29/9/12

Agora é o momento

Pois si, agora é o momento de axustar cos diferentes candidatos (si, é curioso, os das principais forzas políticas son todos masculinos) ás eleccións ao Parlamento de Galicia o que pensan facer en determinados temas, que adoitan considerarse "menores", en caso de que resulten gañadores e gobernen. Digo temas menores sen moita convicción xa que ás veces convértense en "maiores" en función de determinadas circunstancias (un destes temas aparentemente amorfo e sen importancia, aparecido nos últimos días de campaña, foi extremadamente importante no resultado final das pasadas eleccións por mor do desprezo duns, (ah! "la gouche divine"), a manipulación doutros e o despiste xeral de quen estaba obrigado a respostar a un leque de medias verdades e terxiversacións graves). 
En todo caso, e para tranquilidade persoal, eu gostaría preguntarlle aos señores candidatos, agora que podo e sei que de seguro estarán receptivos a elo, a súa consideración e postura sobre os seguintes aspectos e cuestións que ás veces non se reflicten como deberan nos respectivos programas electorais ou ben a súa referencia está agochada e disimulada en oscuras xeneralizacións e tópicos ao uso que non comprometen a case que nada. Son, sen ánimo de exhaustividade, os seguintes:
  1. Medidas, acordos e propostas para mellorar e ampliar a democracia participativa en períodos non electorais.
    • Ampliación e mellora da medida de iniciativa lexislativa cidadá
    • Introdución dun mecanismo de participación no debate e elaboración das diferentes normativas
    • Asistencia ás comisións parlamentares baixo certos supostos coa posibilidade de facer preguntas aos comperecentes
  2. Actuacións que garantan o cumprimento do programa electoral. Establecer un compromiso de demisión en caso de incrumprimento grave (haberá que pensar ben o que se escriba e prometa e non será válido o recurso á herdanza recibida ou a imperativos da realidade para non poder levalo á práctica: se un non é quen de cumprir o programa co que se presentou ten que presentar a demisión toda vez que debe entenderse que o voto é para cumprir dito programa, non para avalar calquera outro tipo de política).
  3. Aumento da transparencia e do acceso aos expedientes da administración. Información ampla e clara á cidadanía sobre diversos temas dos diferentes sectores da administración. Arbitrar un mecanismo de participación cidadá nas principais mesas de contratación públicas establecendo os canles necesarios para facelo efectivo.
  4. Compromiso preciso e inequívoco de que en caso de que un xuíz ou xuíza impute un delito a un membro do goberno, alto cargo do mesmo ou deputado/a do Parlamento, presentará inmediatamente a demisión, con independencia da presunción de inocencia e das garantías de defensa que o asistan. (que o concernido exerza no seu día, se é do caso, as accións que lle correspondan contra quen truncou a súa carreira política sen ter motivos e probas suficientes para condenalo por aquelo do que se lle tiña acusado)
  5. Utilización do parque móbil oficial. Delimitar claramente quen, e baixo qué circunstancias, vai facer uso do coche oficial. Semella oportuno e exemplar, nos tempos que corren, que só o Presidente da Xunta, Presidente/a do Parlamento e, quizáis, Conselleiros/as, deban ter acceso a este tipo de servizo. Ben sabido é que antes de ir para os cargos os señores e as señoras candidatos/as sabian, na imensa maioría dos casos e, do contrario, hai transporte público, conducir. Non se comprende ben por qué motivo non puideran seguir facéndoo.
  6. Políticas a seguir de cara ás subvencións. Cómpre saber qué tipo de sectores e actividades, e baixo qué condicionantes e/ou circunstancias, van ser obxecto de subvención. Seguiranse a dar axudas públicas ás empresas propietarias dos medios de comunicación? En caso afirmativo con qué criterios e cuantía? Cómo se regulará a publicidade e propaganda encuberta baixo a sinatura de convenios varios para dar cobertura informativa a depende de qué tipo de actos? É importante, tamén, aumentar o control público sobre o detino final destas axudas e vixilar que se cumple o estipulado ao respecto na lexislación.
  7. Ampliación e mellora da declaración de bens dos membros do goberno e do Parlamento, ampliando esta obriga aos altos cargos.
  8. Establecemento dun sistema retributivo máis claro e transparente con información pública das nóminas dos membros do gobernos, deputados/as e altos cargos. O cidadán que paga debe coñecer a cuantía e os conceptos daquelo co que contribúe.
  9. Crear a figura de "titoría" cidadá por parte dos políticos elexidos. Os/as deputados/as do Parlamento terian de reservar unha hora mensual da súa dedicación parlamentar para recibir aos cidadáns pertencentes á circunscrición pola que acadou a súa acta de deputado/a, que mostrasen o seu interese en determinado tipo de actuacións e traballos nos que estivese a intervir o/a parlamentario/a.
  10. Medidas políticas, económicas e sociais que se levarán a cabo para tratar de impedir que non se rache o Contrato social así como, eventualmente, aquelas outras que puidesen melloralo.
Agora é o momento de axustar, controlar e esixir estas e outras cuestións. Dentro dun mes, deberíamos sabelo, xa será tarde. Daquela só poderemos "tirarlle do aire".




Decisión

Se temos en conta as previsións da maioría das enquisas e sobre todo a última do CIS de hoxe mesmo, resulta realmente sorprendente que Pode...