21/10/15

Axuste de mínimos cadrados

Cando todo semella que no país veciño vai ser posible a formación dun goberno formado polo Partido Socialista de Portugal con apoio parlamentar de formacións tan diferentes a este e entre si, como son o Bloco de Esquerda e o PCP, (e os que coñezan minimamente a política portuguesa saberán que isto, de concretarse, vai supoñer un cambio histórico na política de alianzas) aquí, na Galiza, seguimos sen avances significativos, mais ben todo o contrario, acerca da posibilidade de artellamento dunha candidatura única cara ás vindeiras eleccións xerais do 20 de decembro.
A pesar do clamor de plataformas e colectivos e do chamamento de importantes sectores da sociedade galega para que se presente unha única opción de esquerdas, coa máxima pluralidade posible, os que teñen o poder de decisión non rematan de pór enriba da mesa os medios, os mecanismos e as vontades para conquerir tan ansiado obxectivo.
Tan difícil é acordar un programa de mínimos co que presentarse diante do electorado? Tan complicado é axustar as diferentes sensibilidades e pactar un conxunto de medidas e actuacións aínda que sexa aplicando o chamado método de mínimos cadrados? (é dicir, tomando os puntos nun plano como análogos ás principais directrices dos diversos programas electorais, axustar a recta, que sería o programa pactado, de tal forma que pase pola maior cantidade de puntos posible e, de non selo, alomenos que o seu trazado non se afaste moito da maioría deles)
Quizáis non estea de máis lembrar neste momento que os partidos, agrupacións, coalicións e/ou federacións políticas non son máis que instrumentos, todo o valiosos que se queira pero ferramentas ao fin, para levar á práctica políticas que termen do país para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas e que estas poidan aspirar á procura da felicidade, polo camiño que cada quen teña a ben seguir. De nada vale crer, lexitimamente, que se posúen e se teñen gardadas as esencias máis nucleares do país cando este esmorece paseniña mais inexorablemente e mostra xa sinais claros de precisar atención urxente.  
Se realmente sabemos diferenciar o substancial do accesorio, o importante do secundario, aínda temos tempo, non moito ben é certo, para reflexionar e actuar en consecuencia. Acho que os vellos loitadores, os devanceiros, o demandan e o merecen.
 

20/10/15

Misión cumprida


Pasou tanto tempo que nin me lembro se fostes herdadas. Posiblemente. En todo caso ese detalle carece de importancia, o realmente salientable son os moitos anos que durástedes, ás veces que vos usei nas máis complicadas condicións, ben é certo que só esporadicamente e para certos traballos. A vós o da obsolescencia programada dávos a risa. É natural, pertencedes a outro tempo. Sodes de outra feitura e condición, noble e auténtica. Deume un sentimento profundo ter que prescindir de vós. Mais, ben sabíades que cando permitístes que o líquido elemento perforase o material do que estábades feitas era só cuestión de tempo. Aínda ben, prorroguei o uso durante o verán sabendo que o tempo estaba rematado. Boa viaxe e agardo que coa reciclaxe teñades unha nova vida. Até Sempre!

14/10/15

Cifras obscenas. Avanzando cara a destrución.

Quizáis poida parecer un título alarmista ou esaxerado. Coido que non. Vexamos. O recente informe do banco suízo Credit Suisse sitúa e contextualiza a dimensión dun dos problemas máis graves cos que se enfronta a humanidade: a crecente desigualdade (outros serían o cambio climático, a pobreza, as migracións, a codicia e a contaminación, por citar algúns dos máis perigosos para a supervivencia humana). Nas diferentes táboas do antedito informe podemos apreciar a ruína moral que invade por momentos á sociedade actual. A prensa de hoxe destácao dunha forma gráfica co seguinte titular: O 1% máis rico posúe tanto patrimonio como todo o resto do mundo (por certo, non entendo como esta noticia non sae salientada na portada a catro ou cinco columnas no canto de aparecer como un pequeno "breve" na parte inferior esquerda; certamente é un signo máis do estado da cuestión). Como é posible que unha colectividade poida aturar semellante situación sen saltar de indignación, sen iniciar un regueiro de protestas e accións que encamiñen a situación cara unha máis ampla e xusta situación de convivencia? Desde que o economista Thomas Piketty escribira o seu famoso libro El capital en el siglo XXI evidenciouse que esta sociedade de capitalismo neoliberal que nos permea fabrica amplas zonas de desigualdade e pobreza. No canto de camiñar cara a consolidación dunha clase media que se formou, na súa maior parte e con diferentes ritmos e intensidades segundo os países, a finais da segunda gran guerra do século pasado, e que se consolidou ata finais dos anos setenta, en que tivo lugar a profunda reformulación do capitalismo co aparecemento das políticas neoliberais, avanzamos deica a súa destrución e con ela a do hábitat que nos permite a vida.
O sistema capitalista neoliberal, despois da momentánea oscilación producida na crise de 2008, recuperou todos os seus folgos (que lonxe queda aquela famosa idea de refundación do capitalismo, que algúns dos máis nervosos voceiros dos donos da finca se apresuraron a barallar para evitar a súa catástrofe) impoñendo a súa dinámica depredadora: austeridade, explotación e miseria.
Cada día é máis evidente que estamos a atravesar unha descomunal crise de características poliédricas, que abarca aos máis diferentes campos e sectores, que non parece que teña fin e que está a condicionar de forma grave e determinante a vida da maioría das persoas.
O modelo económico neoliberal baseado nun crecemento económico que se pretende contínuo e que ten como sustento un hiperconsumismo atroz no que nos atopamos mergullados con diferentes niveis de complexidade, ameaza con levar á sociedade a un beco de difícil retorno, cando non ao colapso xeneralizado. Móstrase incapaz de artellar unha posible solución á crise que padecemos e non é quen de ofertar oportunidades de vida para a inmensa maioría dos cidadáns, nomeadamente aos centos de milleiros de mozas e mozos que, con preparación académica formal ou sen ela, están escandalosamente excluídos do sistema, subsistindo só algúns deles baixo unhas condicións laborais deplorables nos que os dereitos dos traballadores son prácticamente inexistentes e a explotación é a regra.
O sistema político, incapaz de artellar unha representación política que mereza tal nome, navega entre incertidumes e, desorientado, mostra as carencias da tradicional democracia representativa para pór remedio aos desafíos que plantexa o sistema económico imperante, producindo unha desafección que acada límites preocupantes.
Por outra banda a poboación mundial non deixa de crecer a un ritmo que moi pronto fará inasumible a subsistencia cun mínimo de dignidade ao contar cuns recursos planetarios escasos e limitados. A loita por eles será, posiblemente, o foco máis importante de conflitualidade no futuro, xunto co choque civizacional se determiñadas elites se empeñan en impor e exportar, ou cando menos condicionar, o seu modelo económico e social a colectividades que participan e atenden a outras formas de ser, de vivir e de estar.
Por último, a superficialidade, a banalidade, a idiotez, o pasotismo mesturado con axustadas doses de ignorancia indocta, imperan en amplas capas da nosa sociedade e son escaparate de degradación moral e cívica. Fronte a isto, a urxencia en promocionar valores como os de responsabilidade, honradez, solidariedade, interese polo común, pola convivencia en harmonía coa natureza en pequenas e autosuficientes comunidades humanas, é inaprazable.




Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...