Mostrando entradas con la etiqueta Actualidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Actualidade. Mostrar todas las entradas

17/11/23

Alerta informativa

Comparto este vídeo co ánimo de difundir a mensaxe que nel se contén. Non hai nada máis urxente no plano informativo xeral que asumir a gravidade da situación á que nos enfrontamos na actualidade por mor da intervención humana nos delicados mecanismos e equilibros que gobernan o noso planeta. Non temos outro habitable (polo menos polo momento) e estamos a estragalo. 




16/12/15

Luces, adornos e felicidade.

  • O Nadal. Puntual sempre. Cansino, reiterativo, inevitable.
  • Sigo impresionado pola publicidade dunha gran cadea de grandes almacéns. Pretende que a xente se endeude, solicitando un préstamo, para mercar adornos, agasallos, alimentos e todo tipo de enseres, artiluxios e caralladas propias deste tempo. Consuma vostede en cousas necesarias e noutras perfectamente prescindibles, sexa feliz adquirindo produtos e servizos perfectamente superfluos. O que importa é a conta de resultados. A felicidade e o interese polas persoas só importa en tanto en canto estas consuman, se non o fan non poden acadar a felicidade. Así de simple, así de mintireiro. Mais, non faga caso. Consuma vostede o que sexa mester para si, non para os demais, adquira o que precise para si e os seus pero nen un obxecto ou servizo máis. Non se deixe engaiolar, non se escravice, non se embruteza. Reflexione, matine se realmente eso que lle propoñen lle convén a vostede ao mais ben lle favorece a eles. Lembre: dicir e asumir a afirmación "no meu comportamento como consumidor mando eu" é acadar un exercicio de soberania e liberdade que o fará máis digno, máis sabio e máis feliz, na medida do posible, sen enganos, sen artimañas, sen quenta mentes.
  • A lotería de Nadal goza de boa imaxe. Aproveita a oportunidade da celebración festiva e da tradición e lanza o seu anzó. Ademais ofertan a posibilidade de poder cobrar o premio o mesmo día do sorteo. Como se ese fose o problema! O meu problema e, quizáis o dalgún de vostedes, é a sensación de que nos tomen por incautos. Digámolo xa: este sorteo, chamado de Nadal, é o pior do ano con diferenza desde o punto de vista da probabilidade, xa de por si moi baixa, de que toque algún premio. Ah! pero... e a ilusión, dirán algúns. Certo. A ilusión é moi importante, mais pode ulisquearse de outras formas, acadarse por outros camiños, experimentarse de outra forma, menos mentireira, menos consumista, menos alienante.

21/10/15

Axuste de mínimos cadrados

Cando todo semella que no país veciño vai ser posible a formación dun goberno formado polo Partido Socialista de Portugal con apoio parlamentar de formacións tan diferentes a este e entre si, como son o Bloco de Esquerda e o PCP, (e os que coñezan minimamente a política portuguesa saberán que isto, de concretarse, vai supoñer un cambio histórico na política de alianzas) aquí, na Galiza, seguimos sen avances significativos, mais ben todo o contrario, acerca da posibilidade de artellamento dunha candidatura única cara ás vindeiras eleccións xerais do 20 de decembro.
A pesar do clamor de plataformas e colectivos e do chamamento de importantes sectores da sociedade galega para que se presente unha única opción de esquerdas, coa máxima pluralidade posible, os que teñen o poder de decisión non rematan de pór enriba da mesa os medios, os mecanismos e as vontades para conquerir tan ansiado obxectivo.
Tan difícil é acordar un programa de mínimos co que presentarse diante do electorado? Tan complicado é axustar as diferentes sensibilidades e pactar un conxunto de medidas e actuacións aínda que sexa aplicando o chamado método de mínimos cadrados? (é dicir, tomando os puntos nun plano como análogos ás principais directrices dos diversos programas electorais, axustar a recta, que sería o programa pactado, de tal forma que pase pola maior cantidade de puntos posible e, de non selo, alomenos que o seu trazado non se afaste moito da maioría deles)
Quizáis non estea de máis lembrar neste momento que os partidos, agrupacións, coalicións e/ou federacións políticas non son máis que instrumentos, todo o valiosos que se queira pero ferramentas ao fin, para levar á práctica políticas que termen do país para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas e que estas poidan aspirar á procura da felicidade, polo camiño que cada quen teña a ben seguir. De nada vale crer, lexitimamente, que se posúen e se teñen gardadas as esencias máis nucleares do país cando este esmorece paseniña mais inexorablemente e mostra xa sinais claros de precisar atención urxente.  
Se realmente sabemos diferenciar o substancial do accesorio, o importante do secundario, aínda temos tempo, non moito ben é certo, para reflexionar e actuar en consecuencia. Acho que os vellos loitadores, os devanceiros, o demandan e o merecen.
 

17/12/13

Linguaxe gráfico e símbolo

Oferta non vendida versus demanda insatisfeita
Ata para isto é malo o excesivo control

Sempre, ou case, hai quen gañe e quen perda

Presumir do que non se ten


Avanzamos. Uns máis que outros.
Retrocedemos. Uns máis que outros.

Vida segada, chanzos por subir.




18/8/12

Ninguém sabe o que é que vai acontecer...

Que tempos!
Semella que imos camiño do abismo, da derrocada definitiva, e para algúns mortais como se chovese. Para algúns outros chegou a hora de reaccionar, aínda que non sabemos ben cómo. E para a maioría preocupacion, pesimismo mais tamén sol e praia.
Mentras esto escribo os voceiros de turno están a dar a lata, como de costume, entre outros medios e mecanismos, no antigo tubo de raios catódicos, hoxe reconvertido en pantalla plana de plasma, de LCD ou mesmo de LED. Melloran os medios técnicos pero o nevoeiro persiste coma sempre.
Con todo, hai que seguir vivindo, esta batalla non poden gañala.
Mentras tanto, ilustrémonos e instruámonos. Carguemos as alforxas coas seguintes referencias, unhas de tantas:
Por exemplo este excelente artigo de José María Ridao. Ou ben, noutro orde de cousas, parece que en cuestións de xénero e sexo a causa clarexa. Polo menos lendo este artigo é a impresión que se tira.
Máis, vexamos o que pode facer outro bó e didáctico artigo. Fernando Esteve Mora, ao meu ver, dá no clavo.
Nun outro campo afírmase que o BCE pode operar de diferente forma a como o fai. Iso é o que se deduce da lectura do artigo do sempre atinado de Paul De Grawuve.
E tamén isto é interesante:




Saúdos.

22/4/12

Veñen para quedarse

Finalmente xa temos negro sobre branco e en papel oficial as medidas necesarias para...
  • Real Decreto-ley 14/2012, de 20 de abril, de medidas urgentes de racionalización del gasto público en el ámbito educativo.
  • Real Decreto-ley 15/2012, de 20 de abril, de modificación del régimen de administración de la Corporación RTVE, previsto en la Ley 17/2006, de 5 de junio.
 Algúns xa poderán durmir tranquilos sabendo que dentro de moi pouco xa terán o potente instrumento nas súas mans. Outra cousa é que sexa tan efectivo como no pasado. A xente xa non se deixa adocenar tan doadamente como antes e ademáis existen as redes sociais. Non sei, non sei ...


15/4/12

Aconteceres

Vivimos unha época de provisionalidade, de mudanzas rápidas e de asunción de medidas transcendentais, que por seren xa tan habituais perderon a súa carga de transcendencia para convertírense en meros sucesos serios e graves. Medidas que diminúen, ás veces directamente anulan, logros sociais acadados durantes décadas de esforzo e loita democrática. Dá a sensación de que algo non marcha como debera e de que pouco hai que facer ao respecto. Eles gañan sempre e nós non temos nada a facer.
A prima de risco, parenta que nunca debemos coñecer, ameaza o noso futuro económico, sen saber moi ben por qué. O comportamento de certas elites políticas e institucionais non permite albiscar nada tranquilizador e mínimamente estable. A situación social complícase por momento ameazando con explodir mañá ou pasado, en escala histórica. E non se ve ao que botar man.
Os vellos métodos de loita e de resistencia evidencian, cada vez que se lles dá ocasión para elo, a súa ineficacia, a súa superación. Cada vez é máis patente a necesidade de inventar outros novos, acorde cos tempos e co inimigo a combater.
Por todos lados aparecen panfletos, escritos, artigos, fotos e videos que procuran, na súa boa fe, explicarnos o que está a pasar, ou ben incidir sobre este ou aquel aspecto que non será obxecto de atención nos medios de comunicación oficiais e habituais. Aquí queda unha mostra desto último:


E o máis preocupante é a sensación que nos queda; que o peor aínda está por vir.

23/12/11

Clarificador

Desde o meu punto de vista é o mellor calificativo que se lle pode poñer ao interesente (outro que tamén lle cadra) artigo de Agustín Ruiz Robledo, publicado onte no xornal "El Pais", titulado "Amaiur tiene derecho".
Con independencia do que cada un pense sobre o asunto, quen máis proveito podería sacarlle serían certos sectores do abano de votantes do Partido Popular. Mais estimo como moi improvable que se dea tal circunstancia por canto dubido que lean este xornal, e os poucos que puidesen facelo seguramente primarían as súas firmezas ideolóxicas fronte ao andamiaxe xurídico.
O argumentario que utiliza o articulista é variado e contundente, salientando a evidencia da decisión política que concorreu no caso, amparada pobremente nun informe digamos que peculiar.
Lémbranos, por outra banda, a ley del encaje, definida por Covarrubias en 1611 do seguinte xeito: "la resolución que el juez toma por lo que a él se le ha encajado en la cabeza, sin tener atención a lo que las leyes disponen". De todas as leis que coñezo, incluida a lei de conservación da ignorancia, é unha das máis curiosas.
Xa se sabe: "ubi lex non distinguit, non distinguere debemus", pois iso.

12/11/11

Zurra na mula!

"Habemus" outro artigo de Gregorio Peces-Barba no xornal El País. Non aporta nada novo, nada que non tivera xa dito en moitas ocasións. Segue coa mesma teima. Ben, está no seu dereito, faltaría máis!. Só un apunte: cando se refire á imposibilidade de rachar a unidade dun Estado soberano, referíndose ao caso español. Afirma que non o permitiría a Unión Europea, os partidos políticos españois e tampouco as institucións. E, acrescenta: "Sigue habiendo sueños separatistas en Euskadi y en Cataluña, pero no solo son imposibles, sino que también son minoritarios". Pois moi ben. Se son imposibles, pouco importa que sexan minoritarios ou non. En todo caso, dentro duns días, saberemos ata que punto esta afirmación é certeira. 
E non tera o xornal global máis artigos de opinión, de fondo, para publicar? De seguro que si. Mais o certo é que dentro duns días hai eleccións xerais.

16/10/11

Precisión

Por suposto que o importante é que o movemento se consolide e arraigue cada vez en máis lugares. O movemento identifícase por 15M (M de maio) por algo. Entón, do mesmo xeito que nos EEUU parece que algúns propagan a idea de que o movemento que está a desenvolverse aló dende hai un mes, basicamente en New York, se ten espallado a outras partes do mundo sen considerar que mais ben tivo o seu inicio nun dos efectos do 15M (visión etnocentrista, non por esperada menos chamativa), tamén cómpre presisar que antes do 15M houbo un 12M (M de marzo, ou mellor "março") no que, ao meu ver, se ten principiado unha forma de protesta e de resposta ante a grave situación económica, financeira e social que estamos a soportar en varios paises. Cuestión distinta é que o 15M, despois, lle dese un pulo que fixese que se dotase dun estilo e peculiaridades propias a toda esta marea de indignación e cabreo. Adiante co cambio de paradigma.

31/5/11

Alemaña, apéase...

Poucos dubidan, neste momento, que despois do grave accidente nuclear de Fukushima o futuro da enerxía nuclear de fisión é, cando menos, incerto. A decisión que remata de tomar o goberno alemán no sentido de adiantar o chamado apagón nuclear é unha medida de extraordinaria importancia que a bon seguro terá repercusións nas decisións, sobre a continuidade ou non da enerxía nuclear, que deberán tomar outros gobernos.
Por moitos esforzos que realicen os defensores deste tipo de enerxía, minimizando o alcance e os efectos do accidente de Fukushima, diferenciando claramente as súas causas e as súas consecuencias do acontecido en Chernóbil, salientando as vantaxes da enerxía nuclear de fisión no referente á diminución das emisións de efecto invernadoiro, o certo é que a cualificación de sete (7) nas escala de eventos nucleares da Axencia  Internacional da Enerxía Atómica (IAEA), e, sobre todo, o recoñecemento por parte da empresa propietaria da central nuclear de Fukushima da evidencia da fusión de varias dos seus reactores, aventuran un futuro  nada optimista de cara á construción de novas centrais, alomenos nos países máis desenvolvidos científica, económica e socialmente, nos cales unha parte importante da súa opinión pública está ben informada sobre estes temas e é quen de avaliar os pros e os contras destas prácticas, e que se suma a outra parte da opinión pública, menos formada, pero moito máis alarmada, á cal a clase política non poderá ignorar.
En todo caso quedan países como Francia, EEUU e China que, por diferentes causas, previsiblemente sigan adiante cos seus plans de futuro. Por outra parte non é aventurado prever que a potente industria e lobby nuclear centren os seus esforzos e resursos, que non son desprezables, en investigar máis intensamente para tratar de solucionar o principal problema desta industria, causante de grande parte da alarma que xenera: o tratamento dos resíduos radiactivos de alta intensidade. Neste sentido as investigacións sobre a transmutación nuclear poden recibir un forte pulo. 
Con todo, eu son dos que penso que o futuro está no proxecto ITER, que está a ser deservolvido en Cadarache. A bon seguro, a medio prazo, teremos a solución a gran parte dos nosos problemas enerxéticos. Mentras tanto o aforro enerxético é unha práctica inexcusable porque... xa se sabe: a mellor enerxía é a que non se consome.


8/3/08

O tempo e o modo


Hoxe parece ser que estou de noraboa por tres motivos, de moi diferente natureza, grao e condición. Un, cíclico e periódico, é un simples divertimento ao que non lle concedo máis valor e transcendencia que a que os demáis lle queiran dar. Outro é coxuntural; fai referencia a unha actividade que procuro practicar a cotío, por querencia e saúde mental. Por fin, o terceiro, é unha conmemoración, unha de tantas, que esta sociedade se encargou de domesticar e banalizar, para a mellor deglutir, ata o punto de permitir que sexa só, apenas, unha referencia histórica que con cansina e pesada puntualidade é lembrada polo/a articulista de garda, para que lle ilustre a introdución ao clásico e tópico artigo (de opinion?)que, sin substancia nen contido algún, escribe por encargo un ano máis; e van.

7/3/08

Para ter en conta


Deberíamos tomar boa nota de todas as intervencións públicas que fixeron e están a facer nestes momentos os diferentes responsables políticos. Resultan moi ilustrativas e clarificadoras.

Barbarie



Vaia por diante a miña condena expresa e firme. Teño a sensación de que o asasinato que se produciu hoxe en Mondragón, outro máis, marcará un punto de inflexión. Nesta vida, xa se sabe, todo ten un principio e un fin.

29/2/08

Inútil




Actualmente os valos que se colocan nas principais cidades para pegar cartaces electorais son algo que, ao meu ver, ten unha eficacia cuestionable. Alguén os observa? Ollo, digo observar, non ver, fixarse, divisar algo, albiscar,...
Só contribúen a entoldar, aínda máis, a xa de seu gris e fea (na maioría dos casos) perspectiva do mobiliario urbano.

26/2/08

Verquénse argumentos nos debates electorais?



Na maioría dos casos, evidentemente non. Moita palabrería, labia, promesa electoral, ocurrencia, obviedade, lugares comúns,... pero argumentos? Ulos?
Son malos tempos para a ideoloxía.
Pero digo eu, ter hai que tela, non si?
Pois iso.

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...