Canto máis se avanza no coñecemento da materia, máis consciente eres do que ignoras. A ignorancia docta (consciente) substitúe á ignorancia indocta (inconsciente) e, en consecuencia, a ignorancia total mantense constante. Co coñecemento aumenta a ignorancia docta. "Se fosse possível explicar-te tudo, não precisarias de perceber nada"
2/1/10
Avance, pero menos.
A primeira vez que oín que a tve ía eliminar a publicidade (para dar cumprimento a un dos aspecto da nova lei de financiación) fiquei contento. Por fin libraríame de dimes e diretes, de sopas e gansos, de esencias e vapores. Agardaba con certo interese o día de onte para ver que sensación se experimentaba. Chegou o día e... desilusión¡ Non remataron coa publicidade¡ O que acontece é que agora só emiten a deles¡ Seica lle chaman autopromoción. Que máis me da se ao fin o intervalo entre programas non queda nu¡ Ai, ai, ai, a isto chámaselle dar gato por lebre¡. Eles deféndense dicindo que o compromiso (respectando a letra da lei) era rematar coa publicidade comercial. Xa. A culpa, como case sempre "é da vontade". Pois nada, con saúde todo irá.
20/12/09
A cinco engulíu á catro.
Parece ser que estamos en época de fusións, de concentracións, de unións interesadas. É natural, hai que sobrevivir.
Adeus á suposta elite, ao suposto bon gusto, á profesionalidade e ao rigor. Quen o ía dicir¡ Tan alta torre caída no medio da lama. Poderían hoxe publicar certas fotos?
O lixo esténdese, difúndese, espállase... Sempre nos querará a dúas e a opción de premer o botón.
16/12/09
Decisión
Alguén ten que tomala. Obviamente terá que pola en práctica quen teña a capacidade e a obriga legal de facelo; quen cobra por elo. Agora ben o importante non é quen toma a decisión (que insisto sabemos moi ben a quen lle corresponde), o realmente significativo é en base a qué criterios, en función de que parámetros: técnicos, de oportunidade, políticos, ... A saber¡
A sociedade actual volveuse excesivamente protectora, garantista. Está ben. Non se permite que nengún dos seus compoñentes padeza o mínimo daño ou lesión se antes se poden tomar medidas preventivas de precaución. Mais, tales medidas, ata onde deben chegar? Onde debemos poñer os límites dunha forma razoable?
Ben isto a conto da decisión que onte tiveron que tomar os responsables da Consellería de Educación sobre a oportunidade de suspender a actividade lectiva no día de hoxe. Imaxino que barallaron informes técnicos e criterios de oportunidade política para facelo. Considero, tamén, que eran conscientes que tomaran a decisión que tomaran ían ser criticados por elo. É un signo dos tempos. Eles mesmos, de estar noutra situación competencial, serían os primeiros en criticar, ora si ora tamén, calquera camiño tomado.
Este tipo de situacións préstanse sempre á controversia. E falando das deste tipo, inevitablemente veñen á memoria aquelas mensuradas declaracións de certa ministra, que dixo:" La borrasca cambio de una forma impredecible, no lo pueden predecir, pero si no predicen los que tienen que predecir cómo piensan ustedes que lo vamos a predecir aquellos que estamos esperando la predicción".
Que difícil é gobernar¡ E cantos sen sabores dá. Se non fose pola vocación de entrega aos demáis¡ Polo espíritu de sacrifício e o cumprimento do deber¡ Que sería de nós¡
De todas formas, ben está o que ben remata.
21/11/09
João Aguardela
Hai quen o compara con Zeca Afonso ou con António Variações. Polo que coñezo (que aíndo non é moito) considero que non é esaxerado. A creatividade e a imaxinación da súa obra acada cotas notables. A ligazón, a mestura que realizou da música tradicional portuguesa coa música moderna (pop, rock,..) ten un aquel de premonición, de que estamos a experimentar algo novo, inusual, creativo. O seu proxecto Megafone é moi meritorio. Nel combina a máis pura música tradicional, composicións perseguidas con teimosía nos seus lugares de orixe, coas modernas posibilidades da técnica musical electrónica. Mágoa que a súa morte prematura deixe inconcluso tan magno proxecto, así como tamén os estimables Linha da Frente e A Naifa. Seica mantiña que a música era para dar e portaba un lema inusual neste tempos de "esgaes" e demáis chuchadores: "Se não gostarem do álbum, passem o disco, não fiquem com ele".
Aí vai unha "molécula" da súa "imensa" obra.
5/11/09
Que a paren xa¡
Ameazan os dirixentes da Liga de Fútbol Profesional (LFP) con parar a liga. Parece que non lles gusta a posibilidade de que se lexisle para que determinado tipo de traballadores coticen á Facenda igual que os demáis, sen nengún tipo de privilexio (privilexio que por certo xa vén da época da presidencia do Sr. Aznar e que o Sr. Zapatero ata o momento non considerou conveniente modificar e só o fai agora, no contexto de certos pactos con partidos da esquerda nacionalista, para lograr sacar adiante os orzamentos con máis apoios dos estrictamente necesarios do punto de vista do mínimo aritmético). Din que daquela a "liga das estrelas" perigaría. Que pesadelo, vivir sen os galácticos¡ De que ían falar os "comunicadores"?
Pois ben. Deixando a parte o feito de que tal paralización sería un peche patronal, pensemos no beneficioso que podería resultar para a boa marcha do país. Imaxinan? Unha competición de fútbol, no futuro, sen futbolistas estrela? Atletas practicando un deporte. Só iso?. Ben, perfecto. Estaríamos no camiño de ponderar, valorar e situar as prioridades nun lugar distinto ao actual. Recuperaríamos certo sosego e sentidiño, certa consideración co raciocínio. Relativizaríamos a suposta importancia de certos persoeiros e, o que é máis importante, evitarímos ter que enterarnos, moi ao noso pesar sempre temos que facelo, de que tal ou cal "fenómeno" ten unha escornadura de nocello e está a piches de repetir a resonancia para achegarlle os resultados ao informe que se está a preparar para remitir a un segundo equipo médico, ista vez a clínica do afamado galeno mister Ding. Ou, tamén que o líbero do Atlético Superación ten problemas no ligamento anterior esquerdo e é dúbida para o domingo.
Así que, señores presidentes dos clubes, adiante xa coa paralización. Somos moitos os que aplaudiríamos tal circunstancia. Non se corten. Indígnense moito e paren. Paren e paralicen a competición, e... se pechan a porta, mellor.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
A praia
A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...
-
Era pola metade do serán. Nesa hora en que xa é tarde para tomar un café, un té ou unha copiña de licor pero aínda demasiado cedo para sabor...
-
Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...
-
Se mal non lembro e os meus apuntamentos non me enganan, a primeira conferencia do extinto Clube nacionalista "Alén Nós" tivo luga...