Mostrando entradas con la etiqueta Viaxes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Viaxes. Mostrar todas las entradas

9/12/14

(Re)Descubrindo a Ribeira Sacra

O evento tivo un parto non exento de dificultades xa que fronte a alternativas máis distantes e, a priori interesantes, finalmente saíu triunfante aquela que viña avalada con promesas de ríos fermosos, monumentos ancestrais, bosques exuberantes e animados, montañas imponentes e rexas, muros de pedra labrada robustos, pousos e aromas de cidade pequena, cercana e, ao mesmo tempo, incerta, aires de vilas auténticas, parroquias e aldeas de intenso vigor e sabor.
Sabiamos, e agora sabemos aínda mellor, que o evento ofertaba unha contorna natural e paisaxística de primeira magnitude, que condensaba alimento físico e espiritual, intelecto e paixón, arte e tradicións, sensacións e reflexións.
Feita a cata, temos que dicir que para o viaxeiro atento destacan as construcións milenarias, os toques de cosmopolitismo, os filamentos de modernidade, a harmonía e estrutura de pedra asentada, a cromaticidade de córes distribuidas seguindo pinceladas de artista veterano, os sons debedores de compases sabios e, como era de agardar, aventuras imprevistas, auga, pan e viño. Sobre todo auga, pan e viño.
Como non podía ser doutro xeito fixemos unha rota de pequeno percorrido e grandes sensacións. De escasa dificultade mais de grande fermosura. No seu tránsito puidemos apreciar o traballo ben feito, o amor á terra e o agromar da riqueza a partir de excepcionais condicións naturais e contrastada sabiduría para transformar a posibilidade en realidade, o amorfo en estruturado o terruño abandonado en recuperado. E autenticidade, pois aínda observamos lavar as tripas_tempo de matanza_ nos regatos, como antano: avós, pais e netos colaborando, conservando tradicións, ensinando uns, aprendendo outros.


O pozo onde poden beber as bestas, o pozo que da vida e, ás veces, morte.
Durante a andaina topámonos con plantacións de árbores autóctonas, vistas espectaculares e panorámicas atraintes.
O rota ten un remate espectacular xa que o fai nunha fervenza dividida por tramos que morre no Sil entre macizos imponentes e rumores penetrantes.
Tamén visitamos unha adega chefiada por un bodegueiro-dandy que nos ilustrou, non de balde, sobre os coidados e características dos viñedos da zona. E na cidade que tomamos como base visitamos monumentos de realce e agasallamos ao noso corpo con esmeradas iguarias ben regadas con líquidos amorosos.
Infelizmente non puidemos facer uso da praia fluvial do cabo do fin do mundo, pero aí fica a referencia para tempos estivais.
O pai Miño, o caudaloso Sil, os bosques autóctonos e as igrexas, capelas e mosteiros foron os nosos acompañantes. Ficamos agradecidos.



En resumo: xornadas intensas, completas, variadas e agradables, estancia próxima e confortable, viaxes rápidos e dilixentes, andainas saudables, viandas variadas, no punto e ben preparadas, caldos_dos dous tipos_sabrosos e abondosos e, o máis importante, risas, ditos, acontecidos, anécdotas, festexos, celebracións sorpresa, reflexións... e todo baixo o abrigo do manto da amizade dándonos amparo e agarimo.
Portugal, por esta vez non puido ser, pero será.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...