da lectura ca que ten o da conversa, por exemplo? Dúbidas razoables.
Para a nosa xeración (a da colleita dos anos cincoenta do século pasado) os libros son obxectos maravillosos, que se atesouran e, ás veces, se len. Sempre causa pracer o volver a follealos despois dos anos, a releer algo que nos resultou especialmente grato, ou chamativo, ou sorprendente. Pola contra para os mozos e mozas que naceron a finais de século (e de aí para adiente), xa non está tan clara esta vocación pola lectura e os libros. Para eles a imaxe, o son e o mundo virtual son realidades moito máis próximas e atractivas. Incluso para os que comezamos a planear pola quinta década hai algo desconcertante, desacougante: por que teremos esa impresión de que xa nos molesta ver tantos libros nos andeis?; e por que quedamos como aliviados cando somos quen de desfacernos ( porque os logramos "colocar" nalgunha biblioteca, porque os podemos depositar noutra dependencia lonxe, porque llo podemos dar a algún amigo ...)dalgúns deles? Algo comeza a fallar...

29/8/08

Alta velocidade... para que?



Quizais para chegar a Madrid antes. Pero, a quen carallo lle importa chegar a Madrid en menos de tres horas? Si, xa sei. A algunha xente. E para que quere chegar antes? Pois para tomar un café no bar da estación. Total como chegou tan rápido¡
Eu preferiría, antes de nada, ter uns bós trens de cercanías, mellorar e electrificar as liñas existentes no país, aumentar a súa frecuencia horaria e a calidade dos vagóns... Poder ir a Lugo en tren, ao a Pontecaldelas... que seu eu. Tamén prefiriría que mellorasen as estradas (ollo que non fixesen novas vías, nen as ensanchasen, nen desdoblasen as existentes, agás casos especiais e necesarios realmente)limpando as cunetas, alfaltándoas e pintándoas como se debe, con boas sinalizacións, áreas de recreo e decanso, así co ancho que teñen, que ben se colle (que teima por estragar terreo fértil), vamos como din que existen en Escocia ou Irlanda¡
Pero non, aqui o papanatismo prioriza o chegar antes á capital; coño¡ se aínda fora a Bilbao, a Santander ou a Cáceres?
Non nego que algún día habería que ter tamén a alta velocidade, pero sobre todo para as mercadorías, que son as que realmente teñen que chegar antes aos mercados. As persoas deberían facer un alto no camiño e pensar: pero onde vou a toda présa.
Non digo eu que houbese que tardar cinco ou seis horas para revisitar o Prado, pero diso a empeñarse en chegar en menos de tres? En todo caso ista non é a miña loita. Por min, cos cartos dos meus impostos, poderían mellorar antes as outras infraestruturas. Ademáis, para os que queiran velocidade, aí está o avión.
En fin, xa sei que todo isto é opinable, e presinto que a miña postura é francamente minoritaria. Non si?

Un exemplo paradigmático de ignoracia docta


Efectivamente, por moi docto que un poida ser sempre queda moito sitio para a ignorancia. Isto é o que lle acontece a este famoso e recoñecido profesor, George Steiner que no seu intento de fracasar mellor abofé que o consigue ao mostrar un desprezo manifesto pola cultura e o idioma galego. Véxase senón a entrevista, moi atinada por certo, que lle realiza Juan Cruz no último EPS. Loxicamente tivo unha rápida e acertada contestación a cargo de Carlos Callón, Luís González Tosar e Cesáreo Sánchez Iglesias.
Pero é que aínda ninguén tivo a boa idea de convidar a este eminente filósofo, crítico literario e escritor a Compostela¡ A que espera o amigo Jorge Mira para incluílo no programa de divulgación da Ciencias e das Artes, ConCiencia, que coordina?
Daquela podería ter ocasión de ilustrarse un pouco e de trousar algún que outro prexuízo. E para recuperar un bó sabor de boca, ata podería degustar unha mariscada¡ Jorge, aí che deixo a idea.

1/8/08

Pequenos praceres confesables_1


Inicio hoxe o que espero que sexa unha serie de post dedicados a esas pequenas cousas e momentos que fan que gocemos da vida.
Son granciños de felicidade efémeros que só os anos de experiencia facultan para poder aprecialos, valoralos e vivilos con intensidade. Non é posible retelos pois escápanse e flúen como o faría unha troita das mans dun neno inexperto que por casualidade a intentase apreixar.

1. Cea de verán no exterior escoitando a chúvia

Poñámonos en situación. Mediados do mes de agosto nos arrabaldos dunha cidade do interior da Galiza. Temperatura agradable e o líquido elemento caendo durante varias horas dunha forma mansa pero persistente. Con certa enerxía e presenza.
No exterior da entrada principal da vivenda, circundada por diferentes prantas e coroada por unha buganvílea colmada de flores, atópase unha silla de praia que a pesar disto é confortable e cómoda.
A escea está feblemente iluminada por unha farola da rúa que fai innecesaria calquer outro foco de luz. Sento na silla e ceo de vagar unhas humildes viandas (tortilla de pataca, atún en aceite de oliva, queixo, marmelo e pan ben cocido). De cando en vez acerco a copa de godello (mágoa que non sexa "Guitián"). Remato, paseniñamente, cun café só regado con sangue branca.
As formas das pingas ao trasluz da farola seguen, daquela, a ser impredecibles.
A fartura do momento, o encanto e maxia da situación vén dado, maioritariamente, pola chúvia persistente e abundante.
Xa mo dicía un vello veciño meu da aldea, o amigo Justo hoxe por desgracia xa desaparecido, cando me atopaba de volta: a chúvia en Santiago é arte.
E a mín que me parece arte figurativo en calquera lugar¡

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...