16/10/11

Precisión

Por suposto que o importante é que o movemento se consolide e arraigue cada vez en máis lugares. O movemento identifícase por 15M (M de maio) por algo. Entón, do mesmo xeito que nos EEUU parece que algúns propagan a idea de que o movemento que está a desenvolverse aló dende hai un mes, basicamente en New York, se ten espallado a outras partes do mundo sen considerar que mais ben tivo o seu inicio nun dos efectos do 15M (visión etnocentrista, non por esperada menos chamativa), tamén cómpre presisar que antes do 15M houbo un 12M (M de marzo, ou mellor "março") no que, ao meu ver, se ten principiado unha forma de protesta e de resposta ante a grave situación económica, financeira e social que estamos a soportar en varios paises. Cuestión distinta é que o 15M, despois, lle dese un pulo que fixese que se dotase dun estilo e peculiaridades propias a toda esta marea de indignación e cabreo. Adiante co cambio de paradigma.

4/10/11

Aqui, como o juíz portugués, cada un "faz o que lhe apetece".

Mais unha vez, pode lerse na seguinte resolución publicada hoxe no BOE o nome deturpado da provincia de A Coruña.


Xa a LEY 2/1998, 3 de marzo, sobre el cambio de denominación de las provincias de La Coruña y Orense (publicada no BOE nº 54 do 4 de marzo de 1998) na súa exposición de motivos  deixaba ben claro cales eran as razóns para cambiar os nomes das provincias ourensán e coruñesa e facer legal o que xa viña sendo aceptado como habitual e de uso cotián dende séculos atrás.
Pero entón, até cando teremos que soportar esta situación de falta de respecto e de inobservancia da legalidade vixente? Non semella lóxico, racional e evidente que quen ten o obriga de respectar a legalidade o faga? En fin.
Cando se respectará a toponimia oficial? O ano que vén, se Deus quere!

 




2/10/11

Preparando a invasión


Comezan a producirse os movementos de avance, colocación e espreita de cara ao gran desembarco nos medios do ente público de RTVE. Cada vez está máis próxima a data e non hai tempo que perder.
O periodista Félix Madero acaba de ser relevado á fronte da primeira parte do programa Protagonistas da cadea de radio Punto Radio. A operación seica se enmarca dentro dunha reestruturación profunda para dar paso a unha nova cadea de noticias, mais eu teño a sensación de que ten efectos secundarios relacionados co reposicionamento que se producirá nos medios de comunicación nos vindeiros meses. Ista é unha das primeiras operacións dunha serie delas que deixarán o panorama audiovisual e radiofónico moi diferente do que temos na actualidade. 
Moito me temo que tamén neste campo as rebaixas e descontos estean á orde do día. A pluralidade actual, á vista da experiencia acumulada nas ultimas décadas, será dificil que se manteña. Seica din por aí que os valores pasaron á clandestinidade.
Agardemos e vexamos. Vai ser divertido (tamén triste e frustrante, desde logo).



3/9/11

Esperando...

... a que as uvas madurezan e as avésporas poidan ter a súa enchenta, antes de que o fío da navalla faga o seu traballo.
A colleita preséntase limpa e abondosa e, porén, houbo que darlle poucas mans de sulfato, mágoa que non poida dicirse o mesmo noutros campos e terreos máis urxentes e decisivos pero menos gorentosos.
O "pintor" está aqui, hai que ir preparando as cubas, as cestas e os culeiros. Hai que ir seleccionando o érbedo para que, no seu momento, poidamos cortar un bó ramo que non desmereza o final da faena. Os cativos gozarán. Ah! Que non hai xa? Certo.
Mais, atención! A falta de raparigos que apañen os vagos! Que facer? Pois outros virán que os recollerán.
Desta forma xa non poderemos mencionar á vella. Aquela que apañando nos vagos foi quen de encher cestos para facer unha ola de viño.
Tampouco estruxaremos cos pés, farémolo coa eléctrica para comodidade duns poucos e perda de moitos. Enviñar aínda o faremos de forma manual, ocasión para poñer a proba os músculos cultivados durante meses en animadas e cheirentas sesións ximnásticas. E barraremos e esperaremos polo cheiro inconfundivel, durante días.
E chegará o San Martiño e probaremos o viño, nesta adega e naquela outra e na de máis aló. E sairá mellor ou pior, sempre alegre e con forza. Aquela que pouco a pouco, co paso dos meses, se irá apagando xusto cando na viña xa agrome, mais unha vez, o encanto da espurga... e volta a comezar.

23/8/11

Azul de metileno

1.- Como? Que pretenden reformar a Constitución de 1978, aquela que cuase era sagrada, pola vía de urxencia e pola porta de atrás? Só porque o din (obrigan?) certos dirixentes europeus? Neste momento hai tal movemento nas redes sociais que considero que tal fazaña vai ser francamente dificil. Parece incríble que aínda non se percaten que xa non se traga máis, que xa non debería facerse nada de costas á opinión da xente e, agora, iso averiguase dunha forma rápida, directa e a baixo custe. Non, non, a reforma para ver a posibilidade de introducir certo modelo de política económica e social  presisa de debate sosegado e decisión democrática directa. Xa non é posible facer comulgar con rodas de muíño de forma gratuita!
2.- Para moitos, e sobre todo para o observador, era dificil compartir o empeño que algúns da súa orientación mostraban deica a colaboración con “El Ente”. Despois do seu rol no último torneo, vistas e lidas as maniobras e manipulacións feitas, non acertaba a comprender tal teimosía.
O observador lembra que inmediatamente despois de producírense os efeitos de tal vil artimaña, todos se conxuraran para evitar toda contaminación e para condenar ao ostracismo a quen sen dúbida o merecia. “El Ente” debia recibir unha mensaxe clara, contundente, definitiva. Vaiche boa¡
Tan só unhas semanas despois, e coas máis variadas e rebuscadas desculpas, os letristas comezaron de novo a colaborar, paseniñamente, ata que o descaro e atrevemento xa foi total. A vida segue, dician os máis cínicos. Desta forma “El Ente” foi quen de ir recuperando a normalidade nesta área, na cal xogara moi duro e con fereza, con malas artes e con métodos non permitidos, por tramposos, pola entidade central.
“El Ente” sempre se caracterizara pola animadversión deica todo o que significase orgullo, valentía e paixón pola esencia, polas firmes raíces da dignidade colectiva.
Algúns afirman que no pasado remoto, e por un breve período de tempo, “El Ente” atemperou o seu ímpetu, guiado daquela por mentes singulares que o destino felizmente chamara e, tamén, polo concurso e axuda de tempos incertos, nos que aínda o monstro non remataba de amarrar ben á súa presa. Mais outros din que aquilo durou o tempo de vinte lúas e logo todo volveu ser como ao principio.
3.- Ollei que entraba ergueito e cabal. Aproximouse lentamente a nós e pediu dilixente un viño “rioja”. Pagou de contado.
Axudábase dunha muleta. Era coñecido que hai anos tivera un problema na perna. Ignoro máis detalles. Cando a apoiou na barra esta deslizouse lentamente e caeu ao chan. Áxilmente (ás veces chego a tempo) erguín a muleta e oferteillela de contado. El agradeceume o xesto cun cumprido sonoro e cortés.
Francamente tiña un aspecto desmellorado. Coñecino, hai xa anos, décadas, cando estaba e se mostraba exultante, con poderio e mando institucional. Daquela nada parecia presaxiar a decadencia actual. Gozando da bebedaxe estaba sereno, digno e tamén solitario.
O tempo fai o seu traballo.

A praia

A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...