20/10/15

Misión cumprida


Pasou tanto tempo que nin me lembro se fostes herdadas. Posiblemente. En todo caso ese detalle carece de importancia, o realmente salientable son os moitos anos que durástedes, ás veces que vos usei nas máis complicadas condicións, ben é certo que só esporadicamente e para certos traballos. A vós o da obsolescencia programada dávos a risa. É natural, pertencedes a outro tempo. Sodes de outra feitura e condición, noble e auténtica. Deume un sentimento profundo ter que prescindir de vós. Mais, ben sabíades que cando permitístes que o líquido elemento perforase o material do que estábades feitas era só cuestión de tempo. Aínda ben, prorroguei o uso durante o verán sabendo que o tempo estaba rematado. Boa viaxe e agardo que coa reciclaxe teñades unha nova vida. Até Sempre!

14/10/15

Cifras obscenas. Avanzando cara a destrución.

Quizáis poida parecer un título alarmista ou esaxerado. Coido que non. Vexamos. O recente informe do banco suízo Credit Suisse sitúa e contextualiza a dimensión dun dos problemas máis graves cos que se enfronta a humanidade: a crecente desigualdade (outros serían o cambio climático, a pobreza, as migracións, a codicia e a contaminación, por citar algúns dos máis perigosos para a supervivencia humana). Nas diferentes táboas do antedito informe podemos apreciar a ruína moral que invade por momentos á sociedade actual. A prensa de hoxe destácao dunha forma gráfica co seguinte titular: O 1% máis rico posúe tanto patrimonio como todo o resto do mundo (por certo, non entendo como esta noticia non sae salientada na portada a catro ou cinco columnas no canto de aparecer como un pequeno "breve" na parte inferior esquerda; certamente é un signo máis do estado da cuestión). Como é posible que unha colectividade poida aturar semellante situación sen saltar de indignación, sen iniciar un regueiro de protestas e accións que encamiñen a situación cara unha máis ampla e xusta situación de convivencia? Desde que o economista Thomas Piketty escribira o seu famoso libro El capital en el siglo XXI evidenciouse que esta sociedade de capitalismo neoliberal que nos permea fabrica amplas zonas de desigualdade e pobreza. No canto de camiñar cara a consolidación dunha clase media que se formou, na súa maior parte e con diferentes ritmos e intensidades segundo os países, a finais da segunda gran guerra do século pasado, e que se consolidou ata finais dos anos setenta, en que tivo lugar a profunda reformulación do capitalismo co aparecemento das políticas neoliberais, avanzamos deica a súa destrución e con ela a do hábitat que nos permite a vida.
O sistema capitalista neoliberal, despois da momentánea oscilación producida na crise de 2008, recuperou todos os seus folgos (que lonxe queda aquela famosa idea de refundación do capitalismo, que algúns dos máis nervosos voceiros dos donos da finca se apresuraron a barallar para evitar a súa catástrofe) impoñendo a súa dinámica depredadora: austeridade, explotación e miseria.
Cada día é máis evidente que estamos a atravesar unha descomunal crise de características poliédricas, que abarca aos máis diferentes campos e sectores, que non parece que teña fin e que está a condicionar de forma grave e determinante a vida da maioría das persoas.
O modelo económico neoliberal baseado nun crecemento económico que se pretende contínuo e que ten como sustento un hiperconsumismo atroz no que nos atopamos mergullados con diferentes niveis de complexidade, ameaza con levar á sociedade a un beco de difícil retorno, cando non ao colapso xeneralizado. Móstrase incapaz de artellar unha posible solución á crise que padecemos e non é quen de ofertar oportunidades de vida para a inmensa maioría dos cidadáns, nomeadamente aos centos de milleiros de mozas e mozos que, con preparación académica formal ou sen ela, están escandalosamente excluídos do sistema, subsistindo só algúns deles baixo unhas condicións laborais deplorables nos que os dereitos dos traballadores son prácticamente inexistentes e a explotación é a regra.
O sistema político, incapaz de artellar unha representación política que mereza tal nome, navega entre incertidumes e, desorientado, mostra as carencias da tradicional democracia representativa para pór remedio aos desafíos que plantexa o sistema económico imperante, producindo unha desafección que acada límites preocupantes.
Por outra banda a poboación mundial non deixa de crecer a un ritmo que moi pronto fará inasumible a subsistencia cun mínimo de dignidade ao contar cuns recursos planetarios escasos e limitados. A loita por eles será, posiblemente, o foco máis importante de conflitualidade no futuro, xunto co choque civizacional se determiñadas elites se empeñan en impor e exportar, ou cando menos condicionar, o seu modelo económico e social a colectividades que participan e atenden a outras formas de ser, de vivir e de estar.
Por último, a superficialidade, a banalidade, a idiotez, o pasotismo mesturado con axustadas doses de ignorancia indocta, imperan en amplas capas da nosa sociedade e son escaparate de degradación moral e cívica. Fronte a isto, a urxencia en promocionar valores como os de responsabilidade, honradez, solidariedade, interese polo común, pola convivencia en harmonía coa natureza en pequenas e autosuficientes comunidades humanas, é inaprazable.




16/9/15

Aproximación

É claro, algúns queren aproximar o auto o máis perto posible do lugar ao que acoden, mesmo contrariando a lóxica máis elemental. Un considera que para achegarse aos lugares no que se practiquen actividades de lecer sería aconsellable andar un pouco. Pero non, hai persoas que se puideran colocarían o coche na mesma auga.


O automóbil, tan útil en certos momentos e ocasións e tan prescindible en outras moitas. Usémolo con racionalidade.

10/3/15

Anotacións ao fío

  • "En estos tiempos de naufragio y ruina, el único poder que puede fortalecernos es un pensamiento inteligente y claro" The New Republic, citado no artigo "Elogio de la razón" de Soledad Gallego-Díaz no xornal El País.
  • É o crecemento económico a base do benestar?
    Acaso un consumo en constante aumento, a parte de ser un imposible, favorece o desexo e a felicidade?
    Temos que aceptar que a desigualdade, sobre todo económica, é un feito natural?
    É a competencia condición sufiente para a xustiza social?
    Zygmunt Bauman, e non só el, cre que non. 
  • Hai formas mellores de promocionar un monumento ao mesmo tempo que se coida o pequeno xardín da súa fachada. As seguintes fotos  mostran que o valado de metal, por circunstancial que sexa, afea de forma inmesericorde a fermosa construción. Hai cousas de difícil entendedeira.

5/2/15

O importante e o accesorio

O intelixente é conservar en bo estado os monumentos para poñelos en valor, proxectalos convenientemente e lucilos o mellor posible.
O importante son as obras feitas, as reparacións realizadas e os arranxos producidos. O accesorio é a empresa que as fai que non debería ter máis realce que o feito de saber que as fixo e que pode, no seu caso, afrontar posibles reclamacións por non ter executado con dilixencia, corrección e idoneidade as obras proxectadas.
Pero non sempre é así. Vexan senón a seguinte imaxe. Fala por sí soa. Consecuentemente sobran comentarios.

9/12/14

(Re)Descubrindo a Ribeira Sacra

O evento tivo un parto non exento de dificultades xa que fronte a alternativas máis distantes e, a priori interesantes, finalmente saíu triunfante aquela que viña avalada con promesas de ríos fermosos, monumentos ancestrais, bosques exuberantes e animados, montañas imponentes e rexas, muros de pedra labrada robustos, pousos e aromas de cidade pequena, cercana e, ao mesmo tempo, incerta, aires de vilas auténticas, parroquias e aldeas de intenso vigor e sabor.
Sabiamos, e agora sabemos aínda mellor, que o evento ofertaba unha contorna natural e paisaxística de primeira magnitude, que condensaba alimento físico e espiritual, intelecto e paixón, arte e tradicións, sensacións e reflexións.
Feita a cata, temos que dicir que para o viaxeiro atento destacan as construcións milenarias, os toques de cosmopolitismo, os filamentos de modernidade, a harmonía e estrutura de pedra asentada, a cromaticidade de córes distribuidas seguindo pinceladas de artista veterano, os sons debedores de compases sabios e, como era de agardar, aventuras imprevistas, auga, pan e viño. Sobre todo auga, pan e viño.
Como non podía ser doutro xeito fixemos unha rota de pequeno percorrido e grandes sensacións. De escasa dificultade mais de grande fermosura. No seu tránsito puidemos apreciar o traballo ben feito, o amor á terra e o agromar da riqueza a partir de excepcionais condicións naturais e contrastada sabiduría para transformar a posibilidade en realidade, o amorfo en estruturado o terruño abandonado en recuperado. E autenticidade, pois aínda observamos lavar as tripas_tempo de matanza_ nos regatos, como antano: avós, pais e netos colaborando, conservando tradicións, ensinando uns, aprendendo outros.


O pozo onde poden beber as bestas, o pozo que da vida e, ás veces, morte.
Durante a andaina topámonos con plantacións de árbores autóctonas, vistas espectaculares e panorámicas atraintes.
O rota ten un remate espectacular xa que o fai nunha fervenza dividida por tramos que morre no Sil entre macizos imponentes e rumores penetrantes.
Tamén visitamos unha adega chefiada por un bodegueiro-dandy que nos ilustrou, non de balde, sobre os coidados e características dos viñedos da zona. E na cidade que tomamos como base visitamos monumentos de realce e agasallamos ao noso corpo con esmeradas iguarias ben regadas con líquidos amorosos.
Infelizmente non puidemos facer uso da praia fluvial do cabo do fin do mundo, pero aí fica a referencia para tempos estivais.
O pai Miño, o caudaloso Sil, os bosques autóctonos e as igrexas, capelas e mosteiros foron os nosos acompañantes. Ficamos agradecidos.



En resumo: xornadas intensas, completas, variadas e agradables, estancia próxima e confortable, viaxes rápidos e dilixentes, andainas saudables, viandas variadas, no punto e ben preparadas, caldos_dos dous tipos_sabrosos e abondosos e, o máis importante, risas, ditos, acontecidos, anécdotas, festexos, celebracións sorpresa, reflexións... e todo baixo o abrigo do manto da amizade dándonos amparo e agarimo.
Portugal, por esta vez non puido ser, pero será.

3/6/14

Marketing

Explica Zygmunt Bauman no libro Bauman, Z & Lyon, D. Vigilancia líquida. Barcelona: Paidós, 2013, que calquera marketing, para ser eficaz, require tanto do coñecemento dos grupos que non son aptos como obxectivo de vendas, como da identificación dos grupos que serán o "obxectivo" preferido do esforzo comercial. E, a seguir, achega un exemplo que pola súa clareza e certeira identificación paso a citar no orixinal. A cita é un pouco extensa, mais acho que merece a pena:
"Un buen, aunque arquetípico, ejemplo de la relación entre ambos tipos de vigilancia institucional es el software desarrollado para las empresas que necesitan procesar las llamadas entrantes. Este software permite que los que llaman sean clasificados y separados para recibir un trato diferenciado, de acuerdo con la posibilidad que presentan (o no) de mejorar los beneficios de la compañía. Los individuos que llaman y que parecen prometedores son puestos en espera pero atendidos casi inmediatamente por operadores seniors con poder para tomar decisiones en el acto. En el otro extremo, aquellos que no resultan prometedores esperarán quizás para siempre, recibiendo mensajes repetitivos y aburridos intercalados entre músicas repetitivas ad nauseam y con promesas grabadas de ser conectados con el primer operador disponible. Si el intruso sobrevive al trato y a la burla que esto implica, y se niega a colgar, él o ella será conectado con un operador de bajo rango sin poder alguno para resolver el problema que motivó la llamada (que suele ser una reclamación)".
Agora, díganme se algunha vez non se sentiron identificados, e até diría que atrapados e maltratados, neste tipo de prácticas.
Só desexo que, alomenos, algún ou algunha de vostedes tivese a experiencia, e a sorte, de perceber que pertencía ao grupo de aqueles individuos que o software de turno clasificase como seres prometedores.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...