21/11/09

João Aguardela


Hai quen o compara con Zeca Afonso ou con António Variações. Polo que coñezo (que aíndo non é moito) considero que non é esaxerado. A creatividade e a imaxinación da súa obra acada cotas notables. A ligazón, a mestura que realizou da música tradicional portuguesa coa música moderna (pop, rock,..) ten un aquel de premonición, de que estamos a experimentar algo novo, inusual, creativo. O seu proxecto Megafone é moi meritorio. Nel combina a máis pura música tradicional, composicións perseguidas con teimosía nos seus lugares de orixe, coas modernas posibilidades da técnica musical electrónica. Mágoa que a súa morte prematura deixe inconcluso tan magno proxecto, así como tamén os estimables Linha da Frente e A Naifa. Seica mantiña que a música era para dar e portaba un lema inusual neste tempos de "esgaes" e demáis chuchadores: "Se não gostarem do álbum, passem o disco, não fiquem com ele".
Aí vai unha "molécula" da súa "imensa" obra.

5/11/09

Que a paren xa¡


Ameazan os dirixentes da Liga de Fútbol Profesional (LFP) con parar a liga. Parece que non lles gusta a posibilidade de que se lexisle para que determinado tipo de traballadores coticen á Facenda igual que os demáis, sen nengún tipo de privilexio (privilexio que por certo xa vén da época da presidencia do Sr. Aznar e que o Sr. Zapatero ata o momento non considerou conveniente modificar e só o fai agora, no contexto de certos pactos con partidos da esquerda nacionalista, para lograr sacar adiante os orzamentos con máis apoios dos estrictamente necesarios do punto de vista do mínimo aritmético). Din que daquela a "liga das estrelas" perigaría. Que pesadelo, vivir sen os galácticos¡ De que ían falar os "comunicadores"?
Pois ben. Deixando a parte o feito de que tal paralización sería un peche patronal, pensemos no beneficioso que podería resultar para a boa marcha do país. Imaxinan? Unha competición de fútbol, no futuro, sen futbolistas estrela? Atletas practicando un deporte. Só iso?. Ben, perfecto. Estaríamos no camiño de ponderar, valorar e situar as prioridades nun lugar distinto ao actual. Recuperaríamos certo sosego e sentidiño, certa consideración co raciocínio. Relativizaríamos a suposta importancia de certos persoeiros e, o que é máis importante, evitarímos ter que enterarnos, moi ao noso pesar sempre temos que facelo, de que tal ou cal "fenómeno" ten unha escornadura de nocello e está a piches de repetir a resonancia para achegarlle os resultados ao informe que se está a preparar para remitir a un segundo equipo médico, ista vez a clínica do afamado galeno mister Ding. Ou, tamén que o líbero do Atlético Superación ten problemas no ligamento anterior esquerdo e é dúbida para o domingo.
Así que, señores presidentes dos clubes, adiante xa coa paralización. Somos moitos os que aplaudiríamos tal circunstancia. Non se corten. Indígnense moito e paren. Paren e paralicen a competición, e... se pechan a porta, mellor.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...