21/10/15

Axuste de mínimos cadrados

Cando todo semella que no país veciño vai ser posible a formación dun goberno formado polo Partido Socialista de Portugal con apoio parlamentar de formacións tan diferentes a este e entre si, como son o Bloco de Esquerda e o PCP, (e os que coñezan minimamente a política portuguesa saberán que isto, de concretarse, vai supoñer un cambio histórico na política de alianzas) aquí, na Galiza, seguimos sen avances significativos, mais ben todo o contrario, acerca da posibilidade de artellamento dunha candidatura única cara ás vindeiras eleccións xerais do 20 de decembro.
A pesar do clamor de plataformas e colectivos e do chamamento de importantes sectores da sociedade galega para que se presente unha única opción de esquerdas, coa máxima pluralidade posible, os que teñen o poder de decisión non rematan de pór enriba da mesa os medios, os mecanismos e as vontades para conquerir tan ansiado obxectivo.
Tan difícil é acordar un programa de mínimos co que presentarse diante do electorado? Tan complicado é axustar as diferentes sensibilidades e pactar un conxunto de medidas e actuacións aínda que sexa aplicando o chamado método de mínimos cadrados? (é dicir, tomando os puntos nun plano como análogos ás principais directrices dos diversos programas electorais, axustar a recta, que sería o programa pactado, de tal forma que pase pola maior cantidade de puntos posible e, de non selo, alomenos que o seu trazado non se afaste moito da maioría deles)
Quizáis non estea de máis lembrar neste momento que os partidos, agrupacións, coalicións e/ou federacións políticas non son máis que instrumentos, todo o valiosos que se queira pero ferramentas ao fin, para levar á práctica políticas que termen do país para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas e que estas poidan aspirar á procura da felicidade, polo camiño que cada quen teña a ben seguir. De nada vale crer, lexitimamente, que se posúen e se teñen gardadas as esencias máis nucleares do país cando este esmorece paseniña mais inexorablemente e mostra xa sinais claros de precisar atención urxente.  
Se realmente sabemos diferenciar o substancial do accesorio, o importante do secundario, aínda temos tempo, non moito ben é certo, para reflexionar e actuar en consecuencia. Acho que os vellos loitadores, os devanceiros, o demandan e o merecen.
 

No hay comentarios:

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...