29/8/08

Un exemplo paradigmático de ignoracia docta


Efectivamente, por moi docto que un poida ser sempre queda moito sitio para a ignorancia. Isto é o que lle acontece a este famoso e recoñecido profesor, George Steiner que no seu intento de fracasar mellor abofé que o consigue ao mostrar un desprezo manifesto pola cultura e o idioma galego. Véxase senón a entrevista, moi atinada por certo, que lle realiza Juan Cruz no último EPS. Loxicamente tivo unha rápida e acertada contestación a cargo de Carlos Callón, Luís González Tosar e Cesáreo Sánchez Iglesias.
Pero é que aínda ninguén tivo a boa idea de convidar a este eminente filósofo, crítico literario e escritor a Compostela¡ A que espera o amigo Jorge Mira para incluílo no programa de divulgación da Ciencias e das Artes, ConCiencia, que coordina?
Daquela podería ter ocasión de ilustrarse un pouco e de trousar algún que outro prexuízo. E para recuperar un bó sabor de boca, ata podería degustar unha mariscada¡ Jorge, aí che deixo a idea.

1/8/08

Pequenos praceres confesables_1


Inicio hoxe o que espero que sexa unha serie de post dedicados a esas pequenas cousas e momentos que fan que gocemos da vida.
Son granciños de felicidade efémeros que só os anos de experiencia facultan para poder aprecialos, valoralos e vivilos con intensidade. Non é posible retelos pois escápanse e flúen como o faría unha troita das mans dun neno inexperto que por casualidade a intentase apreixar.

1. Cea de verán no exterior escoitando a chúvia

Poñámonos en situación. Mediados do mes de agosto nos arrabaldos dunha cidade do interior da Galiza. Temperatura agradable e o líquido elemento caendo durante varias horas dunha forma mansa pero persistente. Con certa enerxía e presenza.
No exterior da entrada principal da vivenda, circundada por diferentes prantas e coroada por unha buganvílea colmada de flores, atópase unha silla de praia que a pesar disto é confortable e cómoda.
A escea está feblemente iluminada por unha farola da rúa que fai innecesaria calquer outro foco de luz. Sento na silla e ceo de vagar unhas humildes viandas (tortilla de pataca, atún en aceite de oliva, queixo, marmelo e pan ben cocido). De cando en vez acerco a copa de godello (mágoa que non sexa "Guitián"). Remato, paseniñamente, cun café só regado con sangue branca.
As formas das pingas ao trasluz da farola seguen, daquela, a ser impredecibles.
A fartura do momento, o encanto e maxia da situación vén dado, maioritariamente, pola chúvia persistente e abundante.
Xa mo dicía un vello veciño meu da aldea, o amigo Justo hoxe por desgracia xa desaparecido, cando me atopaba de volta: a chúvia en Santiago é arte.
E a mín que me parece arte figurativo en calquera lugar¡

31/7/08

Centrais


Os que cuestionan as medidas de aforro enerxético anunciadas polo ministro de Industria seguramente lles parecerá pobre e incompleto o seguinte mapa conceptual.









De ser así, que outros campos incluirían para xenerar a enerxía suficiente para seguir co ritmo actual de consumo?
Polo si ou polo non o aforro e a eficiencia impóñense dígao o Sr. Ministro ou dígao o seu porqueiro.

28/7/08

Polas terras de A Fonsagrada


Agradabilísima fin de semana en compañía de fraternais amigos.
Paisaxe excelente. Amabilidade das súas xentes (puiden mercar o xornal os dous días sen atrancos e cun sorriso nos beizos da señora do kiosque, e ollo¡ que sei o que me digo, que non é tan doado como parece conquerir isto). Amabilidade no ultramarinos, na panadería, nas tascas e bares,nas cafeterías,na cantina da praia fluvial (sabrosa e oportuna tortilla e churrasco)
Inauguramos (repetidamente) unha cervexaría con agrado. Os donos tratáronnos estupendamente. Ogallá lles vaia ben nesta nova xeira¡.
Hotel cómodo, agarimoso, con boas instalacións.
Tempo atmosférico idóneo para camiñar (ata choveu e todo, un pracer)
Mínima contaminación lumínica. Mar de estrelas desde o balcón do Hotel.
Restaurante "Cantábrico", excelente, con anécdota incluída:
- Boas noites, somos dez.
- E nós catro
- ¿ ¡
- Nós somos dez
- E nós catro
- ?? ¡¡
- Xa, pero nós somos dez
- E nós catro e ben os daremos atendido
Ceamos cómodamente. Ao saír:
- Somos dez e fomos atendidos por catro estupendamente.
As viaxes de ida e volta sen complicacións. Bon xantar en Melide (a destacar o polbo), bon xantar en Lugo, no mesón "A nosa Terra"(espero que as "tejas" resultaran sabrosas)Non podía ser doutro xeito.
En resúmo, un sitio para repetir.

A praia

A praia pode ser ese lugar que observa o marido, descansado e compracido de que a súa muller se torre confortablemente ao sol ao carón de ou...