22/5/14

É tempo de preguntar...

Estando xa moi perto as eleccións ao Parlamento europeo aínda estamos a tempo de inquerir dos candidatos cales son as súas opcións sobre determinados temas. Dou por sentado que o elector responsable terá lido algúns programas electorais, alomenos os das opcións políticas que mellor expresan as súas ideas, e recopilado información sobre as diferentes candidaturas para, en caso necesario, poder ponderar cal é a máis acaida na preferencia de voto. Mais aínda restan por saber algúns detalles de certa importancia. Vexamos algúns deles:
- O señor ou señora candidato/a, unha vez electos, farán uso de todos os privilexios que comporta o seu cargo? Ou, vista a desproporción dalgúns deles, sobre todo se nos fixamos na crecente desigualdade social que padecemos, estarán dispostos a minorar o seu uso e disfrute? Poñamos por caso, e só por citar un exemplo, viaxarán sempre en clase turista e doarán os recursos aforrados a calquera institución benéfica? Hai alguén que xa viña tendo este comportamento. Cundirá o exemplo? Pregúntenlles que teñen pensado facer ao respecto.
- O futuro parlamentario asitirá as todas as sesións de traballo en horario completo ou ben os xoves polo serán ou venres de mañanciña fará só acto de presencia para de contado coller o primeiro avión que saia para o seu lugar de destino?
- Trataron de averiguar vostedes cal foi a actividade parlamentaria (iniciativas, intervencións, preguntas, traballos...) dos candidatos que se presenta á reelección? Sei dalgúns que presentan unha folla de servizos raquítica. Cal é a súa xustificación?
- Acaso teñen pensado arbitrar un sistema público e transparente á hora de contratar aos seus asesores e colaboradores? 
- Teñen establecido un calendario e un plan de actuación para poder recibir visitas dos electores en caso de que estes mostren interés en contactar? 
- Comprométense a demitir de forma inmediata se a súa conduta non responde á dignidade do cargo? É dicir, se por acaso se atoparen incursos en algún procedemento xudicial? Estaría ben saber cal é a súa postura ao respecto.
- Farán de forma voluntaria unha completa declaración de bens, ampliando a que teñen que realizar por imperativo legal? 
Por último, unha reflexión. Da mesma forma que non todos os cidadáns somos iguais, tampouco os políticos son todos iguais. De ningunha forma. Se acaso uns son máis iguais ca outros, mais teño o convencemento que algúns son ben diferentes. O meu problema, e quizáis tamén o de vostedes, é o  de identificar ao mellor destes últimos e que, loxicamente, responda á miña filosofía e práctica política. Remato cunha obviedade: como poderán percibir, eu teño pensado exercer o meu dereito e ir votar. Vostedes verán...

Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...